Archivo de la categoría: patrimonio Pontes

PATRIMONIO PONTES LXXXVIII

Comezamos hoxe coas cruces cumiais nas casas, das que temos varios exemplares, moitos deles na Vila, orixe do noso pobo; aínda que tamén hai exemplares polas parroquias xa que era un elemento que se poñía no cumio das casas para protexer a todos os seus moradores (persoas e animais).
E imos co primeiro exemplar que pertence a unha casa de Marraxón, que ademais conta cun exemplar de reloxo de Sol

CRUZ CUMIAE NUNHA CASA DOS DE BENITO DE MARRAXÓN

No cumio da casa dos de Benito, en Marraxón de Arriba, atopamos esta cruz cumial. O seu brazo máis longo, o vertical inferior, é na súa maior lonxitude de sección cadrada, aínda que logo está un pouco desgastado presentando a forma octogonal ou oitavada, típica dos “fustes ou varais” dos cruceiros da zoa. O desgaste é mínimo e os lados e caras frontais do mesmo son maiores. Nos outros brazos tamén teñen o mesmo desbaste, pero maior na súa totalidade. Está apoiada nunha base prismática rectangular ou cuadrangular, non se aprecia moi ben dende abaixo. O material de dita base parece ollo de sapo ao igual co material de que está feita a cruz. Como curiosidade direi que nesta casa tamén existe un magnífico exemplar de reloxo de sol. (Citado no número 3 da revista Hume, “Os reloxos de sol no concello das Pontes de García Rodríguez”, ano 2010).

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS LXXXVII

Ás veces, das cruces cumiais só quedan restos ou a cruz, pero fóra de lugar, coma no caso destes dous exemplares que están no cemiterio vello da Igrexa do Freixo. O que non sei é o lugar orixinal da súa situación, que ben puidera ser no cumio do templo ou no muro de dito cemiterio onde había un osario moi orixinal, cunha pedra con inscrición.



CRUCES CUMIAIS NO CEMITERIO VELLO DO ADRO DA IGREXA DE SAN XOÁN DO FREIXO



Cando estaba a facer as fotos das cruces dos túmulos no vello cemiterio da Igrexa de San Xoán do Freixo, atopei con estas dúas cruces que moi ben puideran estar no cumio da igrexa ou no muro que rodea o adro, son do tipo que se poñen no cumio e a unha delas fáltalle un brazo.

A primeira é unha cruz completa e de sección cadrada con rebaixe, é dicir, octogonal irregular; é do tipo de cruz latina, isto é, brazos desiguais. Está cuberta de musgo. É do tipo das cumiais.



A segunda está partida, fáltalle o brazo vertical inferior. Está pousada sobre dun dos brazos horizontais. Está bastante cuberta de musgo, mais aínda así pódese apreciar que os remates dos brazos superiores son frorenzados e con botón central. Coma no caso anterior, é latina.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS LXXXVI

CRUZ CUMIAE DO CEMITERIO DE LOURENTÍN-GOENTE

Sobre do portalón da entrada do cemiterio de Lourentín-Goente atopámonos con esta cruz. Este cemiterio é relativamente novo, polo que o seu peche tamén o é, incluída a cruz.


Trátase dunha cruz alta sobre de pedestal. Este é cadrado con escocia e molduras na parte superior.


A cruz é de sección cadrada e leva o canto rebaixado. A súa superficie é lisa e non se aprecian relevos. Está situada no centro da arcada do portalón de acceso ao cemiterio.
Este cemiterio atópase ao pé da estrada, marxe esquerda, indo de As Pontes e antes de chegar a Goente, case que enfronte da capela de San Roque do Val e do cruceiro de ánimas ou de Loreto (estrada por medio).

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS LXXXV

Imos ver outro exemplo de cruces cumiais, neste caso as que temos enriba dos muros dos cemiterios, concretamente enriba da porta de acceso aos mesmos. Protección, acollida e sinalar un lugar sagrado, esa é a súa simboloxía.


CRUZ CUMIAE DO CEMITERIO DO FREIXO



Na estrada que baixa ao Freixo, na marxe esquerda antes de chegar a dito lugar, está situado o cemiterio parroquial. Esta cruz está colocada na porta de entrada do mesmo.


É esta unha cruz pequena, de sección de prisma rectangular; máis anchos os brazos verticais que os transversais ou horizontais. O brazo inferior vertical vai ensanchando na súa parte baixa cara o pedestal.


Este pedestal é dobre, o de abaixo a xeito de ortoedro de dimensións desiguais, e o de enriba a semellanza dun tronco de pirámide rectangular.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXXXIV

O segundo exemplo de cruz sobre muro de entrada o atopamos nun portalón e muro dunha casa en Goente, concretamente detrás da Igrexa Parroquial


CRUZ CUMIAL NUN PORTALÓN DE ENTRADA EN GOENTE. TRAS DA IGREXA.



Atopámonos cunha cruz cumial nun portalón de entrada, dos escasos exemplares nesta zoa. É un fermoso exemplar, que está situado xusto detrás da Igrexa Parroquial de Goente.


Trátase dunha cruz cumial bonita en factura, ben traballada, que vai erguida sobre dun pedestal prismático cuadrangular con media escocia e un saínte cuadrangular rebaixado na parte superior.


A cruz en si é de sección octogonal, cun rebaixe polo medio dos brazos na cara frontal, círculo central (no cruce dos brazos) é dentro desta roda central leva como outras dúas concéntricas. Os brazos rematan en sección cuadrangular, dándolle un aspecto de potenzada.


Está acompañada esta cruz de dous rodelas, unha a cada lado, e que van apoiadas sobre dunhas bases cúbicas con escocia na parte superior, seguidas dun tronco piramidal cuadrangular que, a súa vez, levan dous rebaixes cadrados, e rematadas nas rodelas cilíndricas e que van adornadas co mesmo motivo central ca cruz, aínda cun pouco máis grandes.
A inclinación que ten indica que non está moi estable e segura, é probable que calquera día caia e rompa.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXXXIII

E imos a outro tipo exemplos de cruces cumiais e son as que están enriba dos muros das casas e das igrexas e nas entradas aos cemiterios. Loxicamente segue sendo o símbolo de protección para todo o que hai dentro do recinto amurallado, do recinto da igrexa e no interior dos cemiterios.

CRUZ CUMIAE DE CABO DA IGREXA (BERMUI)

No lugar de Cabo da Igrexa, na parroquia de Bermui, preto do cemiterio, hai unha cruz enriba do muro que serve de apoio á cancela de acceso a unha vivenda. Trátase dunha cruz pequena, de brazos superiores iguais e o vertical inferior algo máis longo e cun ensanchamento na base. É un exemplar de cruz potenzada e con molduras na intersección dos brazos. No brazo superior está algo deteriorada.

Non leva inscricións visibles e ao seu carón, a un metro, hai un pináculo de pedra, polo que moi probablemente fose unha cruz cumial dunha casa e formaría conxunto co pináculo.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTES LXXXII

Trasladámonos hoxe a Goente, para atoparnos con este cuarto exemplar de hórreo que ten unha cruz cumial no seu fronte.

CRUZ CUMIAL NUN HÓRREO EN GOENTE

Trátase dun hórreo de recente factura e que non se corresponde co modelo típico da zoa. É un hórreo mixto a dúas augas e que se atopa no xardín dunha casa-chalé situada no lugar de Goente, ao pé da estrada que une As Pontes con Cabanas e próximo ao Igrexa e na marxe esquerda.


O hórreo ten coma dous pináculos nas súas cabezas. Na de diante remata en cruz e a outra é o típico pináculo rematado en esfera.


Trátase dunha cruz grosa (para o seu tamaño), de pequeno tamaño e cos brazos superiores case que iguais, o inferior é un pouco máis longo. È de sección cadrada. Está feita en pedra de granito.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXXXI

Seguindo coas cruces cumiais nos hórreos, hoxe quedamos na zona do pobo, concretamente no recinto verde que hai en Endesa, ao pé das torres de refrixeración. Atopamos este exemplar grande de cruceiro e que se podía ver pola vella estrada que levaba dende o pobo ata a Vilavella, hoxe pechada ao tráfico.



CRUZ CUMIAE NUN HÓRREO NA ZOA DOS PATOS, EN ENDESA


Na zoa dos patos, pertencente ao recinto empresarial de ENDESA, temos un exemplar de hórreo que provén das expropiacións realizadas por dita empresa na zoa da mina de carbón. Este hórreo é un dos poucos exemplares (4 en total) cos que contamos nas Pontes de García Rodríguez que leve unha cruz cumial na parte dianteira, tamén conta cun remate en pináculo na parte traseira.


O hórreo é un exemplar atípico tamén, pois é bastante largo para o tipo de hórreos da nosa bisbarra. Estreito e a catro augas. Co teito de pizarra ou lousa.
É unha cruz pequena, dentro das cumiais, e de tipo grego – brazos iguais – . Vai apoiada no cumio do teito, onde se xuntan as tres augas dianteiras.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXXX

Outro exemplar, tamén do Caneiro, que conta cunha cruz cumial.

CRUZ CUMIAL DO HÓRREO NÚMERO 2 DO CANEIRO-IGREXA


Un segundo exemplar de hórreo con cruz cumial é este que está situado no mesmo lugar do Caneiro, aínda que sobre uns cincuenta metros máis ao Norte co número 1.

É un hórreo a dúas augas, sen sobrepenas no teito, aínda que ten remates cumiais (diante a cruz e detrás o remate piramidal). A base é de cepa maciza. A porta, coma no outro caso, remata tamén na súa parte superior de xeito semicircular. O acceso a dito hórreo é por medio dunha escaleira de patín.


A diferencia do caso Nº 1, este leva unha inscrición na parte superior da porta, coas iniciais A. G., seguidas de A. Ñ. 1927 (enténdese AÑO 1927). Tamén enriba da inscrición leva labrada unha cruz da que falamos no apartado de cruces labradas.


A cruz cumial é unha cruz latina de feitura, tamén, rara na nosa zoa e que poderíamos encadrala nas de tipo “Santiago”, aínda que non de todo por mor da parte ou brazo vertical inferior da mesma, pois non remata coma nos outros brazos. O material do que está feita ben podería ser toelo, ao igual co hórreo.


Non é unha cruz moi grande, mais á primeira ollada si o parece por mor da altitude que lle proporciona a base na que se apoia. Esta está composta de dous corpos (ámbolos dous de feitura piramidal rectangular), o primeiro máis grande co segundo e que apoia sobre o cumio do tellado e, o segundo, no que apoia a cruz e parte del. A cruz forma, con dita base, un só conxunto feito na mesma pedra.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTES LXXIX

Hoxe imos ver outro tipo de cruces cumiais, e son as que están situadas nos hórreos e que se poñían, loxicamente, como símbolo de protección para o contido dos mesmos: maínzo, castañas, queixos…

CRUZ CUMIAL DO HÓRREO NÚMERO 1 DO CANEIRO-IGREXA


A ubicación desta cruz é no hórreo da primeira casa que hai á esquerda da pista, unha vez pasada a igrexa do Caneiro.
Un dos poucos e raros exemplares que temos de cruces cumiais nos hórreos na nosa zoa é este. Atopar hórreos rematados no seu cumio en cruz na parte dianteira e nun remate piramidal na traseira neste concello non é unha cousa moi doada, xa que xeralmente os hórreos nosos non teñen remates no cumio do tellado, son a catro augas (iste é a dúas) e non levan as sobrepenas que si atopamos neste caso. Como curiosidade, tamén, engadiremos tres detalles máis deste caso concreto: o primeiro, é o seu acceso, pois é dende o balcón da casa; o segundo, é o aproveitamento da base do mesmo ou celeiro (maciza) para servir de parede a dúas cabanas (unha a cada lado) de chantas que ten adosadas; e o terceiro, a parte superior da porta, que é semicircular, cando na maioría dos hórreos ponteses é unha porta rectangular.

En definitiva, un exemplar curioso e que xa foi rexeñado no número 2 da revista de Hume (“O hórreo no concello de As Pontes de García Rodríguez” – ano 2009).
En canto á cruz é de sección octogonal. Leva unha base cuadrangular na que se apoia no cumio da sobrepena, logo ten un entrante cóncavo (escocia) que volve a saír e fai unha base cuadrangular na que apoia a cruz.


Este exemplar é unha cruz curiosa, como o hórreo no seu conxunto, e pouco abondosa na nosa zoa, agás nalgunhas representacións semellantes nas cruces dos nosos cemiterios.


A cruz é latina, con remate de tipo potenzado nos brazos. Leva un círculo dándolle ao conxunto a semellanza da cruz que sae da roda crucífera. A sección da mesma é octogonal. E é de pedra de gra.


Tanto o hórreo coma a cruz non teñen inscricións visibles, aínda que si a casa que data segundo reza o lintel da porta do ano 1901, o que nos aventura a afirmar que o conxunto pertence a primeiros do século XX. O que non se pode negar é que dita cruz e hórreo constitúen un fermoso exemplar do noso concello.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.