Archivo de la etiqueta: patrimonio Pontes

PATRIMONIO PONTÉS XXXIX

Se mo permitides quixera aproveitar, antes do artigo, para desexar un feliz ano 2023, desexar que sexa un ano para recuperar a paz nos países en conflito, desexar que remate calquera tipo de violencia, desexar cordura aos que nos gobernan, desexar que algo que é básico e elemental en toda sociedade impere para sempre, pois con el solucionaríanse a maioría dos problemas e estou a falar do “respecto”, algo que os nosos maiores trataron de inculcarnos dende que éramos nenos e algo do que adoece a nosa sociedade. Feliz Ano 2023!

E rematamos hoxe co apartado dos cruceiros incompletos e ímonos trasladar ao lugar do Caneiro, onde ao pé da súa Igrexa atopámonos con este curioso exemplar.

CRUCEIRO DO CANEIRO-IGREXA



Localización:
No fronte da Igrexa do Caneiro e preto da pista atópase este exemplar de cruceiro, concretamente no campeiro que conforma o adro da Igrexa.

Plataforma:
A plataforma está composta de dúas gradas visibles, aínda que unha terceira e que faría de soleira podería atoparse debaixo da herba que hai no lugar, pois pola cara que dá a Igrexa pódese observar algún resto de pedra.
As gradas son de cachotería de ollo de sapo e obsérvase deterioro nelas. Na superior e baixo o pedestal unha soa pedra de base cadrada na que encaixa o pedestal.

Pedestal:
Tanto o pedestal coma varal, capitel e cruz son de granito. É de base cadrada e prismática, con escocia moi pronunciada nas súas catro caras e logo outra vez prismática cadrada con chafrán.

Varal:
De sección cadrada con con chafrán nas arestas. É un varal alto e groso, máis ancho na base e estreita á medida que ascende.
Tanto no pedestal coma no varal non se observa inscrición ningunha a simple vista, aínda que está cuberto polo mofo, máis no fronte que dá á pista e que sería a cara onde podería levalas.

Capitel:
O capitel é tronco-piramidal cadrado, invertido e “escalonado”. Raro exemplar no noso Concello é, á vez, fermoso no seu conxunto, aínda que sobrio. Enriba do varal, no encaixe de ambos, sobresae unha moldura tamén cadrada e ancha.

Cruz:
É de sección cadrada tamén, alta e rexia. Tanto no anverso coma no reverso leva círculos en relevo e que van diminuíndo en tamaño cara o centro da mesma, onde hai un círculo un pouco máis grande. O brazo vertical leva seis círculos sen contar o central, e van de abaixo a arriba, de menor a maior tamaño e logo de maior a menor na parte inferior.

É un cruceiro sen inscricións, coma xa comentei, e sen imaxes; mais non deixa de ser un fermoso exemplar rexio e forte, agás na súa base, as gradas. Non estaría demais anotalo dentro daqueles que precisan restauración para que non acabe caendo e rompendo.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXXVIII

E imos hoxe co penúltimo dos cruceiros incompletos.
As veces, aparece patrimonio oculto do que non se tiñan noticias, oculto pola cal ou cemento, oculto pola vexetación… Neste caso atopábase oculto pola vexetación ata que os traballos de limpeza da zona a carón da Escola de Aprendices da vella Calvo Sotelo fixo que saíra á luz de novo. Este exemplar de cruceiro é o coñecido como:


CRUCEIRO DA ESCOLA DE APRENDICES DE E.N.C.A.S.O.


Estaba esquecido no medio dos toxos e xestas e con ocasión de facer a senda ou paseo e limpar a zona reapareceu. Non está recollido en ningún traballo sobre os cruceiros ponteses e, aínda que máis cun cruceiro semella unha cruz alta ou Cristo, ímolo clasificar tamén nos cruceiros incompletos. Algún alumno desta Escola de Aprendices aínda lembra este cruceiro entre os anos 50 e 60. Ao pecharse a Empresa, a vexetación foino cubrindo e quedou esquecido.
Está elaborado en pedra de granito e polo que se pode apreciar, pois habería que limpar máis a zona, consta de dous elementos: a base e a cruz.

A base ou pedestal:
É un prisma cuadrangular de granito e cuberto de musgo e vexetais, pouco se pode apreciar a non ser a figura prismática. Está feito de granito. Non se aprecian gradas, aínda que podería ter unha base máis grande e o que se pode ver sexa o pedestal.

A Cruz:
Os brazos horizontais e o vertical superior son practicamente iguais en lonxitude e tamaño. O inferior fai as veces de varal ou fuste e vai encaixado no pedestal ou base. Son de sección cadrada, aínda que con bisel nas aristas e o remate dos brazos dá a sensación de potenzados por mor do bisel.


A altura de todo o conxunto está moi próxima aos dous metros. E non se observa inscrición nel, aínda que por mor do musgo que ten podería ter algunha e non verse. Tampouco leva imaxes do Crucificado e da Virxe e carece de capitel.

Tratei de buscar información con referencia a este cruceiro, mais non atopei case nada, agás que entre os anos 50 e 60 a xente que estudaba na escola de aprendices da Calvo Sotelo si o lembra neste lugar. Os terreos onde estaba a antiga Calvo Sotelo foron expropiados no seu día para facer a empresa, é moi probable que xa estivera alí anteriormente.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXXVII

Estamos a rematar cos cruceiros incompletos e ímonos hoxe a terras de San Pedro de Eume para atoparnos cun vello cruceiro que durante un tempo estivo case que desaparecido, só asomaba a cruz nun campeiro. No ano 1992, nun suplemento do sábado do xornal A Voz de Galicia, nunha serie dedicada aos cruceiros, aparecer referenciado este cruceiro por D. José María Laredo Verdejo e, máis tarde, recollida esta referencia por D. Juan José Brugoa Fernández, na revista ABRENTE, no artigo “ARTE POPULAR. CRUCEIROS DEL MUNICIPIO DE AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ (A CORUÑA)”; onde nos di que por aquel entón so aparecía visible no campeiro da festa deste lugar a cruz con algunhas imaxes.


Posteriormente foi rehabilitada, aínda que non no seu xeito orixinal, pois faltarían varías partes, e hoxe temos a cruz sobre un pequeno fuste ou varal que vai apoiado nunha base, dando lugar ao:

CRUCEIRO NO CAMPO DA FESTA DE SAN PEDRO DE EUME



Localización:
No campo da festa de San Pedro do Eume e a carón dun cruce de camiños e próxima á Igrexa parroquial.

Gradas:
Non ten

Pedestal:
Vai apoiado o pequeno varal sobre un pedestal que fai de base. Este é de xeito redondo, semellando a pedra dun muíño. Este vai introducido na terra, sendo visible só uns dez centímetros por riba do nivel do chan.

Varal ou Fuste:
É de sección octogonal, rexia e curta. Semella que só aproveitaron algo menos da metade do que sería a lonxitude total do varal.

Capitel:
Non ten

Cruz:
A cruz latina é de sección cuadrangular e de formas bastas. Os extremos dos brazos están algo traballados Na súa base leva un ensanchamento prismático, posiblemente para introducila no capitel ou -tamén puidera ser- a xeito de capitel, de sección hexagonal.

A Cruz anverso, O Cristo:
A imaxe do Cristo non está moi traballada, sinxela e case que esquemática. A imaxe vai pegada á cruz. Non leva o letreiro superior de INRI. Os brazos abertos, rectos e sen detalles. As mans abertas, sen cravos. Pano de pureza moi caído ou baixo e moi estreito. As pernas rectas e cunha lixeira rotación nos pés que van montados. Practicamente en toda a imaxe non hai detalles e é toda ela moi esquemática.

A Cruz reverso, A Virxe:
Ao igual que a imaxe do Cristo, amosa unha imaxe esquemática, sinxela e pouco traballada.
É de talla máis curta co Cristo, aínda que situada a mesma altura. En posición orante e vestida cun manto dende a testa aos pés, que sobresaen por debaixo.

Na parte alta do ensanchamento da cruz, baixo os pés do Crucificado, pode lerse a palabra PAX. A pedra empregada é granito en todas as súas partes.


Pola súa feitura, ben puidera de tratarse dun vello exemplar de cruceiro. Esta é unha das parroquias pouco estudadas no relativo ao seu patrimonio.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXXVI

Pasamos á parroquia do Freixo, unha das que máis grandes das Pontes e que conta cun fermoso patrimonio, ás veces, non moi estudado. Hoxe imos ver un vello cruceiro que está situado a carón da escola do Freixo


CRUCEIRO O FREIXO-ESCOLA:



Exemplar de cruceiro de formas antigas, de finais do século XVIII (1783). As proporcións do varal e da cruz son pequenas e se lle engadimos que carece de capitel, a impresión que dá é que é un cruceiro pequeno.

Localización:
Ao carón da escola, ao lado esquerdo da mesma ollando de fronte, e pegado á pista. Non dista moito do outro cruceiro (O Freixo-Igrexa).

Plataforma:
De forma cuadrangular, dúas gradas, a inferior de grosor o dobre ca superior.
O material é de laxas de ollo de sapo, colocadas a xeito de manpostería.

Pedestal:
É circular, con remate moldurado e baixo. Leva unha ampla molduración de toro e escocia a xeito de base ática.

Varal:
É un fuste ou varal curto, de sección octogonal, con arranque cadrado e final cadrado (aínda que en maior tramo que no inferior ou arranque). No final superior leva unha inscrición que se le con dificultade e di (o lexible):

ESTECA
LVARIOL
OHIZOD
OMAN
ARE
ESANJU

No outro lateral, aínda máis deteriorado e que completaba a inscrición, atopamos a data de 1783, ben lexible.
RJO
???
???
AÑO DE
1783
Non está de todo lexible, hai letras que non se len.

Nota: A familia Sanjurjo de Montenegro ten relación con esta igrexa do Freixo, posiblemente as últimas letras SANJU… do varal se refiran a algún Sanjurjo, que o mandaría erixir. Tamén dá a sensación que nalgún momento perdeu o capitel, pois a parte inferior da cruz e a superior do varal irían nel, hoxe substituído polas grampas..

Capitel:
O capitel é inexistente ou se estragou. A base da cruz está unida cunhas grampas de ferro ao varal.


Cruz:
A Cruz é pequena e de forma grega (brazos iguais) e de sección octogonal ao igual co varal. Ten os extremos lixeiramente bifurcados. O remate dos mesmos é a xeito florenzado con botón central esaxerado, case unha bola.

Cruz reverso, O Cristo:
É un Cristo pequeno e desproporcionado, pegado á cruz. Ten a testa inclinada cara á dereita, con ampla melena. Os ollos pechados e grandes. Pano de pureza suxeito con cordón e anoado á dereita. Os brazos son longos e desproporcionados con respecto ao resto do corpo; coas mans abertas e un cravo en cadansúa e outro nos pés. O pé dereito sobre o esquerdo e apoiados nunha caveira, a xeito de peaña (símbolo do triunfo sobre o pecado).
Non leva coroa de espiñas, nin letreiro ou carteleira de INRI.

Cruz anverso, A Virxe:
A imaxe da Virxe é unha Dolorosa, de tamaño pequeno e sinxela. Vai metida ou acubillada nun fornelo, capela ou “hornacina” tamén pequena. Leva coroa grande e un manto. As mans cruzadas sobre do peito.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXXV

Trasladámonos a outra parroquia de As Pontes, neste caso ao Deveso e visitamos un cruceiro (dos clasificados incompletos pois non ten imaxes da Virxe nin do Crucificado) pequeno e rexio, de mediados do século XIX e que no seu estilo e formas parece único no Concello. Estou a falar do:

CRUCEIRO DO DEVESO

Cruceiro pequeno, mais groso, forte e rexio. O material co que está feito é pedra de Moeche, ou pedra de serpentina (toelo). Comeza a deteriorarse polo paso do tempo e pola construción do camiño á Igrexa; ao quedar no cómbaro do campeiro que queda máis alto co camiño, vaise desfacendo este e a grada ou apoio está bastante deteriorada por ese lado.

Localización:
Situado no curto camiño que baixa dende a pista á Igrexa e extra-muros dela. Na marxe dereita do mesmo.

A Plataforma:
Está formada por dous chanzos ou gradas, a inferior bastante deteriorada por mor do que xa temos dito. De non mirar por el, é moi probable que co tempo remate por caer, pois a base estase indo co terreo.
As dúas gradas son case cadradas. A inferior case está desaparecida, máis visible pola parte traseira. A superior, pola parte traseira, vese tamén partida. Precisaría unha intervención urxente, na base, de afianzamento do chan. (Hoxe descoñezo como está, mais esta era a súa situación cando eu o visitei no ano 20

Pedestal:
É de base prismática cuadrangular, sobresae unha moldura e, na parte de enriba, leva mediacana.
É un pedestal pequeno, máis fermoso na súa feitura. Sinxelo e traballado.

Varal:
Atopámonos neste caso cun dos varais máis grosos e rexios de todos os cruceiros do municipio. Non é moi alto, o que lle confire un aspecto ao conxunto de baixo ou pequeno, aínda que en certo modo, o tamaño da cruz compensa algo o do varal.
É de sección octogonal, con base cadrada e parte superior tamén cadrada. Liso, sen figuras nin inscricións.
Encaixado perfectamente no pedestal, aínda que a parte cadrada sobresae bastante do mesmo – case o dobre da superior – dándolle aspecto de rixidez e forza ao conxunto.
Na parte superior semella que atravesa un sinxelo e pequeno capitel para chegar ata debaixo da cruz; mais non é así, remata baixo o capitel.

Capitel:
Como xa apuntei antes, é un capitel sinxelo e pequeno en aparencia, pois a realidade é que leva unhas molduras enriba do varal, logo sobresae como se fose unha continuación do fuste e a continuación, reducindo a sección cadrada, como unha base baixo a cruz. Esta base vén sendo unha metade da outra parte que vai despois do capitel cara a cruz.
É un exemplar único e raro na súa feitura. Mais todo o conxunto é especial e de feitura única, de todos os exemplares do concello ningún se lle semella, nin na feitura, nin no tamaño.

A Cruz:
Atopámonos cunha cruz tamén rexia e forte pola súa feitura, lisa, sen imaxes, mais cunha inscrición da persoa que o mandou facer e erixir, e o ano. No brazo superior vertical leva escrita a palabra POR, nos horizontais PEDRO CAO ANO DE 1860, a palabra DE vai escrita como era común para abreviar co E dentro do D. En conxunto lese:

POR

PEDRO CAO ANO DE 1860

Como xa dixen, é lisa, non leva imaxe do Cristo nin da Virxe. É unha cruz de sección octogonal con base cadrada, fortemente potenzada a xeito cadrado cara os estremos dos brazos. Na base da mesma, leva unha sección cadrada alta que apoia directamente sobre a sección cadrada e estreita do capitel.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXXIV

Imos hoxe cun exemplar ás claras moi incompleto, pois só ten unha base e unha cruz alta, e que xa non está no seu lugar orixinal por mor das expropiacións de Endesa. O positivo é que foi salvado e trasladado polo seu propietario ao lugar actual. Estou a falar do:


CRUCEIRO DO MEIDELO (HOXE SITUADO NUNHA FINCA DOS ALIMPADOIROS):



É un exemplar de cruceiro que clasificamos como incompletos, xa que só ten o pedestal e unha cruz alta. Dentro destes, é dos que están ben rematados e logrados, xa que, tanto o pedestal coma a cruz están moi ben traballados. E as súas proporcións tamén están ben logradas.
Os materiais dos que está feito son o granito e o toelo. O pedestal é de granito e a cruz alta de toelo.
Este cruceiro é un exemplo do aproveitamento dos materiais que facían os nosos devanceiros, pois cando unha peza non servía xa para a súa utilidade orixinaria, sempre trataban de buscar unha segunda utilidade da mesma. Isto pásalle ao pedestal que no seu día foi unha pedra dun muíño e que se aproveitou, dándolle unha segunda función, para poñela de pedestal do cruceiro por mor do seu tamaño e a súa solidez.


Localización:
Este cruceiro podémolo ollar no lugar dos Alimpadoiros, concretamente na primeira pista que sube á dereita, e nunha finca particular (xusto onde comeza o camiño e na marxe dereita segundo se sube, está).
Primitivamente estaba situado este cruceiro na finca de D. Nemesio Pico Barro, no camiño que ía dende o Meidelo ao lugar do Vilar, na marxe dereita do mesmo. Como xa dixen, por mor da expropiación, trasladouse á nova finca, propiedade do mesmo dono e sita no lugar dos Alimpadoiros (lugar que tamén estaba en zoa de expropiación no seu día).


O Pedestal:
O pedestal está formado por unha pedra de muíño; é ancho, cilíndrico (aínda ca cara lateral do mesmo non é de todo recta, senón que máis ben vai pechando un pouquiño coma toda pedra de muíño) e non moi alto.
Está feito de pedra de granito e é liso, sen figuras.
Na súa parte superior, que non é de todo recta senón máis ben algo ovalada, ten un furado cuadrangular onde encaixa o brazo vertical da cruz.


A CRUZ:

É unha cruz alta, feita en toelo. De sección cuadrangular con chafrán ou octogonal irregular, posto que ten as caras frontais (polo anverso e reverso) máis grandes cas outras (as oblicuas).
Non leva imaxes, é totalmente lisa, agás o texto escrito nos brazos horizontais e a data da súa feitura no brazo vertical inferior.
Nos brazos horizontais a inscrición que leva é a seguinte:

A LA DEBOCIÓN DE MANUELA
ARDAO LAMAS


Aclaro que escribín deboción con b, tal e como está na inscrición e non por erro ortográfico.
No brazo vertical inferior, o máis longo dos catro, leva escrita a data de:
1904
Este brazo remata en xeito de prisma cuadrangular, parte que vai encaixada – toda ela – no pedestal cilíndrico de granito.


Cando se trasladou, partiuse polo brazo vertical longo da cruz e foi restaurada, aínda que se pode observar a simple vista o lugar por onde rompeu.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXXIII

Seguimos na Parroquia de Goente e imos cun exemplar de cruceiro, dos poucos coñecidos, e que para ser sincero eu descoñecía a súa existencia, non oíra falar del. Foi grazas a un veciño, natural de Goente, Rosendo, que cheguei a saber del. Supoño que para a xente que non sexa desta parroquia tamén será descoñecido. Falo do:

CRUCEIRO DE REBOREDOS (GOENTE), LUGAR DA CRUZ



Coido que este cruceiro non está citado en ningún dos traballos escritos sobre cruceiros desta zoa, polo tanto é inédito e, unha vez máis confírmase que o patrimonio coidado polos veciños consérvase moito mellor ca o coidado polas institucións, pois agás pola vexetación que o cubre non ten alteracións.


Localización:
Atopámolo na marxe dereita da pista, indo de Goente cara Reboredos e unha vez pasado este lugar e o rego que hai despois. Rodeado de pinar e confundido cos piñeiros, atópase o cruceiro. Está feito en pedra do Forgoselo e, polas informacións, foi feito no Forgoselo.


Plataforma:
Está formada por tres gradas, aínda que só son visibles dúas a duras penas, pois están cubertas pola vexetación. Mais a base de buscar, atopei a terceira grada que debe facer de asento. A zoa está bastante cuberta pola vexetación, polo que facer unha foto desta terceira grada non foi posible.
É unha grada de tipo cuadrangular.


Pedestal:
Está formado por un bloque paralelepípedo rectangular, moldurado na súa parte superior.
Na parte frontal leva unha inscrición bastante ilexible polo paso do tempo, e pouco puiden sacar en limpo na súa lectura. Aprécianse letras soltas en catro liñas:

E G O A E S T E

E P E S T E

F N O D O Z E

A Ñ O D E 1 9 6 0?


As letras están moi gastadas, pola calidade do granito (que non é boa para gravar letras), xa que é dun grao moi groso, polo que se desfai con facilidade. A parte onde van as letras está máis rebaixada co resto das caras.


Varal:
É un forte e groso varal ou fuste. A sección do mesmo é cuadrangular no inicio e no remate, e na maior parte de sección octogonal. Está bastante cuberto polos liques e non se aprecia ningunha inscrición nel, nin ningún elemento decorativo.


Capitel:
O capitel é de forma tronco piramidal cuadrangular invertido e moi moldurado na parte superior, cunha moldura no medio a xeito de bocel. Como o varal, semella forte e sólido. A súa superficie é lisa non apreciándose ningún elemento de ornamentación no mesmo.


Cruz:
Atopámonos coma no resto do cruceiro cunha cruz grosa e forte, traballada, máis carente de imaxes no anverso e no reverso. Sen inscricións aparentes. De sección oitavada ou octogonal e cos brazos rematados de forma frorenzada con botón central. O remate inferior da mesma e que encaixa co capitel, é cadrado.
Non leva imaxes do Cristo nin da Virxe.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXXII


Seguindo en Goente, imos ver outro exemplar de cruceiro incompleto, se cadra, dos máis vellos dentro deles, pois ten unhas características moi especias que así o parecen confirmar. Falamos do:


CRUCEIRO GOENTE-FINCA PARTICULAR


Este cruceiro pódese clasificar dentro dos incompletos, pois carece de imaxe da Virxe, as outras partes tenas todas. É un exemplar de cruceiro que, posiblemente sexa bastante antigo pola posición do Cristo, xa que está pegado á Cruz, feito que ocorre nos exemplares máis vellos. O material do que está feito é granito.


Por outra banda, pódese dicir que é un cruceiro bastamente labrado o que tamén pode ser outro argumento que avale a súa antigüidade. Mais, aparentemente, non hai elementos (inscricións) que indiquen o ano da súa feitura nin outros datos.


O feito de que a cabeza do Crucificado, ombreiros e corpo, brazos e pernas estean pegados á cruz o identifica cos cruceiros con máis anos.


Sería interesante dispoñer de máis datos sobre el.


Localización:
Está situado nunha finca particular, case enfronte da praza da Igrexa de Goente, na outra banda da estrada que vai a Pontedeume (banda dereita segundo se vai dende As Pontes).
Coma en moitos outros casos, aquí non se respectou o Patrimonio por parte das eléctricas, pois como non lle chegaba o poste de luz e teléfono de madeira, puxéronlle un de formigón ao pé.
Ao estar nunha propiedade privada as fotos foron feitas dende a estrada e se cadra non se aprecian moi ben as partes.


A Plataforma:
Está formada por dúas gradas, grosas. Ou case, tres; pois o pedestal semella ser unha terceira grada. Outra característica dos vellos cruceiros é que o pedestal non se diferencia moito das gradas. Neste caso, practicamente é igual no grosor que as outras dúas gradas


O Pedestal:
É un prisma de base cadrada, semella ser unha grada máis. Nel vai encaixado o varal. A simple vista non se aprecia inscricións nin relevos. É dicir, é simple e liso.


O Varal:
É un varal curto, de sección cadrada e groso. Dá a impresión dunha labra basta, coma todo o cruceiro.


Non se aprecian nel inscricións nin imaxes.
Vai encaixado no pedestal prismático. Semella ser un pouco máis ancho na parte inferior ca na superior, é dicir, que vai estreitando cara arriba.

Capitel:
O capitel é de xeito tronco piramidal cuadrangular invertido, con remate na parte superior. Sen adornos, é dicir, liso.


É un capitel basto, pouco traballado. Tamén pódese dicir, que ao igual co resto do cruceiro, esta peculiaridade confírelle a antigüidade que en todo el se pode apreciar.


A Cruz:
É un exemplar de cruz grosa e de brazos curtos, case que iguais. A sección da mesma é cadrada. Coma o resto do cruceiro está pouco traballada. O seu grosor da cruz é igual ao do remate do varal na parte inferior do capitel, é como se fose unha continuidade do varal na parte superior do capitel.


Os remates dos brazos horizontais son con botón central en forma de cruz ou aspa, que é algo novo nas cruces da zoa atopadas ata o de agora. É o que se chama remate en “punta de diamante”. Mais o curioso é que os remates deste tipo as arestas que forman a punta de diamante veñen dende os vértices da cara do brazo, e neste caso non é así. Sobresaen no centro da cara. Outra peculiaridade máis deste exemplar.

A Cruz Anverso, O Cristo:
É unha representación moi esquemática do Cristo. Este vai pegado ou unido á cruz na súa totalidade. (Aínda que na testa semella unha pequena separación na parte superior).


Cabeza ladeada á dereita. Sen cartela de INRI.
Leva os brazos pegados á cruz, coas mans abertas e suxeitas por un cravo cada unha. Pano de pureza sen cordón visible e sen nó, aínda que semella anoado á dereita (posiblemente a erosión co paso do tempo fixo desaparecer o nó).


As pernas lixeiramente separadas e pegadas á cruz, o pé dereito moi ladeado para montar sobre o esquerdo e atravesados, ámbolos dous, por un cravo.


En definitiva, unha representación antiga do Crucificado.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXXI

Toca hoxe falar dun cruceiro incompleto e de interior de cemiterio. Dentro dos nosos cemiterios ponteses non contamos con moitos que teñan un cruceiro dentro del, fóra si, mais no interior non. Estou a falar do cruceiro do Cemiterio de Lourentín-Goente.

CRUCEIRO DE GOENTE-CEMITERIO LOURENTÍN


Cruceiro de cemiterio. É un cruceiro dos incompletos pois fáltalle o Cristo e a Virxe, no seu canto atopámonos cun sudario na Cruz.
Exemplar relativamente recente (do ano 1969, segundo reza no pedestal) e goza dunha boa conservación, preto del hai unha mesa ou pousadoiro para poñer o cadaleito e rezarlle os responsos denantes de enterrar o defunto.

Localización:
No interior do cemiterio de Lourentín-Goente, atopamos este exemplar de cruceiro, feito en pedra de toelo.
Está situado no medio do cemiterio, fronte á entrada principal.

Plataforma:
A plataforma está composta de tres gradas, a primeira e máis grande está, na súa maior parte, metida na terra.
É de tipo cuadrangular e de feitura fina, isto é, de cortes moi logrados e rectos, é dicir, uso de maquinaria na súa realización coma na das outras partes do cruceiro.
A altura dos chanzos non é moita.

Pedestal:
O pedestal é prismático, concretamente un prisma de base cuadrangular. Vai liso na súa superficie e leva labrado un texto co nome do doante xunto coa data de feitura:

DONADO POR
MARIA GRE-
GORIO DURAN
1969


Este texto indícanos a persoa que o doou e o ano. Datos que se aprecian nos cruceiros máis recentes e non tanto nos antigos onde son máis escasos de atopar, ben porque non os poñían, ben pola erosión producida co paso do tempo, dado que algúns teñen moitos anos, máis de douscentos.

Varal:
É de sección cadrada na base (onde encaixa no pedestal) e na parte superior (onde encaixa no capitel) o resto vai achafranado o que lle confire un aspecto de sección octogonal irregular.
Trátase dun varal liso, sen relevos; relativamente alto.

Capitel:
O capitel, ao igual co varal, é liso, sen relevos; de feitura tronco piramidal de base cuadrangular e invertido, de arestas curvas.
Leva molduras rectas na parte superior e na inferior.

A Cruz:
A cruz é de sección cuadrangular, alta e lisa; coas arestas lixeiramente achafranadas, case que inapreciable. Nos brazos horizontais leva colocado o sudario.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXIX

Damos un salto xeográfico no concello, e de Bermui imos ao Caneiro e nesta ocasión falamos do Cruceiro ou Cristo do Caneiro, concretamente o que hai a carón da pista que baixa a este lugar, a man esquerda, e nunha das súas curvas.


CRUCEIRO DO CANEIRO-PISTA.


Cruceiro de tipo cruz alta, practicamente todo el é unha cruz, con algunha peculiaridade como é a de estar pintado de branco.
Está composto por tres partes diferenciadas: grada, pedestal e cruz alta.
Este é un claro exemplo do que se chama polo noso concello un “Cristo”.


Localización:
Situado na marxe esquerda da pista que vai dende As Pontes ao Caneiro, xusto nas curvas pronunciadas que hai mesmo antes do acceso á área recreativa ou merendeiro.


Plataforma:
Leva coma unha grada feita de laxes de pizarra ou o de ollo de sapo, pois o estar pintadas non se aprecia moi ben. É bastante grosa, o que axuda a erguer o cruceiro.


Pedestal:
Está formado por unha soa pedra prismática cuadrangular e algo achafranada na parte superior. Nela vai encaixada a cruz, nun encaixe cadrado. Como o resto do cruceiro, está pintada de branco.
O material semella ollo de sapo.

A Cruz:
É unha cruz alta, lisa e pintada de branco. Non se lle aprecian inscricións nin relevos.
Os brazos van algo frorenzados, pero con remate a xeito de punta de diamante.
A sección é cuadrangular achafranada (octogonal irregular).
Ao estar pintada non se distingue ben o tipo de pedra, mais parece de granito, aínda que é difícil aseguralo.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.