Na casa reitoral da Igrexa de San Martiño de Goente atopamos este hórreo, xusto detrás da Igrexa, na marxe esquerda da estrada que vai de As Pontes a A Coruña.
Atopámonos nesta ocasión con outro alto, fermoso e vello hórreo mixto (madeira e pedra).
A soleira é alta e maciza de cachotería. Tornarratos de pedra que vai facendo as veces de piso ou chan da cámara. O acceso por escaleira no penal da porta. A cámara mixta, con columna central que o divide en dous corpos; leva dúas fitas lonxitudinais transversais. A madeira da cámara xa comeza a dar mostrar de precisar reparación e conservación. O teito a dúas augas, de lousa e remate de tella.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
Hórreo de novo facturación, pois debe ter preto dos dez e poucos anos e do que xa falei algo cando citamos a súas cruz cumial. Está situado en Goente, entre a Igrexa e o Museo do Mel, máis ou menos no medio e na mesma man.
É un hórreo baixo, de cepas de pedra e sen escaleira exterior de acceso.
O tornarratos é de pedra e fai, ao mesmo tempo, de piso da cámara. Cámara mixta (madeira e pedra), con columna central que o divide en dous corpos, fita transversal polo medio da cámara. A porta tena no penal que dá cara estrada.
O teito é a dúas augas, de lousa, con remate de encaixe dunhas lousas noutras e nos penais leva capelas (pedras a ámbolos lados); enriba destas, unha cruz no penal da porta e un pináculo no penal traseiro. Os dous elementos confírenlle máis altura ao conxunto.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
Hoxe preséntovos o Hórreo III do Mariñao, en realidade os restos do que foi un hórreo. Descoñezo se hoxe sigue aínda en pé, pois a foto xa ten uns anos (polo menos 20), mais vale a pena presentalo pois, no seu día, debeu ser un fermoso exemplar. Cando deixan de cumprir a súa función, abandónanse e non se conservan, ao mesmo tempo se os lugares deixan de estar habitados vanse estragando pois precisan conservación de cando en vez.
Polo que se pode apreciar tiña a soleira maciza e con escaleiras unidas á soleira no penal da porta, os chanzos da mesma tiñan o piso de lousa. Polo que se pode ver debeu de ser moi similar ao Hórreo I, pois leva moitos detalles similares, polo que pode ser que o construtor fose o mesmo.
O tornarratos é de pedra e fai de piso da cámara. Esta é mixta (de madeira e pedra), dividida en dúas partes por unhas columnas centrais (unha a cada lado) e dúas fitas lonxitudinais horizontais. A porta nun dos penais, vai divida en dúas partes, con adornos (só queda un), cunha talla dunha roseta central no medio de cada metade. Asemade (e coma no Hórreo I) con adorno superior debaixo do teito. O teito é a catro augas de lousa e rematado con tellas.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.
Hórreo similar nas súas características ao Hórreo I, aínda que con algunhas diferencias.
A soleira é maciza e media-alta, con escaleiras de acceso no penal da porta; a parte alta de cada chanzo é de lousa. Tornarratos de pedra e que fai de chan da cámara. Á cámara é toda ela de madeira, pois as columnas dos penais e as dúas centrais son de madeira (caso moi particular e especial na zona), con dúas fitas lonxitudinais horizontais e a cámara dividida en tres corpos por dúas columnas centrais de madeira. Con porta nun dos penais e, ao igual co Hórreo I leva adornos nas esquinas da metade superior da mesma, non son tallados coma no primeiro caso, mais ben recortados. O teito a catro augas, de lousa e con remate de tella (a diferencia do I que non o levaba).
En aparencia consérvase ben e é un fermoso exemplar, situado no Mariñao.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
Este exemplar que hoxe presento ten algo especial para min, xa que foi o primeiro no que vin labor de talla de madeira. A talla, persoalmente, gústame e cando teño tempo saco unhas labras. Pois neste exemplar aparece traballo de talla na porta de acceso. Está situado no lugar do Mariñao, xunto con outros dous exemplares que non distan moito no espazo, pois están nas casas veciñas e que veremos en sucesivos días. Este é un exemplar de cepa maciza de mediana altura. Tornarratos de pedra todo corrido, facendo as veces de chan da cámara. Cámara mixta de madeira e pedra, con dous corpos separados por columna central e unha cinta lonxitudinal horizontal. Porta nun dos penais, con acceso de escaleira frontal de pedra.
A porta leva elementos ornamentais, consistentes en dous cadros nos que as diagonais céntranse nun círculo tallado no medio de cada un; dentro do círculo vai unha flor tallada. Neste exemplar non se aprecian ben, mais cando vos ensine o terceiro, verédelo mellor. Na parte superior da cámara, tamén leva ornamentación, cunha madeira a xeito de cadradiños xusto por riba da mesma. O teito é o típico da zona, a catro augas e de lousa, con remate de encastre dunhas noutras. Outra peculiaridade deste hórreo é que está datado e ten o nome do dono. No tornarratos, xusto na parte frontal da porta, nunha esquina o ano, 1902 (na da esquerda ollándoo de fronte) e na outra, VIVERO. (Antes do ano ten unhas letras ilexibles)
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
Un terceiro exemplar foi colocado nesta zoan da Canle IV, mais na outra banda do rego Brixeo, oposta aos dos exemplares anteriores. Neste aínda está máis patente a mala xestión patrimonial, pois fixéronlle unha base maciza de bloques. Posiblemente a base orixinal fose maciza de pedra, quixeron facer algo similar e non se lles ocorreu mellor cousa que empregar o bloque. Ben, o fin é o que importa e hoxe temos un exemplar de hórreo máis (que coma os dous anteriores xa comeza a precisar mantemento) salvado da expropiación que, doutro xeito, iría á escombreira.
Estamos ante o que debeu ser un fermoso exemplar no seu día, semellante ao do Pazo-A Faeira, polo menos na súa parte superior. A base, como xa dixen, feita de bloque a xeito de soleira maciza, tornarratos de pedra todo corrido e que fai de piso da cámara. Cámara mixta, de madeira e pedra, de dous corpos separados por unha columna central e cunha fita ou cinta lonxitudinal horizontal. Porta de acceso na cabeceira que dá ao local de ASPANAES. O teito é a dúas augas, de lousa e rematado, no cumio, cunha fiada de tella e, nos estremos, con capas ou sobrepenas de pedra. Acompañan ao conxunto uns pías de pedra.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
Na zona da Canle IV temos tres hórreos que viñeron da expropiación de Endesa, polos anos 90. Hoxe imos ver o primeiro que é un exemplar típico de hórreo “Cabanas”. Non sei se a base é a mesma que tiña, pois descoñezo onde estaba e cales eras as súas características anteriores, xa que foron restaurados e reformados en algunhas partes. Tamén teño que engadir que xa comezan a ter necesidade de limpeza e conservación, é unha mágoa que se estraguen, xa que ademais de ser uns elementos patrimoniais o son ornamentais na zona onde están.
A base actual está composta por tres cepas transversais feitas de pedras graníticas. Sobre cadansúa, un tornarratos ou rateira independente, é dicir, ten tres rateiras. A cámara é mixta, de madeira e pedra; dividida en dúas partes por unha columna central e con dúas cintas lonxitudinais. A porta nun dos penais, o que dá ao pobo. Non ten escaleira de acceso, como dixen, foi trasladado da súa situación orixinal e foi un elemento que non lle puxeron (a súa altura orixinal posiblemente fose maior). O teito é a catro augas, cuberto de lousa e remate de tellas.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
Na zona da Canle IV temos tres hórreos que viñeron da expropiación de Endesa, polos anos 90.
Hoxe imos ver o primeiro que é un exemplar típico de hórreo “Cabanas”. Non sei se a base é a mesma que tiña, pois descoñezo onde estaba e cales eras as súas características anteriores, xa que foron restaurados e reformados en algunhas partes. Tamén teño que engadir que xa comezan a ter necesidade de limpeza e conservación, é unha mágoa que se estraguen, xa que ademais de ser uns elementos patrimoniais o son ornamentais na zona onde están.
A base actual está composta por tres cepas transversais feitas de pedras graníticas. Sobre cadansúa, un tornarratos ou rateira independente, é dicir, ten tres rateiras.
A cámara é mixta, de madeira e pedra; dividida en dúas partes por unha columna central e con dúas cintas lonxitudinais. A porta nun dos penais, o que dá ao pobo. Non ten escaleira de acceso, como dixen, foi trasladado da súa situación orixinal e foi un elemento que non lle puxeron (a súa altura orixinal posiblemente fose maior).
O teito é a catro augas, cuberto de lousa e remate de tellas.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
Primeiramente, e antes de entrar no artigo en si, quixera desexar a todos/as que ledes estos artigos un Bo Nadal e que se vos cumpran os vosos desexos.
HÓRREO NA FRAGACHÁ
Hoxe móstrovos outro exemplar alto de hórreo no que se refire á súa sustentación. E como veredes con algunha que outra curiosidade. Está situado case enfronte da Igrexa ou Capela que hai na Fragachá. A soleira é maciza e alta, a algo máis de dous terzos colocouse, por un dos laterais (o que amosa a foto) un tellado para un alpendre onde se garda a cisterna do tractor. Por riba desta altura, unha pasarela (de chanta) de acceso ao hórreo que vai dende o balcón da casa ata a porta de acceso. Este paso está por debaixo do tornarratos, non queda á mesma altura da porta. Tamén se pode observar, na segunda foto, que ten unha balaustrada de ferro forxado que na primeira non tiña (fixéraa nunha visita anterior). (Lembra este xeito de acceso ao hórreo III do Caneiro).
O tornarratos é de pedra e fai de piso do hórreo. A cámara é mixta (madeira e pedra), de tres corpos con dúas columnas centrais. A porta está nun dos penais. Como características especiais da cámara, podemos dicir que unha é que as fitas (3) son verticais e as doelas son horizontais, ao revés da maioría dos hórreos ponteses; a outra, é que ao restauralo, pola outra parte da cámara, fíxose de ladrillo, conservando as dúas columnas centrais e revocouse de cimento toda a soleira ou base maciza. Asemade, o penal traseiro, a metade baixa é de pedra e a metade alta, é de ladrillo; perdendo a súa orixinalidade e beleza. O teito é a tres augas, con viseira enriba da porta de acceso, pero coa particularidade de que é de uralita (material que non é propio dos hórreos). Orixinariamente este hórreo puidera ser do tipo “Vilalba”
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
Falareivos hoxe doutro hórreo, o cuarto, do lugar do Caneiro. É similar ao III en varios aspectos e tamén diferente noutros. A soleira é maciza, aínda que baixa e non chega á metade do exemplar III. O acceso faise por medio de escaleiras. O tornarratos é de pedra e fai de piso da cámara. A cámara é mixta, de pedra (columnas e piso) e madeira. Leva unha faixa ou fita lonxitudinal ao medio das doas. A porta está no penal frontal. Enriba da porta leva unha cruz labrada da que xa falamos na sección de “cruces labradas” e unha inscrición: A. G. (Nome do que o mandou facer?) e A.Ñ 1927 (Ano no que se fixo). O teito é a dúas augas, cimentado na unión das lousas e con remates enriba dos penais, cruz (da que falamos no apartado das cumiais) e pináculo. A diferencia do exemplar III non leva capas enriba dos penais.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada