PATRIMONIO PONTÉS CXVIII

Seguindo co tema patrimonial dos hórreos, imos ver algunhas características e partes deles e que tipos de hórreos temos no noso concello.



OS HÓRREOS PONTESES (II)


Os materiais para a construción dun hórreo son: as varas, a pedra, a madeira e a lousa ou as tellas (dependendo da zoa de Galicia).
Atendendo aos materias cos que están feitos temos:
– hórreos de varas
– hórreos de madeira.
– hórreos mixtos (de madeira e pedra).
– hórreos de pedra (non hai no concello).
– hórreos de pedra e ladrillo.
As partes dun hórreo son:
– A soleira.
– Os soportes, que poden ser: columnas, cepas ou muretes, celeiros e cepas macizas.
– O tornarratos.
– A cámara.
– O teito.
Como son os nosos hórreos ponteses? Un dos poucos estudos dos hórreos da zona, o de D. Ignacio Martínez Rguez. (“El hórreo gallego”, Fundación Barrié de la Maza. Montevideo-1977)  dinos que no noso concello existen ou existían dous tipos de hórreos ben diferentes: o tipo Vilalba e o tipo Cabanas
TIPO VILALBA.- Características: Hórreo estreito e de madeira. Leva un corredor cuberto antes da entrada. Teito a dúas augas polo xeral, aínda que hai unha evolución entre o tipo Vilalba e o tipo Cabanas que é o hórreo a tres augas. Apoiado en muretes de cachotería de pizarra. E con tornarratos de lousa.
TIPO CABANAS.- Características: Hórreo pequeno e estreito. Normalmente mixto, aínda que tamén de madeira. Teito a catro augas e vai sobre muretes ou mesa maciza de cachotería de pizarra.
É o máis abondoso no concello.
Aínda que estudando os nosos hórreos podemos decatarnos de que existen algunhas variantes e incluso algún tipo que non está incluído nos dous anteriores.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTES CXVII

Unha vez rematados os artigos relacionados co tema patrimonial de cruces no noso concello, imos comezar con outro apartado dedicado aos nosos hórreos, elementos tamén importantes dentro do noso patrimonio pontés.
Ao ser As Pontes un territorio situado nos lindes de dúas provincias (A Coruña e Lugo) temos unha tipoloxía variada dependendo dos lugares onde se encontran. Os máis próximos á provincia de Lugo son dunha tipoloxía e, canto máis a dentro da provincia da Coruña, son doutra, con variantes tamén dentro deles.

OS HÓRREOS PONTESES (I)

Os hórreos constitúen un exemplo máis do noso Patrimonio material que se está a perder día a día, pola pouca importancia que se lles dá. Asemade a perda do seu uso, contribúe de forma decisiva para que se vaian abandonando e non se conserven como merecen, e pouco a pouco caian e pérdanse para sempre.

É unha construción adxectiva á casa, destinada a gardar e secar o maínzo principalmente. Tamén se di que é un graneiro suspendido ou en alto.

Nel gárdanse e sécanse: maínzo, castañas, fabas, centeo, trigo, noces, abelás, carne salgada, queixos…

Horro, hórrea, cabazo, cabaceiro, canastro, cabana, celeiro, piorno… son algúns dos seus nomes, dependendo da forma da súa construción e dos materiais empregados. Polo xeral, no noso concello, referímonos a el co nome de “hórreo”.

As primeiras referencias deles témolas nos escritores romanos, Varrón, Cayo Plinio Segundo, Lucio Junio Moderato Columela… Todos falan dos “granaria sublima” ou celeiros pendurados que existían xa antes da súa chegada a Gallaecia e que tiñan e empregaban os seus habitantes, polo que a súa antigüidade é anterior á chegada dos romanos. Posiblemente a súa existencia veña do Neolítico co cultivo dos cereais (centeo, millo miúdo ou paínzo…) e coas características climáticas (humidade) do noso país galego terían necesidade de conservar os alimentos en seco.

Os hórreos non son exclusivos de Galicia, atopámolos en Asturias, León, Cantabria, EusKadi, Navarra e norte de Portugal dentro da Península.

Máis tamén en países como Hungría, Suíza, Países Escandinavos, Romanía… África subsahariana, Persia, Xapón e sueste asiático, Península de Kamchatka e área do Estreito de Bering. E por que nesta zonas? Pois porque, como en Galicia, son zonas con humidade alta no clima e a conservación e almacenamento do gran só é posible en hórreos.

En todos os países tenden a desaparecer. Mais hai algúns que tenden a protexelos e conservalos como monumentos do pasado. Deberíamos tomar exemplo deles.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTES CXVI

Co exemplar de cruz labrada de hoxe, rematamos o capítulo das cruces labradas e con eles estes artigos dedicados a Cruces de Pedra do Concello de As Pontes. Agardo que fora do voso agrado e que axudaran a coñecer un pouquiño máis o noso patrimonio material.




CRUZ LABRADA NUN LATERAL DA IGREXA DO DEVESO




Nun dos laterais da igrexa do Deveso, atopamos esta cruz que na actualidade está pintada de negro contrastando co branco da parede da igrexa.
Curiosa cruz o estar inscrita nun círculo rebaixado na pedra e dentro labrada a cruz.
Semella ser unha cruz tipo “orde de Malta” aínda que non moi ben rematada, principalmente no brazo vertical inferior que apoia sobre unha pequena base.
De pequeno tamaño, destaca ao ir pintada.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXV

Hoxe imos a falar da curiosa cruz que se atopa na fachada da Igrexa de Somede.

CRUZ LABRADA NA FACHADA DA IGREXA DE SOMEDE



A Igrexa de Somede, según reza nunha inscrición en pedra na parte superior da porta de acceso, concretamente no lintel da mesma, é do ano 1.899. Concretamente enriba desta pedra, sobresae outra, tamén con inscrición e no medio unha cruz labrada. O texto da inscrición dí: “IGLESIA. PARROQUIAL + DE. SAN. MAMEZ” E na outra pedra como xa dixen:

“AÑO.DE.1899”. Mais o que nos interesa é a cruz, que está situada entre as palabras PARROQUIAL e DE. Trátase dunha cruz pequena, labrada como se fose unida á mesma pedra da inscrición e, ao mesmo tempo, coma se a partise pola metade; pois só está unida a ela na parte superior.


Trátase dunha cruz algo curiosa,  a parte inferior é bilobulada, coma se tivese un pedestal formado por dous lóbulos. Os brazos, aínda que semellan iguais (cruz grega), non o son, pois os horizontais están labrados cono se fosen frorenzados e o superior recto, e unido á parte superior da pedra. Curiosamente na parte superior, sobresae por riba da pedra, como unha semicoroa feita en pedra, ou un pequeno arco.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXIV

O exemplar de hoxe é unha magnífica mostra de cruz labrada, que se atopa na Igrexa do Poboado. Mágoa do abandono de dito edificio porque é un fermosísimo templo, ao que lle teño un especial cariño, pois eu nacín no Poboado, vina facer e estiven en moitas ocasións nela.


CRUZ LABRADA NA IGREXA DO POBOADO

Imos incluír este exemplar dentro das cruces labradas, aínda que poda parecer cumiae, non é. Atópase na fachada da Igrexa do Poboado, por debaixo da cruz cumiae e das campás.
É un fermoso exemplar, moi ben labrada e que vai dentro dunha roda ou circunferencia de pedra, semellando unha roda crucífera.
O especial desta roda crucífera é que é un exemplar magnífico de cruz de Santiago, o digo polo seu tamaño e o ben labrada que está.
A cruz está situada por fóra do rosetón interior da Igrexa.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTES CXIII

Trasladámonos ata Bermui, onde hai tempo atopei esta cruz labrada no exterior da Igrexa e colocada case a xeito de banco, e que tempo despois volvín e xa non estaba no lugar. Agardo que fose gardada no interior do templo, cousa que descoñezo.
É un fermoso e raro exemplar de cruz labrada da que descoñezo a súa orixe.



CRUZ LABRADA NA IGREXA DE BERMUI

Exemplar curioso e antigo de cruz esta e que está situada na entrada da Igrexa de Bermui.
Esta igrexa foi trocada de lugar e feita de novo. Esta pedra na que está labrada, moi posiblemente estivese no lintel da porta de acceso a Igrexa primitiva, baséome na feitura da mesma, xa que ten forma semicircular o que me indica lintel superior da porta. Tamén dáme a sensación de que está incompleta, que dalgunha forma non a sacaron enteira, pois en dous dos brazos parece non rematada.

A cruz é un exemplar único por este municipio. Lembra unha cruz medieval, aínda que tampouco está moi claro. En dous dos remates dos brazos pódense ver dúas ferraduras, unha cara o interior e outra cara fóra. O significado non o teño claro. Lembra algo aos “crismóns”, pero tampouco penso que o sexa.
Esta pedra está exposta no exterior da mesma e colocada a xeito de tallo enriba dun zócalo frontal e dunha pequena base composta de dúas pedras situadas na parte central e unha terceira no lateral esquerdo segundo se mira.

A cruz é ancha e grande, das labradas é a máis grande que atopei ata o de agora e, posiblemente, unha das máis antigas. Aínda que está incompleta, é unha cruz latina. As dúas ferraduras son algo raro e, ao mesmo tempo, o feito de que unha estea nun sentido e a outra no outro desconcerta bastante.
Engadir que na miña última visita a Bermui a pedra xa non estaba neste lugar, non sei se foi introducida dentro da Igrexa ou onde foi parar.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXII

E seguimos na nosa Vila, nesta ocasión na Rúa San Xoán,  cunha cruz da Orde de San Xoán situada no vello hospital intramuros.


CRUZ LABRADA NO DINTEL DO ANTIGO HOSPITAL SAN XOÁN INTRAMUROS NA VILA

Atópase esta cruz no edificio que estivo dedicado a Hospital intramuros na rúa San Xoán e que aínda se conserva na Vila. Fai referencia a ela D. F. Xabier Martínez Prieto, no Nº  4 da revista HUME, no seu artigo: “Os Hospitais de Santa Catalina de Vilalba e de San Xoán das Pontes. Achegamento á realidade social de dous centros de acollida de enfermos, transeúntes e peregrinos”.


É unha cruz de brazos iguais, grega, que vai no interior do círculo, tipo roda crucífera. Esta cruz identifícase cos Cabaleiros Hospitalarios da Orde de San Xoán. Xabier sinala o edificio onde se atopa como o antigo Hospital de San Xoán intramuros, isto é, situado dentro dos muros da Vila. Concretamente está situada no peitoril dunha fiestra pequena, que leva edificio pola parte dereita do mesmo, segundo se olla para el.
O edificio en cuestión polo tamaño (pequeno) e construción debe ser moi antigo, asemade a porta (hoxe diminuída por ter subido o nivel da rúa) danos idea de que hai tempo estaba a un nivel inferior, polo que sinalaría tamén a súa antigüidade, xa que o resto das casas están a un nivel superior.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTES CXI

Na nosa Vila hai varias cruces labradas e tamén riscadas, símbolos de protección contra o mal, para que non entrara na casa ou afectara aos seus moradores. E sinal, tamén, de que dentro vivía unha familia cristián.


Imos ver algúns exemplos destas cruces labradas da Vila, e comezamos cunha que hai na casa que está a continuación do Museo na Rúa Real en dirección á ponte de García Rodríguez, ponte dos ferros ou ponte vella.



CRUZ LABRADA NO DINTEL DUNHA FIESTRA NUNHA CASA DA VILA

De difícil localización esta cruz, posto que está situada nun lateral da casa e nunha fiestra do andar superior da casa. Non é doado vela sen ter unha referencia, eu din con ela de casualidade e co obxectivo da cámara comprobei que efectivamente era unha cruz labrada.


En realidade é unha roda crucífera, unha cruz dentro dun círculo. Non é moi grande, máis ben pequena, o que tamén dificulta a súa localización. Está no lintel da fiestra.
Neste caso tamén se trata dunha cruz patada inscrita no círculo, aínda que non moi lograda e non moi ben labrada.
A casa na que está situada está na rúa Real a carón do Museo Etnográfico.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada