PATRIMONIO PONTÉS CLVI

HÓRREO NA RIBEIRA NOVA

Este exemplar foi restaurado hai pouco tempo, cando se restaurou a casa que hai ao seu carón neste lugar. Fíxose unha boa restauración de todos os elementos que compoñen o conxunto, sen alteralo practicamente.


O hórreo é do tipo Cabanas, aínda que persoalmente o encadraría no tipo orixinal de As Pontes, xa que hai uns elementos particulares que o definen: cepas de cachotería, chantas de tornarratos, cámara de madeira, porta central con acceso por unha escada de man, catro augas… e pintado.


Mais imos analizar as súas partes:
– Sustentación: cepas de cachotería de pedra. Leva tres, unha central debaixo do lugar da porta.
– Rateiras ou tornarratos: de chantas grandes.
– Cámara: de madeira con fita lonxitudinal horizontal e tres corpos separados por columnas de madeira. Porta central e de acceso á mesma por unha escada de madeira ou directamente, se a persoa está áxil. A cámara está pintada de cor vermella, tal e como estaba na súa orixe, aínda que na foto primeira só se aprecien restos da pintura.


– Teito a catro augas en con remate de enganche unhas lousas noutras.
Como dixen fermoso exemplar típico desta zona e cunha boa restauración.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

Deja un comentario