PATRIMONIO PONTÉS CLVII

HÓRREO NO MEDIO DO POBO, POSIBLEMENTE DOS POUCOS EXEMPLARES QUE QUEDAN DENTRO DO CASCO URBÁN


Este exemplar de hórreo, que para min foi unha sorpresa, é unha ledicia ter atopado, pois cando pensaba que xa non quedaba ningún dentro do casco urbano, despois de perderse o último exemplar que eu coñecía e que estaba na Vila, din con el. E din con el dun xeito inesperado, pois hai uns anos no medio da conversa coa dona (Dona Pilar de Blanco, xa finada), un día do mes de abril, citou o hórreo que tiña detrás da casa. E o curioso é que estabamos a falar doutras cousas e non de hórreos. Pedinlle permiso para facer fotos e poder presentárvolo agora.


É un exemplar que ten moitos anos, pero que non deixa de ter a súa fermosura e é do tipo “Cabanas”.


– A sustentación é de cepas altas de cachotería de pedra. Pegada á cepa do penal da porta, están as escaleiras tamén de cachotería de pedra.
– As rateiras, son dúas chantas grandes que van sobre as cepas.
– A cámara, como as antigas, é totalmente de madeira (o que nos dá unha idea da súa antigüidade), cunha armazón de madeira. Leva unha fita horizontal lonxitudinal. A porta está nun dos penais.
– O teito é a catro augas (tipo Cabanas) e cuberto de lousa e remate de tella curva no cumio.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

Deja un comentario