PATRIMONIO PONTÉS CIX

Seguimos no lugar do Caneiro e atopámonos con outra cruz similar á anterior, aínda que esta semella máis da Orde de Malta e estea máis desgastada ou erosionada ca anterior.



CRUZ LABRADA NUNHA CASA DO CANEIRO DE ARRIBA


Nunha casa situada no lugar do Caneiro de Arriba atopamos esta cruz labrada que está inscrita nun círculo a xeito de roda crucífera. O paso do tempo e a erosión son os responsables de que se atope tan desgastada e case non se aprecia ben en toda a súa totalidade.


O brazo que mellor se aprecia e pode ver é o vertical inferior, permitindo dicir que é de tipo “palada, patada ou patté”, aínda que non teñamos a certeza ao cen por cen e puidera ser da Orde de Malta. Os brazos horizontais semellan rectos na súa parte superior e inclinados na inferior. O superior non se distingue ben tampouco.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CVIII

Centrámonos hoxe  no Caneiro e concretamente no hórreo número 2, ao que fixemos referencia nas Cruces Cumiais, e que tamén ten un exemplar de cruz labrada.


CRUZ DO HÓRREO Nº 2 DO CANEIRO



Nun hórreo existente no lugar do Caneiro, indo fotografar un hórreo alí existente e que ten unha cruz cumial, atopei esta cruz labrada na parte frontal do mesmo e situada no penal da porta.
É unha cruz latina (brazos desiguais) e cos brazos horizontais máis delgados cos verticais. O brazo superior rematado en punta por mor do remate do peche do penal e é bastante curto.


Está traballada en pedra de toelo, ben labrada.


Debaixo da cruz leva dúas inicias (A . G.) e o ano (A.Ñ .1927), que supoño serán as iniciais do dono da casa e o ano de construción de dito hórreo.


Os alimentos gardados no hórreo tamén estaban baixo a protección da cruz para que non se estraguen e se garden ben. Xa dicía Castelao que o hórreo é como o Sagrario onde se garda o pan.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTES CVII

Imos hoxe cun exemplar de cruz labrada que tivemos a sorte de poder impredir de que fose a parar á escombreira. Estaba situada nun lugar expropiado por ENDESA, concretamente en Saa de Abaixo.


CRUZ DA CASA Nº 26 EN SAA DE ABAIXO

Esta casa, número 26 de Saa de Abaixo, era propiedade da familia Caaveiro de Saa de Abaixo.
Cruz atípica no concello, pola escaseza desta tipoloxía. É o tipo “Orde de Malta”, isto é, de catro brazos fortemente ensanchados nos extremos e rematados cada un deles en dúas puntas, facendo un total de oito puntas. As dúas aspas horizontais son iguais e, nas verticais, a superior de menor tamaño ca inferior que é a máis grande de todas e máis ancha. A cruz é de tipo latina (brazos desiguais).
Estaba situada no lintel da porta principal da casa.  Está labrada na mesma pedra do dintel, sobresaíndo do mesmo.
O lugar de Saa de Abaixo foi expropiado por ENDESA no ano 1.995 e derrubadas as súas casas e demais construcións adxectivas por mor da construción do parque de carbón. Entre as casas derrubadas estaba esta que levaba o número 26, conñecida polo nome de casa de Dona Francisca, e pertencente a D. José Nicolás Caaveiro Corral.
Hoxe, esta pedra do dintel da porta coa cruz, atópase ao pé do hórreo existente no patio do C.P.I. “Monte Caxado”, sendo unha peza máis do Museo Etnográfico.. E constituíndo unha das poucas mostras do noso patrimonio que se salvaron de ir parar a escombreira ou coleccións particulares. O Museo, despois de facer as xestións precisas co dono e con ENDESA, logrou que lle fose doada a pedra lintel coa cruz, asemade, tamén lle foi doada unha pedra de muíño (dunha acea), que se atopaba na base (cepa maciza) dun hórreo, existente no mesmo lugar.
A cruz de Malta foi emblema dos Cabaleiros de San Xoán ou Cabaleiros Hospitalarios.
(Lembremos da existencia na Vila dun Hospital da orde de San Xoán).

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CVI

E imos hoxe con outro tipo de cruces, as labradas.

Son aquelas que están traballadas nas pedras dos linteis das portas, dos muros, paredes…; xeralmente sobresaen da mesma pedra, é dicir, están en relevo. Non son moi grandes na maioría dos casos.

Foron postas, coma no caso da maioría das riscadas, como símbolo de protección contra o mal. Debían protexer, non soamente as persoas, tamén aos animais e incluso ás colleitas, pois algunhas están tamén nos hórreos.

CRUCES DA LÁPIDA NA PORTA DA IGREXA DE SAN PEDRO DE EUME

Coido que este é un dos achádegos importantes para min, neste estudo sobre as cruces no noso concello. Na porta da entrada da Igrexa de San Pedro de Eume, atópase unha lápida moi curiosa, e, ao mesmo tempo, moi gastada polas pisadas da xente ao longo dos anos. Representa ou é unha reprodución do escudo de Galicia, e para min que é a única representación que temos do mesmo no concello de As Pontes de García Rodríguez, e , se cadra, nin a hai en concellos veciños; asemade rara en Galicia pois esta é unha lápida non un escudo ou brasón propiamente dito. Non tiña coñecemento dela en ningún dos traballos que sobre o noso concello se fixeran con anterioridade e penso que non está estudada por ninguén. A Igrexa de San Pedro de Eume é moi antiga, e posiblemente debaixo dela estea soterrado algún frade ou nobre importante e moi relacionado coa nosa terra. A lápida en cuestión, ten un escudo dentro do que se atopa o cáliz ou copón coa hostia ou Sagrada Forma na parte superior, fóra do escudo dúas cruces na parte superior e a ámbolos dous lados (Cabe sinalar que nas primeiras representacións do escudo de Galicia só aparecía representados un copón ou varios, mais non había cruces; ou de habelas só era unha e estaba enriba rematando o copón, é dicir, formando parte da tapa do mesmo. No século XVI o copón foi trocado polo cáliz e a hostia, e un pouco máis tarde, engadíronselle varias cruces). A pedra na que está labrada é de granito e, como xa dixen, moi desgastada polos anos e a situación (entrada da igrexa).

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CV

Atopámonos cun exemplar que como con moitos, o paso do tempo, vaise perdendo a súa orixe e descoñécese por quen a puxeron alí.


CRUZ NO REGO DO OURO



Esta cruz está situada na confluencia de dous camiños, un deles (que debía ser o principal, hoxe está pechado por arame de espiños. Descoñezo a historia polo momento,  non sei quen morreu neste lugar nin en que circunstancias, mais é unha cruz de desgraza ou morte repentina.

É unha cruz grande, traballada toda ela nunha chanta de pedra de ollo de sapo. Os brazos horizontais e o vertical superior están cortados en oblicua, non son rectos na terminación; posiblemente rotos co paso do tempo.


O camiño no que está situado atópase preto do parque eólico da Faladora, non é doada de atopar, pois os camiños que por aquí pasaban deben estar fóra de uso, polo que hai que ir a ela expresamente. O camiño que sube por diante dela debe ir cara os lugares pretos da estrada que vai cara Ortigueira.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CIV

Na Parroquia de San Martiño de Goente, ao pasar pola estrada en dirección a Pontedeume e detrás do cemiterio, pódese ver unha cruz alta. Este é o exemplar do que imos a falar hoxe.



CRUZ DE DETRÁS DO CEMITERIO DE SAN MARTIÑO – GOENTE



Está situada esta cruz detrás do cemiterio de San Martiño, en Goente. Visible dende a estrada, pola marxe esquerda.
É unha cruz moi ben feita e moi bonita, xa que está ben traballada. Dentro das cruces de desgraza, debe ser unha das máis grandes e mellor lograda das que temos no concello.


Está feita en pedra de gra. Asentada nunha base feita en cachotería de pizarra ou lousa, de forma prismática cuadrangular. E, á súa vez, asentada nunha base de pedra de gra a igual ca cruz e de xeito paralelepípedo rectangular. Na parte que dá ao cemiterio ten unha inscrición con bastantes letras (o que indica unha inscrición longa), mais imposible de ler polo seu desgaste. O brazo inferior da cruz ensánchase a xeito de tronco piramidal cunha base cadrada. O resto dos brazos rematan potenzados e con corte de diamante. A sección da cruz é cadrada.


Parece que ten a súa orixe nunha morte por desgraza por mor dunha chispa ou raio que matou a unha muller cando viña cun saco de gran a moer nun dos muíños do Val de Seoane. Ao parecer, noutro tempo, polo lugar da cruz debía de vir un camiño que ía cara o Val de Seoane.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CIII


Deixamos a zoa do Freixo e imos achegándonos ao pobo e na estrada de Marraxón de Abaixo, atopámonos co exemplar de hoxe.



CRUZ EN MARRAXÓN DE ABAIXO



Na mesma pista de Marraxón de Abaixo, na marxe dereita, atópase esta cruz que é moi antiga, concretamente do ano 1866 como reza na inscrición que ten. Está deitada contra a sebe de tuias que terman dela, pois está solta no pé.


É unha cruz de ollo de sapo, de tamaño medio e solta na base. Cos tres brazos superiores, practicamente, iguais e con inscrición neles. De arriba cara abaixo pódese ler:

JESVS

MIRA?

AÑO DE 1866

ALEJANDRO CEBREIRO?

Poño dúas interrogantes, a primeira por non estar claro o I e, a segunda, por non ter claro tampouco as letra AL. Todas elas están desgastadas por mor do tempo e do material, xa que o ollo de sapo non é unha pedra dura e desfáise coas inclemencias climáticas.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CII


Situámonos hoxe no lugar do Caneiro, concretamente na zona de lecer alí existente, a carón do río Eume, ao seu paso por este lugar. Neste sitio, no seu día, ademais do refuxio, grellas para o churrasco, fonte, hórreo… puxeron tamén unha cruz.


CRUZ DO CANEIRO



Situada no lugar do Caneiro, concretamente no lugar de lecer e descanso ou área recreativa, na parte dereita segundo se chega a dito lugar.
Non é, supoño, a súa situación orixinal, xa que deberon de poñela alí cando se creou dita área en plan ornamental.
É unha cruz mediana, de brazos case iguais e situada enriba dunha base semellante a un paralelepípedo rectangular, aínda que  con entrantes e saíntes nas cara laterais.


A cruz está feita con pedra de ollo de sapo a a base é granítica.
Posiblemente a súa situaación fose no lugar do Vilar, hoxe desaparecido coa mina e posteriormente o lago, e que viñese das expropiacións.
Ao non coñecer a súa orixe, tamén descoñezo a súa historia de desgracia.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CI

Un exemplar de cruz alta de desgracia.


CRUZ ALTA DE SOMEDE



Situada á man dereita da estrada, xusto ao chegar a Somede e concretamente onde parte unha pista cara a Calvela.


Está feita en pedra de ollo de sapo, totalmente pintada de branco, caleada.
Ten unha base cuadrangular do mesmo tipo de pedra e tamén caleada,  sobre da que se ergue.


A súa altura, aproximada, é de metro e medio. Os tres brazos superiores son iguais e o vertical inferior é o máis longo.


É curioso o de pintar as cruces altas de cal, pois non é este o único exemplar caleado de cruz alta. Isto tiña unha finalidade que era protexer a pedra dos mofos e así evitar o seu deterioro.


Non teño información sobre o motivo polo que foi erixida, isto é, a morte repentina que tivo lugar neste lugar.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS C

E seguimos un día máis no Freixo e outro exemplo de cruz de desgracia, moi similar ás anteriores, na feitura e no material empregado.


CRUZ DE PAXÓN (O FREIXO)

Está situada esta cruz na estrada que vai do Freixo ao lugar de Pazos, nunha desviación por unha pisa á dereita, mais visible dende a estrada. Está nun campeiro e preto dunhas árbores.


É unha cruz moi curiosa, pois é unha cruz de brazos transversais curtos, moi semellante aos ídolos pétreos. É alta e case plana. Está feita en pedra de ollo de sapo.
Carece de inscricións visibles. E non sei por quen a puxeron ni o acontecido.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada