CRUCES INDICATIVAS DE MORTES REPENTINAS OU DE DESGRACIA
Iniciamos hoxe outro apartado relacionado coas cruces do noso concello pontés, neste caso as cruces indicativas de mortes repentinas ou de desgracia.
Estas cruces que fan referencia ós lugares onde finou alguén de repente ou de desgraza, son moi abondosas nos nosos camiños galegos, e, polo tanto, nos do noso concello. Aínda que moitas delas se teñan xa perdido para sempre.
Son cruces medianas, non moi grandes, que poden ir dende o medio metro ata o metro e medio aproximadamente.
As grandes, por mor do seu tamaño, téndense a confundir con Cristos ou cruceiros incompletos, principalmente cando xa hai moito tempo que alí morreu alguén por quen se erixiu e a xente xa o ten esquecido, entón deixan de ser a Cruz de… e pasan a ser o Cristo de… (nome do lugar onde están).
Na maioría das veces estas cruces indicativas de mortes están feitas dunha soa peza de pedra.
Nalgunhas ocasións tamén se poñían de ferro ou de madeira, mais son menos duradeiras cas de pedra.
CRUZ DO ALTO DAS GAÑIDOIRAS-RIBADEUME

No alto do lugar das Gañidoiras da parroquia de Ribadeume, ao pé da estrada, e xusto na derradeira curva do punto máis alto de esta estrada atopámonos esta cruz.
É de base cadrada e sección oitvada ou octogonal, de lados desiguais, sendo os maiores os frontais e os menores os desbastados. Terá unhas dimensións de aproximadamente un metro de altura e sobre uns 40cm de anchura nos brazos horizontais. Está feita en pedra de granito.
A base como xa dixen é cadrada nos seus primeiros 20 ou 25cm o mesmo co remate dos outros tres brazos pequenos, semellando unha cruz potenzada.
Non ten sinos visibles de escritura.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada










