Archivo por meses: diciembre 2024

PATRIMONIO PONTÉS CXXXVII

Primeiramente, e antes de entrar no artigo en si, quixera desexar a todos/as que ledes estos artigos un Bo Nadal e que se vos cumpran os vosos desexos.

HÓRREO NA FRAGACHÁ

Hoxe móstrovos outro exemplar alto de hórreo no que se refire á súa sustentación. E como veredes con algunha que outra curiosidade. Está situado case enfronte da Igrexa ou Capela que hai na Fragachá. A soleira é maciza e alta, a algo máis de dous terzos colocouse, por un dos laterais (o que amosa a foto) un tellado para un alpendre onde se garda a cisterna do tractor. Por riba desta altura, unha pasarela (de chanta) de acceso ao hórreo que vai dende o balcón da casa ata a porta de acceso. Este paso está por debaixo do tornarratos, non queda á mesma altura da porta. Tamén se pode observar, na segunda foto, que ten unha balaustrada de ferro forxado que na primeira non tiña (fixéraa nunha visita anterior). (Lembra este xeito de acceso ao hórreo III do Caneiro).

O tornarratos é de pedra e fai de piso do hórreo.
A cámara é mixta (madeira e pedra), de tres corpos con dúas columnas centrais. A porta está nun dos penais. Como características especiais da cámara, podemos dicir que unha é que as fitas (3) son verticais e as doelas son horizontais, ao revés da maioría dos hórreos ponteses; a outra, é que ao restauralo, pola outra parte da cámara, fíxose de ladrillo, conservando as dúas columnas centrais e revocouse de cimento toda a soleira ou base maciza. Asemade, o penal traseiro, a metade baixa é de pedra e a metade alta, é de ladrillo; perdendo a súa orixinalidade e beleza.
O teito é a tres augas, con viseira enriba da porta de acceso, pero coa particularidade de que é de uralita (material que non é propio dos hórreos). Orixinariamente este hórreo puidera ser do tipo “Vilalba”

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXXXVI

HÓRREO IV DO CANEIRO

Falareivos hoxe doutro hórreo, o cuarto, do lugar do Caneiro. É similar ao III en varios aspectos e tamén diferente noutros. A soleira é maciza, aínda que baixa e non chega á metade do exemplar III. O acceso faise por medio de escaleiras. O tornarratos é de pedra e fai de piso da cámara. A cámara é mixta, de pedra (columnas e piso) e madeira. Leva unha faixa ou fita lonxitudinal ao medio das doas. A porta está no penal frontal. Enriba da porta leva unha cruz labrada da que xa falamos na sección de “cruces labradas” e unha inscrición: A. G. (Nome do que o mandou facer?) e A.Ñ 1927 (Ano no que se fixo). O teito é a dúas augas, cimentado na unión das lousas e con remates enriba dos penais, cruz (da que falamos no apartado das cumiais) e pináculo. A diferencia do exemplar III non leva capas enriba dos penais.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXXXV

HÓRREO III DO CANEIRO


Este sería outro terceiro exemplar de hórreo existente no lugar do Caneiro, e que é distinto aos xa vistos, é dicir que é especial. Imos ver o por que.


Atopámonos cun hórreo alto, pois a soleira maciza sobre a que está suspendido é moi alta, tanto que o acceso a dito hórreo é polo balcón da casa e, á súa vez, as paredes da soleira fan de paredes das cabanas que hai por ámbolos dous lados. Esta sería unha das primeiras características especias deste exemplar, mais hai máis.


O tornarratos é de pedra e fai de piso da cámara. A cámara é mixta (de madeira e pedra), dividida en dous corpos polas columnas centrais (unha de cada lado). Cunha fita lonxitudinal A porta, nun dos penais que é o que dá de fronte á casa. O acceso á mesma é polo balcón da casa, ao que vai unido por un paso con trabes de madeira e piso de lousa, que leva un balaustro e pasamáns de ferro. O teito é a dúas augas (raro no concello), nos penais unhas grandes pedras a ámbolos lados e a ámbolos extremos, rematadas as de diante nunha cruz de pedra (que estudaremos na sección de cruces cumiais) e na traseira, dun pináculo de pedra moi traballado. A cuberta do teito é de lousas que no remate van engarzadas unhas nas outras.
Este exemplar, lembra na parte do teito,  nas capas dos penais e no remate das lousas (aínda que aquí varía algo),  ao do Pazo-A Faeira, é moi semellante e tamén a dúas augas. Este ten a cruz e o pináculo que o do Pazo non tiña.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXXXIV

HÓRREO II DO LUGAR DO CANEIRO


O primeiro hórreo do Caneiro que vos amosei era o que ía sobre esteos de madeira. Hoxe imos ver outro que está situado na área recreativa do lugar do Caneiro.


Descoñezo a súa orixe, pero debeu de vir da expropiación de Endesa. Está bastante recomposto e moi diferente de como debía ser. Se vos fixades os soportes e as columnas dos penais parecen unha prolongación unhas (columnas) dos outros (soportes); mentres que conserva as rateiras e a cámara orixinais. O teito tamén debeu ser reparado e as vigas lonxitudinais superiores (as que van debaixo do teito) deberon meterllas novas. O remate das lousas do tellado é a base de tella, tamén nova. E ten dous pináculos de remate nos extremos que son da mesma pedra que a  das columnas, polo que é de supoñer que foron engadidos e non son orixinais.


Polo demais, pódese dicir que é un hórreo tipo “Cabanas”, para min é tipo “As Pontes”, con soporte de cepas transversais, cámara mixta (madeira e pedra), as columnas dos penais moi anchas e feitas de varias pedras (cousa que non se ve nos hórreos de As Pontes de Gª Rguez., polo que unha mala restauración), a cámara ten tres corpos, leva unha fita lonxitudinal ao medio, e unha porta lateral no medio da primeira división. O teito é de lousa e a catro augas, rematado en tella e con dous pináculos nos extremos. É un hórreo que lembra ao anterior da Fraga e ao outro que había na Vila

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada