OS HÓRREOS

Hoxe, sen saírme da temática dos hórreos, vou cambiar un pouco o contido. Hai tempo, publiquei na revista HUME un artigo sobre os Hórreos no Concello de As Pontes de García Rodríguez e, agora, indo publicando estes artigos, decateime que moitos deles xa non están; é un elemento que ao perder a súa función perde a súa utilidade e acaban desaparecendo. Mais temos que pensar que son uns elementos patrimoniais moi importantes, propios dunha época pasada que, entre todos, debéramos conservar. Son tan importantes coma calquera outro elemento a conservar. Por desgraza isto non é así e pérdense verdadeiros exemplares únicos.
Os hórreos, aínda que abundan por toda a nosa terra galega, non son todos iguais, en cada zona teñen unhas características propias que os definen. No noso Concello, ao estar situado entre dúas provincias, onde terras da de Lugo no seu día pertenceron a As Pontes, temos dous tipos principalmente: O tipo “Vilalba” e o tipo “Cabanas” e eu diría que temos un terceiro e cuarto tipo que son coma mixtos de ámbolos dous anteriores.
Se percorremos o noso Concello, poderemos ver como se van abandonando e como van caendo; en moitos casos, só se conserva a base do mesmo. Son un legado patrimonial que deberamos transmitir ás novas xeracións, pois son mostra e froito dun pasado.

Malia que moitos deles están protexidos pola súa antigüidade, non se protexen para conservalos, porque unha cousa é a lei e outra a realidade. As axudas e protección por parte das administracións deberan de ser efectivas e non só normativas.
Hoxe nas fotos, van dous exemplares, o primeiro tipo “Vilalba” e o segundo tipo “Cabanas”, exemplares que xa non podemos contar con eles pois desapareceron nas expropiacións de ENDESA, coma moitos tantos elementos patrimoniais desaparecidos nesa época.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.









