PATRIMONIO PONTÉS CLXII

OS HÓRREOS:

Hoxe ímonos centrar nos materiais de construción, na existencia e nas partes do hórreo.

Materiais de construción:

                                               É moi posible que os máis antigos estiveran feitos de pólas de salgueiro, carballo e, sobre todo, de bímbeos. Logo pasouse a empregar a madeira dándolles unha estrutura moi semellante a actual. Como a madeira é perecedoira, pouco a pouco, fóiselles engadindo partes de pedra (cepas ou pés, tornarratos, linteis, doelas…). Para o tellado empregouse, primeiramente, palla ou colmo, xestas… logo, a lousa e a tella. E no seu acceso, escadas de madeira e logo escaleiras de pedra integradas no mesmo.

Existencia:

                        O hórreo non é exclusivo de Galicia, atópanse hórreos por todo o norte da Península Ibérica (Galicia, norte de Portugal, Asturias, León, Cantabria, Euskadi e Navarra) e en países coma Hungría, Países Escandinavos, Suíza, Romanía…

As partes do hórreo galego:

            Xa fixen antes referencia á riqueza de vocabulario no galego cando nos referíamos aos distintos nomes para o hórreo, o mesmo sucede cando nos referimos aos nomes das partes que varían duns lugares a outros, influíndo tamén os materiais coas que están feitas. Entre as partes do hórreo galego, cos nomes máis comúns, temos:

A soleira, os soportes ou sustentación, o tornarratos, a cámara, o teito e os remates.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS CLXI

OS HÓRREOS:

Hoxe ímonos centrar no seu nome e na súa utilidade ou función.

O nome:

            Coñécese xeralmene coma hórreo, aínda que por mor da riqueza lingüística do noso país tamén é coñecido segundo as zonas por: horro, hórrea, cabazo, cabaceiro, canastro, cabana, celeiro, piorno… Dependendo da forma da súa construción e dos materiais empregados.

A orixe etimolóxica desta verba é moi probable que sexa do latín “horreum”. Aínda que sobre isto hai varias opinións (Escandón, Aramburu…) ímonos quedar coa dos romanos “horreum” ou “granarium horreum” ou “erectus”  á que se referían cando denominaban un tipo de graneiro erguido sobre dunha base, ao que se subía por unhas escadas, segundo referencias tomadas dos textos de Vitrubio e Columela. Elixo esta hipótese porque asemade moitos dos nomes das partes do hórreo son tamén de orixe romano ou do latín, coma trabe, soleira, columna… por exemplo.

Utilidade e función:

            En xeral, é unha construción destinada a gardar o maínzo ou secalo. Mais non foi esta a súa función ou utilidade na súa orixe, xa que está demostrada a súa existencia denantes da introdución do maínzo en Galicia (feito acontecido no s. XVII, no ano 1604). Primeiramente foi empregado coma almacén de todo tipo de comestibles: centeo, trigo, noces, castañas, carne salgada… Xa que era un lugar seguro (onde non chegaban os ratos) e venteado. Mais tarde para secar os queixos, gardar patacas… e, por suposto, o maínzo ou millo noutras zonas.

Nas fotos pódese ver un hórreo co secadoiro dos queixos na parte superior e co maínzo na parte inferior.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

En recuerdo de Ignacio Echeverría, el santo del monopatín

Hoy recordamos a *Ignacio Echeverría*, el héroe del monopatín, quien hace 8 años dio su vida en Londres defendiendo a personas inocentes de un atentado terrorista.

Su acto de valentía, su fe profunda y su entrega por los demás siguen inspirando a muchos.

Seguimos pidiendo su intercesión.

_»Oh Dios, que otorgaste a tu siervo Ignacio un amor tan grande a Ti y a los demás, que le llevó a dar su vida para salvar la de otros convirtiéndose en el *Héroe del monopatín* y en un ejemplo de generosidad para todos, especialmente para los jóvenes._
_Dígnate glorificar a tu hijo Ignacio y concédeme por su intercesión la gracia que te pido. Amén._

PATRIMONIO PONTÉS CLX

OS HÓRREOS

Hoxe, sen saírme da temática dos hórreos, vou cambiar un pouco o contido. Hai tempo, publiquei na revista HUME un artigo sobre os Hórreos no Concello de As Pontes de García Rodríguez e, agora, indo publicando estes artigos, decateime que moitos deles xa non están; é un elemento que ao perder a súa función perde a súa utilidade e acaban desaparecendo. Mais temos que pensar que son uns elementos patrimoniais moi importantes, propios dunha época pasada que, entre todos, debéramos conservar. Son tan importantes coma calquera outro elemento a conservar. Por desgraza isto non é así e pérdense verdadeiros exemplares únicos.
Os hórreos, aínda que abundan por toda a nosa terra galega, non son todos iguais, en cada zona teñen unhas características propias que os definen. No noso Concello, ao estar situado entre dúas provincias, onde terras da de Lugo no seu día pertenceron a As Pontes, temos dous tipos principalmente: O tipo “Vilalba” e o tipo “Cabanas” e eu diría que temos un terceiro e cuarto tipo que son coma mixtos de ámbolos dous anteriores.


Se percorremos o noso Concello, poderemos ver como se van abandonando e como van caendo; en moitos casos, só se conserva a base do mesmo. Son un legado patrimonial que deberamos transmitir ás novas xeracións, pois son mostra e froito dun pasado.


Malia que moitos deles están protexidos pola súa antigüidade, non se protexen para conservalos, porque unha cousa é a lei e outra a realidade. As axudas e protección por parte das administracións deberan de ser efectivas e non só normativas.

Hoxe nas fotos, van dous exemplares, o primeiro tipo “Vilalba” e o segundo tipo “Cabanas”, exemplares que xa non podemos contar con eles pois desapareceron nas expropiacións de ENDESA, coma moitos tantos elementos patrimoniais desaparecidos nesa época.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS CLIX

HÓRREO NO CASCO URBÁN

Ao limpar a finca e sacar as árbores froiteiras que había diante, aparece outro hórreo do que tamén descoñecía a súa existencia por estar oculto á vista. Está situado na finca que fora de Adolfo na Avda. de Galicia, case chegando á ponte de Isabel II.

Trátase dun exemplar grande comparado cos hórreos existentes no concello e suspendido en altura, se cadra dos máis altos do concello, polo menos dos que coñezo.

É do tipo “Cabanas”, con teito a catro augas e que está todo cuberto polas hedras e silvas, polo que pouco se pode dicir del.

Está suspendido a unha altura de dous metros do chan e situado enriba duns catro muretes de ladrillo e que debaixo aproveitarían o cuberto para gardar cousas.

Baseándonos noutros hórreos da zona, podemos dicir que a cámara é de madeira, o que non sabemos é por onde ten o acceso, pois escaleiras nos penais non se aprecian. O teito é de lousa con tella nas arestas. A cámara é máis grande en lonxitude cos hórreos da zona, pertencía a unha casa con recursos polo que almacenaría grande cantidade de maínzo.

Tampouco podemos dicir nada sobre o estado de conservación, mais para min foi unha novidade atopar un hórreo con estas dimensións e dentro do casco urbán.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS CLVIII

HÓRREO 2 NOS LOUREIROS

Trala poda parcial de loureiros, nunha finca pegada á pista, puiden ver un hórreo do que eu non sabía, pois estaba oculto pola ramaxe das árbores.

É do tipo “Vilalba” e de teito a tres augas.

A sustentación é sobre dunha soleira maciza de pedra, sobre ela vai a rateira que é tamén de pedra; enriba a cámara, totalmente de madeira e cunha fita lonxitudinal. A cámara leva corredor no penal da entrada e viseira, pero sen columnas que a sosteñan. A cámara vai dividida en dous corpos por unha columna central a cada lado, de pedra. O teito é a tres augas e cuberto de lousa, cun pináculo de pedra no remate traseiro do teito.

Conserva restos de pintura na madeira da súa cámara e porta, dunha cor marrón avermellada. O estado de conservación presenta deterioro por falla de uso.

O acceso á cámara é por unha escaleira de pedra.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS CLVII

HÓRREO NO MEDIO DO POBO, POSIBLEMENTE DOS POUCOS EXEMPLARES QUE QUEDAN DENTRO DO CASCO URBÁN


Este exemplar de hórreo, que para min foi unha sorpresa, é unha ledicia ter atopado, pois cando pensaba que xa non quedaba ningún dentro do casco urbano, despois de perderse o último exemplar que eu coñecía e que estaba na Vila, din con el. E din con el dun xeito inesperado, pois hai uns anos no medio da conversa coa dona (Dona Pilar de Blanco, xa finada), un día do mes de abril, citou o hórreo que tiña detrás da casa. E o curioso é que estabamos a falar doutras cousas e non de hórreos. Pedinlle permiso para facer fotos e poder presentárvolo agora.


É un exemplar que ten moitos anos, pero que non deixa de ter a súa fermosura e é do tipo “Cabanas”.


– A sustentación é de cepas altas de cachotería de pedra. Pegada á cepa do penal da porta, están as escaleiras tamén de cachotería de pedra.
– As rateiras, son dúas chantas grandes que van sobre as cepas.
– A cámara, como as antigas, é totalmente de madeira (o que nos dá unha idea da súa antigüidade), cunha armazón de madeira. Leva unha fita horizontal lonxitudinal. A porta está nun dos penais.
– O teito é a catro augas (tipo Cabanas) e cuberto de lousa e remate de tella curva no cumio.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS CLVI

HÓRREO NA RIBEIRA NOVA

Este exemplar foi restaurado hai pouco tempo, cando se restaurou a casa que hai ao seu carón neste lugar. Fíxose unha boa restauración de todos os elementos que compoñen o conxunto, sen alteralo practicamente.


O hórreo é do tipo Cabanas, aínda que persoalmente o encadraría no tipo orixinal de As Pontes, xa que hai uns elementos particulares que o definen: cepas de cachotería, chantas de tornarratos, cámara de madeira, porta central con acceso por unha escada de man, catro augas… e pintado.


Mais imos analizar as súas partes:
– Sustentación: cepas de cachotería de pedra. Leva tres, unha central debaixo do lugar da porta.
– Rateiras ou tornarratos: de chantas grandes.
– Cámara: de madeira con fita lonxitudinal horizontal e tres corpos separados por columnas de madeira. Porta central e de acceso á mesma por unha escada de madeira ou directamente, se a persoa está áxil. A cámara está pintada de cor vermella, tal e como estaba na súa orixe, aínda que na foto primeira só se aprecien restos da pintura.


– Teito a catro augas en con remate de enganche unhas lousas noutras.
Como dixen fermoso exemplar típico desta zona e cunha boa restauración.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS CLV

HÓRREO NA SANTA DO CARBALLO.

Exemplar dos poucos que quedan do modelo “Vilalba” que conserven o corredor da entrada, situado na Santa do Carballo e preto do que hai no lugar da Cova que tamén é deste tipo.


Soleira maciza de cachotería de pedra, con prolongación da mesma no penal frontal facendo as escaleiras de acceso nela.


Tornarratos de pedra que vai facendo de piso ou chan da cámara.


Cámara de madeira con dúas columnas centrais, dividindo á mesma en tres corpos iguais. Unha fita horizontal transversal central. Leva corredor na parte da porta coma os do tipo Vilalba.


Teito a tres augas, tamén coma os de tipo Vilalba e de lousas. O remate é con encaixe das mesmas, unhas nas outras e volve aparecer o sistema dos coios no cumio para facer de contrapeso nas lousas superiores.


E coma en outros casos, o poste da luz a carón del.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.