Archivo de la categoría: patrimonio Pontes

PATRIMONIO PONTÉS IC

Seguimos na Parroquia do Freixo e seguimos no lugar da Rega. Outro exemplar de cruz de desgracia ou morte repentina, próxima á anterior, é o exmplar de hoxe.


CRUZ DOS FRANCOS, NA REGA



Preto da anterior temos outro exemplar de cruz de desgracia, coñecida por cruz dos Francos. Esta ten inscrición relativa á morte dunha muller. As causas descoñézoas e non sei se haberá alguén que a saiba, pois a cruz ten a data de 1920. E di así:

POR
ANTA (ANTONIA?) GREGORIO
FAO (FALLECIÓ?)
12
DE
MAIO
1920


É unha cruz co brazo vertical superior bastante grande, polo que resulta desproporcionado co resto, tamén o brazo esquerdo (ollándoa de fronte) parece máis curto co dereito. Está feita en ollo de sapo, toda nunha peza. Un pequeno abultamento na súa parte inferior do brazo vertical revela que debaixo hai unha base, aínda que descoñezo a forma e os materiais de que está feita.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS XCVIII

Seguimos por terras do Freixo e hoxe imos con outra cruz de desgracia. O tipo de cruz de hoxe é moi común por esta parroquia na feitura (nunha soa peza) e no material.



CRUZ DE A REGA (O FREIXO)



Cruz moi típica desta zona do Freixo, feita de chanta de ollo de sapo. Non é moi alta. Ten os brazos verticais máis anchos cos horizontais e estes son curtos. Non hai inscrición visible. Agora mesmo está nun cruce de camiños, antes estaba situada nun lateral, á esquerda de onde agora está.
Polos datos facilitados por D. Miguel Vilaboy, esta cruz era coñecida pola cruz dos Franco, pois era unha familia que veu de Solloso, posteriormente herdada a propiedade polos Pita (tamén de Solloso) e coñecidos no lugar polos de Xan Pita. Non hai datos do motivo da súa colocación, máis posiblemente alguén desta familia morrería de desgracia neste lugar. O que si é seguro que polos inicios do século XX soterraban os anxos, mortos sen bautizar (abortos, partos prematuros…), como era común polo resto do concello, arredor dela. Todo o que non era enterrado no cemiterio por estar sen bautizar, soterrábano ao pé dalgunha cruz.
Precisamente un afillado do avó de Miguel era o encargado de manter a cruz en condicións, pois daquela, os camiños, a igrexa, as pontes… eran traballos comunais de toda a veciñanza.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS XCVII

Seguimos pola zona da parroquia do Freixo onde imos atopar varios exemplares de cruces indicativas de desgraza, coma esta que está situada na entrada da pista que vai cara a Cabana. Indo de As Pontes con dirección a Ortigueira, queda á esquerda.



CRUZ NA ENTRADA DA PISTA DA CABANA (O FREIXO)



Atopamos esta cruz na marxe esquerda da estrada que vai de As Pontes a Ortigueira, una vez pasado o Caxado e na entrada da pista que vai ao lugar da Cabana, pertencente á parroquia do Freixo.
É unha cruz duns ostenta centímetros de altura e vai sobor dun pedestal de cachoteiría, inda que na actualidade recebado, e que pasa do metro de altura, o que lle confire máis grandiosidade á cruz, pois elévaa. Esta base é máis ancha polo fronte que polos lados. Na parte superior leva unha lousa grande a xeito de mesa ou soleira onde asenta a cruz.
Os tres brazos superiores da cruz son iguais de anchos (inda co superior é un pouco máis longo), o inferior é máis grande e vaise ensanchando dende a cruceta ata cegar ao ancho dos brazos transversais e baixando logo dereito cara a base.
Ten texto inscrito nela, de xeito riscado, dí:

POR

JUAN FRAGA

AQUÍ

FAº A LA

EDAD DE

62 AÑOS EL 8

DE DICIEMBRE

DE 1929

E.P.D.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS XCVI

Imos con outro exemplo de cruz de desgracia ou indicativa de morte repentina, neste caso por accidente pirotécnico un día de festa para todos os veciños e que se converteu nun día tráxico.


CRUZ NO CAMIÑO DA IGREXA DE PENA DE FRANCIA



Cruz máis ben pequena, duns sesenta centímetros, erguida sobre dunha base feita de pedras de ollo de sapo, cunha máis grande e grosa xusto debaixo dela a xeito de mesa rectangular.
A cruz está feita tamén en pedra de ollo de sapo. Ten os brazos horizontais pequenos, o vertical superior máis longo cos horizontais e o vertical inferior ancheándose a xeito triangular, máis ensanchado na base.
Ten inscricións, leva letras riscadas nela co seguinte texto:

POR

MANUEL

OTERO

AQUÍ Fº (=FALLECIDO)

EN 8 DE SE

PTIEMBRE

DE 1.927

D.E.P.


Polo que puiden saber é unha cruz indicativa dunha morte de desgracia. Os feitos sucederon así: O día 8 de setembro de 1927, día no que se celebra a festa neste lugar de Pena de Francia-Freixo, todo era ledicia e festa. Mais nesta ocasión ía a quedar marcado na memoria da xente do lugar coma un día tráxico. Coma noutras ocasións, D. Manuel Otero, dispoñíase a botar o fogo, e por motivos descoñecidos,  estálalle  un e mátao ao momento. A festa trocouse axiña en loito.
Esta cruz lembra este feito no lugar onde sucedeu. Está pintada de branco.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTES XCV

Esta cruz de desgraza ten detrás unha historia tráxica e inocente ao mesmo tempo. E as historias hai que ir recolléndoas para que non se esquezan, aínda que sexan tráxicas, porque tamén forman parte de nós, do noso pasado.


CRUZ DE SUAPENA



No lugar de Suapena, nunhas penas existentes entre a casa de dito lugar  e a estrada que vai de As Pontes a Ortigueira, está situada esta cruz.


Semella unha cruz pequena, inda que subindo ato o alto da pena na que se atopa dáse un conta de que en realidade é máis grande do que parece dende abaixo. Está chantada na pedra da pena e non hai quen a mova.


Ten tres brazos iguais e de sección cadrada e o vertical inferior máis longo cos outros. Da a sensación de que nalgún momento tivo un Cristo nela pois hai como tres incisións onde debían ir os cravos.


É unha cruz indicativa de morte por desgracia. Neste lugar (segundo me informaron os compoñentes do matrimonio que alí vivían) morreu unha nena fai moito tempo como me relatou a dona da casa e contoume a historia que lle transmitira, había moito tempo, a súa avoa:
Vivía neste lugar un matrimonio que tiña unha filla pequena, coma todos os nenos xogaba, era inqueda, corría dun lugar a outro sen parar. Un dos lugares que gustaba de xogar era a parte baixa das penas alí existentes. Un día, nun descoido dos pais, subiu ata o alto dunha delas  perseguindo aos paxaros, cando chegou arriba os paxaros botaron a voar e, ela, remedándoos tamén se botou a voar caendo dende o alto e matándose. Dende entón a cruz lembra esta fatídica e inocente desgraza.
Sempre que paso pola estrada cara Ortigueira ou Mañón e vexo a cruz, lémbrome desta tráxica historia que ese día contáronme nese lugar.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTES XCIII

E con este exemplar de cruz cumial na Vila, rematamos este apartado de cruces cumiais, agardando que servise para descubrir un patrimonio que ás veces pasa desapercibido.




CRUZ CUMIAL NA VILA, NA PRAZA DA IGREXA

Este terceiro exemplar dentro da Vila atopámolo no cumio do tellado da casa de Ramalleira, casa situada a dereita segundo se entra á praza da Igrexa e onde, noutro tempo, se celebraba a festa de Corpus.


É unha cruz latina de sección octogonal. Os remates dos brazos son abertos. Vai apoiada nun pedestal que ao igual que ela é de pedra de gra. Dito pedestal parece prismático cuadrangular e algo achafranado na parte superior, mais non se distingue moi ben dende abaixo (Ao estar situadas nos cumios dos teitos os ángulos de visión dende abaixo non son os máis axeitados para obter unha boa fotografía e poder facer un bo estudo).

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTES XCII

CRUZ CUMIAE NA VILA, CASA ANTERGA DE EUGENIA PRIETO PENABAD E ANTONIO MOSTEIRO LÓPEZ, E ONDE VIVIRON NOS ÚLTIMOS ANOS OS CUBANOS JULIO E ROSA



Noutro edificio da Vila, casa de Eugenia Prieto Penabad e Antonio Mosteiro López, e onde viviron nos últimos anos os cubanos, Julio e Rosa, xa falecidos os dous, atopamos esta cruz no cumio do teito a catro augas. Desta casa fala Xabier Martínez nun artigo publicado na páxina de Amigus en Internet.


É unha cruz de sección octogonal desigual,  de brazos superiores case iguais e o inferior vertical máis longo. Os remates dos mesmos van achafranados, un caso pouco frecuente nestas cruces. Está apoiada sobre dunha base pequena ou pedestal composto dunha pedra non moi grosa e posiblemente de xeito cuadrangular xa que dende abaixo non se aprecia moi ben.


Engadir que o estado actual da casa non é moi bo, de feito está sen a balconada (galería de madeira, cristais e pedra típica). Coido que deberíase coidar moito máis este tesouro de Vila que temos.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS XCI

Ímonos hoxe á Vila, ao noso orixe como pobo, onde aínda se conservan cruces cumiais nalgunhas das casas como símbolo protector de todo o que hai no interior delas.

CRUZ CUMIAE NA VILA, CASA DE SILVA


Dentro co casco da Vila, no que é a zona vella ou o que sería a zona intramuros antigo, temos tres casos de cruces cumiaes. Este primeiro corresponde á que hai na casa dos de Silva.


O teito desta casa corresponde case co dun teito a catro augas, algo modificado na parte dianteira. No cumio do mesmo atópase a cruz encaixado nunha base ou pedestal de forma prismática cuadrangular achafranado na parte superior.


É unha cruz case grega, de brazos iguais e abertos no seu remate, dando a semellanza dunha cruz potenzada. É de sección octogonal desigual, maior nas caras frontais.


Consérvase en bo estado. A casa foi restaurada e conservouse dita cruz. Exemplo de boa restauración.


A fotografía é de como estaba a casa coa cruz antes da restauración efectuada. Posiblemente, unha das de maior acerto coa restauración dun edificio tradicional dentro do casco histórico da Vila.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS XC

Achegámonos á Vila e imos hoxe a ver un exemplar de cruz cumial na zona de Tras do Rego, onde comezaba o vello atallo que ía á Cruz das Cabezas, hoxe Cal da Avelaíña.



CRUZ CUMIAE NUNHA CASA DE TRAS DO REGO



Nunha casa de Tras do Rego, no Chamoselo, similar no seu tellado a que citamos da Pedrafita, isto é, a catro augas, atopamos no cumio do mesmo esta cruz cumial de bo tamaño en relación ás anteriores.
É unha cruz que ten tres brazos case que iguais e o vertical inferior máis longo e que vai encaixado nun soporte prismático cuadrangular un pouco achafranado na súa parte superior. A sección da cruz é rectangular.
É un bo exemplar de cruz cumial.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTES LXXXIX

Outro exemplar de cruz cumial nas casas, atopámolo no lugar da Pedrafita.




CRUZ CUMIAE DUNHA CASA DA PEDRAFITA



Indo dende As Pontes (por Badón) á Pedrafita, na primeira casa que hai á dereita atopamos esta curiosa cruz.


É unha casa co tellado a catro augas e no cumio do mesmo, sobre unha base ou pedestal prismática rectangular que se asenta, a súa vez, sobor dunha base feita de pizarra, encóntrase encaixada a cruz.


Según datos, a casa pertence aos de Silva.
É unha cruz, que en tamaño semella como a maioría das cumiaes das casas, coa característica de tres brazos iguais e o vertical inferior desigual, xa que é máis longo.


Semella ser moi anterga e feita toscamente. É de sección rectangular e polo que se aprecia o material é pedra de ollo de sapo o mesmo co pedestal no que se atopa encaixada.


O que máis me chama a atención nela é o curto dos brazos horizontais.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada