PATRIMONIO PONTÉS CXXXIV

HÓRREO II DO LUGAR DO CANEIRO


O primeiro hórreo do Caneiro que vos amosei era o que ía sobre esteos de madeira. Hoxe imos ver outro que está situado na área recreativa do lugar do Caneiro.


Descoñezo a súa orixe, pero debeu de vir da expropiación de Endesa. Está bastante recomposto e moi diferente de como debía ser. Se vos fixades os soportes e as columnas dos penais parecen unha prolongación unhas (columnas) dos outros (soportes); mentres que conserva as rateiras e a cámara orixinais. O teito tamén debeu ser reparado e as vigas lonxitudinais superiores (as que van debaixo do teito) deberon meterllas novas. O remate das lousas do tellado é a base de tella, tamén nova. E ten dous pináculos de remate nos extremos que son da mesma pedra que a  das columnas, polo que é de supoñer que foron engadidos e non son orixinais.


Polo demais, pódese dicir que é un hórreo tipo “Cabanas”, para min é tipo “As Pontes”, con soporte de cepas transversais, cámara mixta (madeira e pedra), as columnas dos penais moi anchas e feitas de varias pedras (cousa que non se ve nos hórreos de As Pontes de Gª Rguez., polo que unha mala restauración), a cámara ten tres corpos, leva unha fita lonxitudinal ao medio, e unha porta lateral no medio da primeira división. O teito é de lousa e a catro augas, rematado en tella e con dous pináculos nos extremos. É un hórreo que lembra ao anterior da Fraga e ao outro que había na Vila

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

Deja un comentario