Archivo de la categoría: Sin categoría

PATRIMONIO PONTÉS XXXV

Trasladámonos a outra parroquia de As Pontes, neste caso ao Deveso e visitamos un cruceiro (dos clasificados incompletos pois non ten imaxes da Virxe nin do Crucificado) pequeno e rexio, de mediados do século XIX e que no seu estilo e formas parece único no Concello. Estou a falar do:

CRUCEIRO DO DEVESO

Cruceiro pequeno, mais groso, forte e rexio. O material co que está feito é pedra de Moeche, ou pedra de serpentina (toelo). Comeza a deteriorarse polo paso do tempo e pola construción do camiño á Igrexa; ao quedar no cómbaro do campeiro que queda máis alto co camiño, vaise desfacendo este e a grada ou apoio está bastante deteriorada por ese lado.

Localización:
Situado no curto camiño que baixa dende a pista á Igrexa e extra-muros dela. Na marxe dereita do mesmo.

A Plataforma:
Está formada por dous chanzos ou gradas, a inferior bastante deteriorada por mor do que xa temos dito. De non mirar por el, é moi probable que co tempo remate por caer, pois a base estase indo co terreo.
As dúas gradas son case cadradas. A inferior case está desaparecida, máis visible pola parte traseira. A superior, pola parte traseira, vese tamén partida. Precisaría unha intervención urxente, na base, de afianzamento do chan. (Hoxe descoñezo como está, mais esta era a súa situación cando eu o visitei no ano 20

Pedestal:
É de base prismática cuadrangular, sobresae unha moldura e, na parte de enriba, leva mediacana.
É un pedestal pequeno, máis fermoso na súa feitura. Sinxelo e traballado.

Varal:
Atopámonos neste caso cun dos varais máis grosos e rexios de todos os cruceiros do municipio. Non é moi alto, o que lle confire un aspecto ao conxunto de baixo ou pequeno, aínda que en certo modo, o tamaño da cruz compensa algo o do varal.
É de sección octogonal, con base cadrada e parte superior tamén cadrada. Liso, sen figuras nin inscricións.
Encaixado perfectamente no pedestal, aínda que a parte cadrada sobresae bastante do mesmo – case o dobre da superior – dándolle aspecto de rixidez e forza ao conxunto.
Na parte superior semella que atravesa un sinxelo e pequeno capitel para chegar ata debaixo da cruz; mais non é así, remata baixo o capitel.

Capitel:
Como xa apuntei antes, é un capitel sinxelo e pequeno en aparencia, pois a realidade é que leva unhas molduras enriba do varal, logo sobresae como se fose unha continuación do fuste e a continuación, reducindo a sección cadrada, como unha base baixo a cruz. Esta base vén sendo unha metade da outra parte que vai despois do capitel cara a cruz.
É un exemplar único e raro na súa feitura. Mais todo o conxunto é especial e de feitura única, de todos os exemplares do concello ningún se lle semella, nin na feitura, nin no tamaño.

A Cruz:
Atopámonos cunha cruz tamén rexia e forte pola súa feitura, lisa, sen imaxes, mais cunha inscrición da persoa que o mandou facer e erixir, e o ano. No brazo superior vertical leva escrita a palabra POR, nos horizontais PEDRO CAO ANO DE 1860, a palabra DE vai escrita como era común para abreviar co E dentro do D. En conxunto lese:

POR

PEDRO CAO ANO DE 1860

Como xa dixen, é lisa, non leva imaxe do Cristo nin da Virxe. É unha cruz de sección octogonal con base cadrada, fortemente potenzada a xeito cadrado cara os estremos dos brazos. Na base da mesma, leva unha sección cadrada alta que apoia directamente sobre a sección cadrada e estreita do capitel.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXXIII

Seguimos na Parroquia de Goente e imos cun exemplar de cruceiro, dos poucos coñecidos, e que para ser sincero eu descoñecía a súa existencia, non oíra falar del. Foi grazas a un veciño, natural de Goente, Rosendo, que cheguei a saber del. Supoño que para a xente que non sexa desta parroquia tamén será descoñecido. Falo do:

CRUCEIRO DE REBOREDOS (GOENTE), LUGAR DA CRUZ



Coido que este cruceiro non está citado en ningún dos traballos escritos sobre cruceiros desta zoa, polo tanto é inédito e, unha vez máis confírmase que o patrimonio coidado polos veciños consérvase moito mellor ca o coidado polas institucións, pois agás pola vexetación que o cubre non ten alteracións.


Localización:
Atopámolo na marxe dereita da pista, indo de Goente cara Reboredos e unha vez pasado este lugar e o rego que hai despois. Rodeado de pinar e confundido cos piñeiros, atópase o cruceiro. Está feito en pedra do Forgoselo e, polas informacións, foi feito no Forgoselo.


Plataforma:
Está formada por tres gradas, aínda que só son visibles dúas a duras penas, pois están cubertas pola vexetación. Mais a base de buscar, atopei a terceira grada que debe facer de asento. A zoa está bastante cuberta pola vexetación, polo que facer unha foto desta terceira grada non foi posible.
É unha grada de tipo cuadrangular.


Pedestal:
Está formado por un bloque paralelepípedo rectangular, moldurado na súa parte superior.
Na parte frontal leva unha inscrición bastante ilexible polo paso do tempo, e pouco puiden sacar en limpo na súa lectura. Aprécianse letras soltas en catro liñas:

E G O A E S T E

E P E S T E

F N O D O Z E

A Ñ O D E 1 9 6 0?


As letras están moi gastadas, pola calidade do granito (que non é boa para gravar letras), xa que é dun grao moi groso, polo que se desfai con facilidade. A parte onde van as letras está máis rebaixada co resto das caras.


Varal:
É un forte e groso varal ou fuste. A sección do mesmo é cuadrangular no inicio e no remate, e na maior parte de sección octogonal. Está bastante cuberto polos liques e non se aprecia ningunha inscrición nel, nin ningún elemento decorativo.


Capitel:
O capitel é de forma tronco piramidal cuadrangular invertido e moi moldurado na parte superior, cunha moldura no medio a xeito de bocel. Como o varal, semella forte e sólido. A súa superficie é lisa non apreciándose ningún elemento de ornamentación no mesmo.


Cruz:
Atopámonos coma no resto do cruceiro cunha cruz grosa e forte, traballada, máis carente de imaxes no anverso e no reverso. Sen inscricións aparentes. De sección oitavada ou octogonal e cos brazos rematados de forma frorenzada con botón central. O remate inferior da mesma e que encaixa co capitel, é cadrado.
Non leva imaxes do Cristo nin da Virxe.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXXII


Seguindo en Goente, imos ver outro exemplar de cruceiro incompleto, se cadra, dos máis vellos dentro deles, pois ten unhas características moi especias que así o parecen confirmar. Falamos do:


CRUCEIRO GOENTE-FINCA PARTICULAR


Este cruceiro pódese clasificar dentro dos incompletos, pois carece de imaxe da Virxe, as outras partes tenas todas. É un exemplar de cruceiro que, posiblemente sexa bastante antigo pola posición do Cristo, xa que está pegado á Cruz, feito que ocorre nos exemplares máis vellos. O material do que está feito é granito.


Por outra banda, pódese dicir que é un cruceiro bastamente labrado o que tamén pode ser outro argumento que avale a súa antigüidade. Mais, aparentemente, non hai elementos (inscricións) que indiquen o ano da súa feitura nin outros datos.


O feito de que a cabeza do Crucificado, ombreiros e corpo, brazos e pernas estean pegados á cruz o identifica cos cruceiros con máis anos.


Sería interesante dispoñer de máis datos sobre el.


Localización:
Está situado nunha finca particular, case enfronte da praza da Igrexa de Goente, na outra banda da estrada que vai a Pontedeume (banda dereita segundo se vai dende As Pontes).
Coma en moitos outros casos, aquí non se respectou o Patrimonio por parte das eléctricas, pois como non lle chegaba o poste de luz e teléfono de madeira, puxéronlle un de formigón ao pé.
Ao estar nunha propiedade privada as fotos foron feitas dende a estrada e se cadra non se aprecian moi ben as partes.


A Plataforma:
Está formada por dúas gradas, grosas. Ou case, tres; pois o pedestal semella ser unha terceira grada. Outra característica dos vellos cruceiros é que o pedestal non se diferencia moito das gradas. Neste caso, practicamente é igual no grosor que as outras dúas gradas


O Pedestal:
É un prisma de base cadrada, semella ser unha grada máis. Nel vai encaixado o varal. A simple vista non se aprecia inscricións nin relevos. É dicir, é simple e liso.


O Varal:
É un varal curto, de sección cadrada e groso. Dá a impresión dunha labra basta, coma todo o cruceiro.


Non se aprecian nel inscricións nin imaxes.
Vai encaixado no pedestal prismático. Semella ser un pouco máis ancho na parte inferior ca na superior, é dicir, que vai estreitando cara arriba.

Capitel:
O capitel é de xeito tronco piramidal cuadrangular invertido, con remate na parte superior. Sen adornos, é dicir, liso.


É un capitel basto, pouco traballado. Tamén pódese dicir, que ao igual co resto do cruceiro, esta peculiaridade confírelle a antigüidade que en todo el se pode apreciar.


A Cruz:
É un exemplar de cruz grosa e de brazos curtos, case que iguais. A sección da mesma é cadrada. Coma o resto do cruceiro está pouco traballada. O seu grosor da cruz é igual ao do remate do varal na parte inferior do capitel, é como se fose unha continuidade do varal na parte superior do capitel.


Os remates dos brazos horizontais son con botón central en forma de cruz ou aspa, que é algo novo nas cruces da zoa atopadas ata o de agora. É o que se chama remate en “punta de diamante”. Mais o curioso é que os remates deste tipo as arestas que forman a punta de diamante veñen dende os vértices da cara do brazo, e neste caso non é así. Sobresaen no centro da cara. Outra peculiaridade máis deste exemplar.

A Cruz Anverso, O Cristo:
É unha representación moi esquemática do Cristo. Este vai pegado ou unido á cruz na súa totalidade. (Aínda que na testa semella unha pequena separación na parte superior).


Cabeza ladeada á dereita. Sen cartela de INRI.
Leva os brazos pegados á cruz, coas mans abertas e suxeitas por un cravo cada unha. Pano de pureza sen cordón visible e sen nó, aínda que semella anoado á dereita (posiblemente a erosión co paso do tempo fixo desaparecer o nó).


As pernas lixeiramente separadas e pegadas á cruz, o pé dereito moi ladeado para montar sobre o esquerdo e atravesados, ámbolos dous, por un cravo.


En definitiva, unha representación antiga do Crucificado.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXXI

Toca hoxe falar dun cruceiro incompleto e de interior de cemiterio. Dentro dos nosos cemiterios ponteses non contamos con moitos que teñan un cruceiro dentro del, fóra si, mais no interior non. Estou a falar do cruceiro do Cemiterio de Lourentín-Goente.

CRUCEIRO DE GOENTE-CEMITERIO LOURENTÍN


Cruceiro de cemiterio. É un cruceiro dos incompletos pois fáltalle o Cristo e a Virxe, no seu canto atopámonos cun sudario na Cruz.
Exemplar relativamente recente (do ano 1969, segundo reza no pedestal) e goza dunha boa conservación, preto del hai unha mesa ou pousadoiro para poñer o cadaleito e rezarlle os responsos denantes de enterrar o defunto.

Localización:
No interior do cemiterio de Lourentín-Goente, atopamos este exemplar de cruceiro, feito en pedra de toelo.
Está situado no medio do cemiterio, fronte á entrada principal.

Plataforma:
A plataforma está composta de tres gradas, a primeira e máis grande está, na súa maior parte, metida na terra.
É de tipo cuadrangular e de feitura fina, isto é, de cortes moi logrados e rectos, é dicir, uso de maquinaria na súa realización coma na das outras partes do cruceiro.
A altura dos chanzos non é moita.

Pedestal:
O pedestal é prismático, concretamente un prisma de base cuadrangular. Vai liso na súa superficie e leva labrado un texto co nome do doante xunto coa data de feitura:

DONADO POR
MARIA GRE-
GORIO DURAN
1969


Este texto indícanos a persoa que o doou e o ano. Datos que se aprecian nos cruceiros máis recentes e non tanto nos antigos onde son máis escasos de atopar, ben porque non os poñían, ben pola erosión producida co paso do tempo, dado que algúns teñen moitos anos, máis de douscentos.

Varal:
É de sección cadrada na base (onde encaixa no pedestal) e na parte superior (onde encaixa no capitel) o resto vai achafranado o que lle confire un aspecto de sección octogonal irregular.
Trátase dun varal liso, sen relevos; relativamente alto.

Capitel:
O capitel, ao igual co varal, é liso, sen relevos; de feitura tronco piramidal de base cuadrangular e invertido, de arestas curvas.
Leva molduras rectas na parte superior e na inferior.

A Cruz:
A cruz é de sección cuadrangular, alta e lisa; coas arestas lixeiramente achafranadas, case que inapreciable. Nos brazos horizontais leva colocado o sudario.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXX

Cando escribo estas liñas, descoñezo se esta parte do cruceiro que queda (a cruz) e da que vou falar segue aínda existindo; mais é un exemplo do que está a acontecer con moito do noso patrimonio que segue a ser o gran descoñecido e pouco valorado aínda por moita xente.


O SANTO CRISTO DA FAEIRA


Cruceiro que na actualidade xa non está no lugar que debera estar e que podería incluílo no apartado dos cruceiros desaparecidos, mais como aínda o localicei (o que queda del), métoo neste apartado por non estalo de todo. J.J. Burgoa, di que é probable que sexa do S. XVI ou principios do XVII. Persoalmente, cando o vin, pensei que debía ser moi antigo, pola erosión e por estar todo el feito nunha soa pedra (cruz e Cristo) e polo seu grosor , a talla en si, e algunhas características máis.
Din con el grazas a a D. Eladio Puentes Balsa, que me levou ao lugar onde está actualmente, sen a súa axuda inestimable nunca o tería localizado. Engadir que tanto D. Eladio como a veciña coa que falei, referíanse a el como o Santo Cristo da Faeira. Así é como era coñecido, e aínda hoxe se coñece.


Situación:
Atopámonos este cruceiro, o que queda del, en medio dos ferros dun alpendre que hai na finca na que estaba encravado, no lugar da Faeira, e a poucos metros da empresa “Queixos da Faeira”. Orixinariamente estaba nunha encrucillada de camiños e cando foron amañados e ampliados meteuse para a finca, logo o dono da mesma apropiouse del e retirouno para o seu alpendre ao pouco tempo de aparecer no xornal “A Voz de Galicia” e no artigo da revista ABRENTE.

A Cruz:
Falamos dunha cruz grande e grosa, polo que deduzo que o cruceiro orixinal tamén tivo que ter un tamaño considerable.
A cruz é de sección cuadrangular, moi grosa e rematada, nos brazos horizontais cuns saíntes case rectangulares de menores dimensións cos brazos, e que ponderan ser restos dalgún tipo de talla.


Sobre a cabeza do Crucificado leva unha cartela onde debía ter as letras de INRI moi gastada e na que non se le nada. Cristo e cruz semellan estar labrados na mesma pedra, sendo un todo.
Na súa parte inferior estreita un pouco, o que me indica que estaba metida, orixinariamente, nun capitel.
Non teño dúbida de que falamos dun exemplar moi antigo de cruz.

O Cristo, está moi ben traballado, aínda que ao igual que a cruz, está moi erosionado polo paso do tempo.
Leva coroa de espiñas, aínda que moi erosionada. Cabeza caída cara á dereita lixeiramente. Ollos caídos, pelo longo e rizado, con barba curta. Pano de pureza con nó á dereita e moi voluminoso. Mans pechadas, con cravos nelas. O pé dereito cravado enriba do esquerdo. Nos pés dá a impresión de que non foron moi traballados, incluso resultan algo curtos en relación ao resto do corpo.

A cabeza está partida. A sorte é que aínda se conserva, o que non sei é por canto tempo, pois en calquera momento cae e esnaquízase.


Este patrimonio de arte popular moitas veces non está o suficientemente considerado, se cadra por unha falla de cultura patrimonial, de non saber o que representa todo isto, de non sentir a nosa identidade, o noso ser, a nosa orixe. De valorar máis o de fóra que o que temos, de rexeitar as cousas por vellas ou antigas, de descoñecemento, nunha palabra.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXVIII

Falamos hoxe doutro cruceiro incompleto que, a día de hoxe, penso que xa non está en pé. Refírome ao cruceiro do cemiterio de Bermui, que cando o visitei por primeira vez estaba deteriorado pero en pé e cando volvín por segunda vez, xa faltaba a cruz. Mais aínda que xa non estea en pé voume referir a el coa finalidade de que quede testemuña de que existiu.


CRUCEIRO DE BERMUI-CEMITERIO




Localización:

Nun dos ángulos que forma o peche do cemiterio de Bermui. E que dá á estrada. Concretamente enriba do muro do cemiterio. O mesmo muro fai de elevación do cruceiro.


Plataforma:
Exemplar carente de plataforma propia. O mesmo muro de peche do cemiterio é a súa plataforma e elevado pedestal.


Pedestal:
O pedestal ten forma prismática cadrada e tronco piramidal cadrado ou achafranada na parte superior.
Non é moi alto, e está apoiado directamente no muro de peche.


Varal:
É un varal curto, non moi groso e de sección cadrada achafranada ou octogonal irregular.
Está moi deteriorado, sobre todo na súa parte superior, baixo o capitel e do lado dereito, segundo se olla, concretamente a parte que dá ao interior do cemiterio.
Na parte inferior e superior, onde encaixa no pedestal e no capitel respectivamente, é de sección cadrada.
É un varal liso, sen inscricións nin relevos visibles.
Está feito en pedra de gra.


Capitel:
O capitel e tronco piramidal cadrado e invertido, con molduras inferiores e superiores e unha media escocia entre ámbolas dúas.
Na parte superior tres molduras e na inferior unha.
Tamén está elaborado en pedra de gra e semella moi vello e deteriorado.
Non presenta relevos.
O seu tamaño é pequeno.

Cruz:
O característico desta cruz, que semella bastante antiga, é o curto que son os brazos superiores e que son case iguais ao vertical alto.
É unha cruz ben traballada, con remates frorenzados, con botón central. De sección octogonal e feita en pedra granítica. Na cruceta apréciase unha zoa circular, coma se no seu día tivese algo representado nela e que hoxe non se aprecia.
Tanto a cruz coma o capitel semellan ser máis antigos co varal ou fuste.
Non leva imaxes.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXVII

Na parroquia de Bermui, concretamente no lugar da Torre, atopámonos dificultosamente con este cruceiro incompleto e semi-agachado. Tamén é dos cruceiros pouco ou nada coñecidos, agás na zona.


CRUCEIRO DA TORRE-BERMUI



Atopámonos con outro cruceiro que tampouco estaba documentado e que se se conserva foi grazas a actuación de D. RAMIRO FREIRE MACEIRA e aos seus fillos, que o salvaron de quedar enterrado no camiño cando fixeron a pista que por alí pasa, pois estaba situado no que hoxe é a mediana da pista. De non ser por eles correría o mesmo camiño que o outro que había trescentos metros máis adiante que se perdeu ao facer a pista porque ninguén mirou por el.

Localización:
Situado nunha das marxes da pista no lugar da Torre e metido no linde da finca de D. Ramiro Freire e fillos. Con dificultade de observar pois os loureiros e outras árbores o agochan

É un cruceiro incompleto, pois está carente de imaxes na cruz e sen gradas visibles, aínda que pode que estean debaixo do mato e enterradas no valado. A simple vista é un cruceiro de tamaño pequeno feito en pedra de gra.

PEDESTAL:
É un prisma cuadrangular, sen inscricións visibles, aínda que por mor das ramas non o puiden ver ben.

VARAL:
Estamos ante un exemplar de varal curto, cadrado no seu inicio e no seu remate e bastante achafranado no medio, dándolle un aspecto octogonal. En aparencia, tamén liso.

CAPITEL:
É do tipo tronco-piramidal invertida, liso, sen relevos. Na parte superior é cadrado.


CRUZ:
A cruz é un exemplar de brazos desiguais e non moi grande. Non leva inscricións visibles, nin imaxes. É de sección octogonal.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XXVI

Seguindo na parroquia do Aparral temos outro exemplar de cruceiro incompleto e que en realidade é unha cruz alta, como outras moitas que hai ao longo do noso concello pontés. Tamén reciben o nome de Cristos, neste caso é o Cristo do Aparral.



CRUCEIRO DO APARRAL-PISTA CARA O APARRAL



Localización:
Na entrada da pista que vai ao Aparral de Abaixo, un pouco máis adiante da ponte que atravesa o río Chamoselo e na marxe dereita, atópase este cruceiro. Concretamente no cruce de camiños ente a pista do Aparral a Piñeiro e a que vai ao Tarrao.

Plataforma:
A plataforma, que fai ao mesmo tempo de pedestal que non o ten, está formada por laxes de lousa e cachotería. Nela asenta, directamente, a Cruz.

Cruz:
É unha cruz alta, de brazos anchos e planos. É lisa toda ela, non leva inscricións, só unha cruz riscada.
É unha pequena cruz riscada na parte onde comeza, aproximadamente, o brazo vertical inferior de dito cruceiro.
É unha cruz de tipo latina e simple. O tamaño é o común na maioría destas cruces riscadas. É unha cruz dentro doutra cruz (cruceiro).
O material do que está elaborado é ollo de sapo.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XXV

Seguindo na parroquia do Aparral, imos ver outro exemplar de cruceiro incompleto, neste casa, incompletísimo, pois é un aproveitamento doutro cruceiro anterior ao que se lle colocou unha cruz nova enriba. (Na VII CITA COA HISTORIA)

CRUCEIRO DO APARRAL-ENTRADA DA PISTA DA IGREXA



Exemplar de cruceiro incompleto que é un apaño doutro existente anteriormente, pois decátase un axiña ao velo. Podemos dicir que se aproveitaron a última grada, o pedestal e parte do varal. O resto é todo posterior.
Como é un arranxo do que quedou doutro, pois é un cruceiro pequeno, pero que dá idea de que o orixinal debera ser un fermoso, rexio e alto exemplar, pois o pedestal e un anaco de varal que se salvaron así o confirman. Mágoa, unha vez máis, da perda doutro exemplar. Aínda que hai que dicir que algo logrou recompoñerse, na vida hai que ser positivos. Polo menos o que quedou non se rexeitou nin se perdeu.

Localización:
Xusto na entrada da desviación que leva a Igrexa, na pista do Aparral, atopamos este cruceiro na marxe dereita, concretamente no alto do valado.


Grada ou Plataforma:
Conserva só unha grada, a máis pequena e situada debaixo do pedestal. Esta, á súa vez, vai apoiada nunha base de cemento para erguer o cruceiro e darlle asento, pois está situado no valado de terra dunha finca.

Pedestal:
O pedestal comeza sendo un prisma cuadrangular para pasar a formar un tronco piramidal cuadrangular e logo achafranado (coido que é o cemento para asentar o varal).
Liso e sen inscrición aparente, nin relevos, aínda que está moi cuberto polos mofos.

Varal:
O varal é un anaco dun fuste dun cruceiro anterior, con símbolos da Paixón, nel aínda son visibles a espada, o martelo e a escada. O curioso é que como foi un arranxo fixérono mal e o puxeron ao revés, e dicir, coa parte derriba cara abaixo; nel aparecen a escada, o martelo e o puñal (estes dous son os que dan a pista de que foi colocado ao revés, pois están invertidos).
É un varal groso e octogonal que apoia no pedestal coa mesma sección octogonal.

Cruz:
É unha cruz latina, pequena e feita de cemento. É lisa e vai cimentada enriba do anaco do varal directamente, non existindo capitel.
É de sección rectangular.
Carece de imaxes.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración