Archivo de la categoría: patrimonio Pontes

PATRIMONIO PONTÉS CXXXI

HÓRREO DE LADRILLO EN BERMUI



Hoxe imos ver outro tipo de hórreo, é o hórreo con cámara de ladrillo. Temos varios ao longo do concello.


Un dos principais problemas dos hórreos no referente á súa conservación é duración da madeira da cámara por mor da climatoloxía, pois pasados uns anos a madeira podrece e hai que substituíla. Unha solución que xa vimos era a de pintalo, ás veces, de varias cores (policromía), deste xeito lográbase aumentarlle uns anos a duración do mesmo; e de pintarse cada dous ou tres anos, aumentábase aínda máis esta duración. Outra era substituír a cámara de madeira por unha cámara de ladrillo, esta moda comezouse entre os anos 60 e 70, cando comezou a empregarse o ladrillo na construción das casas. Como o ladrillo ten furados, pois a aireación estaba asegurada; e, por outra banda, duraba máis tempo ca madeira e non había que pintalo. Polo tamaño dos furados os paxaros e os ratos non ían entrar, é dicir, todo eran vantaxes. Mais o maínzo ten dous problemas: o exceso de humidade e o exceso de calor. Entón algúns non cumprían igual a súa función ao poñerlles o ladrillo, pois había exceso de humidade ou de calor, dependendo moitas veces do lugar onde estaba situado, pois coa madeira cumpría a súa función nese lugar, mais co ladrillo non. O ladrillo é de barro que terma da calor moi ben, e no verán a cámara podía ter exceso de calor. Por outra banda, os furados excesivos dos ladrillos podían meter moita humidade nos meses de inverno, polo que era frecuente que algúns destes furados estiveran tapados con cemento ou cun anaco de pao metido nel, para regular os excesos.


Este exemplar de hórreo de Bermui do que falamos hoxe, ten a soleira maciza de cantería, o tornarratos é de pedra e vai facendo de piso da cámara. A cámara é mixta de ladrillo e pedra, xa que os penais e a columna central (que divide a cámara en dúas partes iguais) son de pedra. Accedese á cámara por unha porta que vai nun dos penais e por unhas escaleiras tamén de pedra. O teito é a tres augas e de lousa ou pizarra. Leva algo de viseira no frontal da porta. E o remate do mesmo feito con tellas e cemento.


Penso que xa non está moi utilizado polas hedras que por el subían na parte traseira e pola cantidade de restos de madeira e outros materiais que ten arrimados e polos que os ratos terían o acceso moi doado ao mesmo.


Con toda probabilidade este hórreo no seu día foi mixto de madeira e pedra, é moi similar a outros que hai nesa zona e que para min son unha evolución do tipo “Vilalba” ao que se lle suprime o corredor (con columnas e balaustres), conserva a viseira, máis retírase o piso cara a porta, facendo máis curto.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXXX

HÓRREO DO ALTO DE LOURENTÍN-GOENTE


Atopamos este exemplar no alto de Lourentín-Goente, antes de chegar ao cemiterio, indo en dirección A Coruña e á man esquerda da estrada.


Penso que este exemplar foi trasladado dalgunha zona expropiada e colocado de novo, sen variar moito a súa forma orixinal.


É un hórreo tipo “Cabanas”,  non moi grande e tamén policromado. (Xa comentei que tiñamos máis casos de hórreos policromados).


A sustentación do mesmo é sobre dúas cepas nos penais, as rateiras son de pedra e, sobre elas, vai a cámara que é de madeira toda ela. Leva unha fita lonxitudinal e está dividida en dúas partes por unha columna central tamén de madeira. A porta vai nun dos penais e accedese a el por unha escada de madeira. O teito é a catro augas e cuberto de lousa.
O máis salientable del é a policromía da cámara, leva dúas cores (verde e vermello claro, case que rosa) e vai formando rombos na parte central e triángulos nas outras.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXXIX

HÓRREO NO CANEIRO


Temos outro hórreo moi interesante, pois é dos poucos que quedan no concello con sustentación de pés ou esteos de madeira. Atopeino hai uns anos no lugar do Caneiro e descoñezo se segue en pé.


É un exemplar tipo “Vilalba”, con viseira e corredor, máis sen columnas nin balaustres. De madeira (agás as rateiras e a cuberta) e que cando fixen a foto aínda era funcional e mantíñase ben.


A sustentación e de pés de madeira, as rateiras de chantas, a cámara de madeira e con tres divisións feitas por dúas columnas centrais de madeira (dúas cunha fita lonxitudinal e outra con dúas fitas lonxitudinais), leva a porta de acceso nun dos penais e debíase facer por medio dunha escada pequena. O teito é a catro augas e cuberto de lousas, o remate superior das mesmas cuberto de cemento.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXXVIII

HÓRREO TIPO “VILALBA” NA VILAVELLA (A MEDIADOS DO SÉCULO PASADO)


Preséntovos este hórreo en foto para que teñades unha idea clara de como era un hórreo do tipo “Vilalba”. Hoxe, desaparecido, xa non está, pero era un bonito exemplar do prototipo vilalbés. Borrei as caras da xente que sae na foto, porque penso que o importante é o hórreo neste caso. Este exemplar estaba situado na Vilavella e a foto pode ser de mediados do século pasado.


É un hórreo sustentado en muretes que parten dunha media mesa maciza. Sobre eles van as rateiras que son de chantas e, sobre elas, a cámara. Esta é de madeira con dúas fitas lonxitudinais. Leva viseira e balaustre con columnas (isto é o típico do hórreo tipo “Vilalba”). A cámara está dividida en dúas partes por unha columna central. A porta vai nun dos penais e debíase acceder a ela por unha escada de madeira pois non se aprecia escaleira de pedra. O teito é de lousa e a tres augas.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXXVII

HÓRREO NA COVA-O APARRAL


Atopámonos cun exemplar do tipo “Vilalba” que xa debe ter os seus anos, mais mantense conservado, no lugar de A Cova, na primeira casa á man dereita, segundo se colle a desviación para O Aparral.


A sustentación é sobre muretes, sobre eles van as rateiras que son de lousa ou chanta; enriba a cámara, totalmente de madeira e cunha fita lonxitudinal. A cámara leva corredor no penal da entrada e viseira. Dos balaustres só se conservan as columnas dianteiras (os balaustres faltan). A cámara vai dividida en tres corpos por dúas columnas centrais, tamén de madeira. O teito é a dúas augas e de lousa.
O que máis chama a atención deste hórreo, ademais de ser do tipo “Vilalba” do que xa non quedan moitos exemplares é a súa policromía (temos algún que outro exemplar policromado, facíase para dar máis duración á madeira do hórreo). Ten dúas cores, vermella (aínda que xa parece castaña polo paso do tempo) e branca.

Polos laterais da cámara alternan os cadrados dunha cor e doutra; e, na porta, un círculo que contén unha hexapétala (flor de seis pétalos) e, debaixo, cadrados vermellos e brancos. Non ten escaleira de pedra, polo que o acceso debíase facer por unha pequena escada de madeira, como se facía antigamente na maioría dos hórreos de madeira.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXXVI

HÓRREO DE O PAZO-A FAEIRA


Imos ver hoxe un fermoso hórreo, dos que eu non teño catalogados, e que me chegou pola xentileza de Dona Patricia Rivera á que lle agradezo me remitise a foto e os datos do mesmo.
É un hórreo de cepa maciza e mixto (madeira e pedra), co tellado a dúas augas. O tornarratos é de pedra. A cámara con dous corpos e columnas centrais de pedra, unha cinta central polo medio da cámara. Con porta nun dos penais (a que non se ve na foto) e con escaleiras de pedra.
Unha cousa do máis destacable neste hórreo é as sobrepenas, que son esas pedras que van sobre os penais (porta e parte traseira) no tellado, son de pedra e danlle ao hórreo un aspecto de solidez e forza, ao mesmo tempo que lle aportan beleza na construción. Tamén é de destacar o remate do lousado, engarzando unhas lousas dun lateral coas doutro.
Dicir que é un hórreo que non encaixa nin no tipo “Cabanas” nin no tipo “Vilalba”, ten algo de ámbolos dous e, ao mesmo tempo, algo que non é nin dun nin doutro. Descoñezo se hai algún exemplar máis por esa zona deste tipo, pois estaríamos a falar dunha nova tipoloxía de hórreo nas Pontes.


Segundo os datos aportados por Dona Patricia Rivera, foi feito no ano 1896 e descoñece quen o fixo, posiblemente un bisavó (pola data).


Foi restaurado polo home de Dona Patricia hai oito anos, que fixo a réplica de tal e como estaba, reparándolle as partes danadas polo paso do tempo. Persoalmente penso que reparacións como esta son de felicitar, pois conseguiu unha boa restauración dun fermoso e rexio exemplar de hórreo.


Na foto tamén se pode apreciar o poste da luz, a sensibilidade das eléctricas co noso patrimonio é suprema. Isto mesmo o imos ver con cruceiros, pontes, reloxos de sol… Non se respecta o patrimonio e as leis parece que están para uns poucos.
O meu agradecemento a Dona Patricia Rivera

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXXV

HÓRREO DO C.P.I. “MONTE CAXADO” (NOUTRORA ESTIVO NO LUGAR DE VEIGA).


Unha das cousas que fixo o Museo Etnográfico e o C.P.I. Monte Caxado, foi tratar de salvar un exemplar de hórreo das expropiacións de Endesa, para que, falando con directivos desta, un hórreo non se perdese e fose trasladado ao recinto do Colexio e colocado nel. A Empresa estivo conforme co que nós lle propoñíamos e despregou medios e persoal, fixeron unha cepa maciza onde se lle indicou dentro do recinto e trasladou o exemplar dun xeito moi estudado. O que foi e é de agradecer.
Máis tarde, outro Colexio, A Fraga, seguiu o noso exemplo e tamén salvou outro exemplar coa axuda de Endesa e hoxe está presente tamén no seu recinto. Ao pouco tempo, tres exemplares máis foron colocados na zona da Canle IV (amosareinos en futuras presentacións).
Foi un gran de area no medio dunha morea, mais cinco exemplares non desapareceron. Puido ter sido mellor e lograr salvar todos os que se perderon, mais as cousas non son como un quere e, ás veces, temos que conformarmos co que se logra e non co que se desexa.
Este exemplar de hórreo é do tipo “Cabanas” que, persoalmente, identifico máis co tipo “Moeche”. É un hórreo de cepa maciza, de tamaño medio, mixto (de madeira e pedra) e a catro augas. A cámara con doelas de madeira e dividida en dous corpos con columnas laterais centrais. O tornarratos é de pedra e vai facendo, ao mesmo tempo, de piso. A porta está nun dos penais. Leva tella no remate do tellado. A pedra é de toelo ou serpentina. (Non coñezo como era a súa sustentación orixinal, pero polo tornarratos parece que era similar, isto é, cepa maciza; non teño ningunha foto de como estaba no lugar de Veiga, o que si pedimos cando fixeron a cepa maciza e que non lle fixeran escaleiras de acceso por mor de que non subiran os nenos e caeran, pois está nun lateral do patio).

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXXIV

HÓRREO DE SAA DE ABAIXO (HOXE NOS CHAOS)


Por xentileza de Dona Gloria Bouza que me mandou a foto e, ao mesmo tempo, me informou del, presento hoxe este hórreo (do que eu non sabía) de Saa de Abaixo que foi recuperado. E que segundo me di xa era dos avós e, agora, está na casa dos seus pais no lugar de Os Chaos.


Cando recibín a foto, o primeiro que chamou a miña atención era o soporte ou apoio. Pregunteille se orixinariamente tamén estaba así e xa me dixo que eran de chantas como os dous exemplares do inicio deste apartado. Co que estariamos ante un terceiro caso de hórreo sobre triángulos de chantas e do que se conserva a parte superior, mais non os apoios nin as rateiras.


Mais hai diferencias con respecto aos outros. Primeiro, as augas, este é un hórreo a catro augas, os outros eran a tres. Tampouco leva o lugar de curar os queixos, polo menos, exteriormente. Non ten viseira nin corredor con ou sen columnas. Fáltanlle tamén as rateiras ou tornarratos, posiblemente de chantas tamén e que se perderon pois formaban parte da sustentación orixinal. A porta, coma nos outros, si vai nun dos penais.


É un hórreo dos máis abondosos nas Pontes, o chamado tipo “Cabanas” segundo D. Ignacio Martínez Rguez., pero que non tiña mesa maciza, senón que ía sobre chantas.


Na actualidade vai apoiado sobre unhas bases laterais e algo que semella un cabano pequeno, na foto non se aprecia. Está nun terreo costeiro no lugar dos Chaos, na actualidade.


Semella conservarse, pese aos anos e ao traslado. É de felicitar a esta familia por salvar dito exemplar e que non seguira o mesmo camiño que moitos outros que se perderon para sempre. Mágoa que o exemplo deles non fose imitado por moitos outros. Mais pasou que moitos tiveron que vir a vivir aos pisos e outros, aínda que foron para fincas, non o levaron pois ao non poder cultivar por mor da pouca extensión de terreo (eran fincas non lugares) o hórreo perde a súa utilidade e non se conserva e así perdéronse moitos e bos exemplares.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXXIII

Falamos hoxe dun hórreo da Vilavella, preto da Igrexa e que está en mala conservación por falla de restauración e mantemento, como está o resto do conxunto etnográfico que alí queda.


Hórreo na Vilavella


É un hórreo apoiado sobre muretes, cámara de madeira con dúas fitas horizontais, con corredor sen columnas, porta no penal da viseira, tornarratos ou rateiras de chantas, escaleiras de pedra e a tres augas. Que, ademais, leva baixo o teito o lugar de curar os queixos. Case que todo isto levábame ao hórreo tipo “Vilalba” situado no complexo etnográfico da Vilavella.


O curioso deste hórreo e que ten catro (tres agora) columnas que soportan o peso do hórreo no tornarratos. Penso que isto non era así orixinariamente e foron colocadas posteriormente para evitar que o hórreo caera cando as columnas da cámara xa ían deterioradas e non podían co peso. Se vos fixades na madeira da columna da cámara e da columna sobre o tornarratos, pódese ver como esta última é máis recente. De ser orixinarias estariamos ante un caso excepcional de hórreo, cunha variante non vista. O emprego destas columnas sobre os tornarratos sería único. Caso único penso que non é, pero orixinal a solución aportada para manter o hórreo en pé, si que o é.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXXII

Este cuarto hórreo desaparecido no lugar de Saa de Abaixo era outro magnífico exemplar que a expropiación enguliu coma tantos outros e do que só nos queda a foto.

Situado preto da estrada nova (daquela) que unía As Pontes con Saa. Este exemplar estaba na casa pertencente a Don Manuel López e Dona Xoana Picos. Constituía un fermoso exemplar non só pola súa construción senón que tamén polo seu tamaño. Hórreo mixto (de pedra e madeira), a catro augas e sobre  catro muretes transversais de cachotería de pizarra sen revocar, máis estreitos na parte superior, estaba moi ben pintado en cor azul. A porta, situada nun dos penais, daba cara a casa  e as escaleiras eran unha prolongación do murete que coincidía coa mesma. Unha cousa que me chamou a miña atención foron as capelas ou tornarratos, pois estaban feitas en pedra e non eran unha prolongación do piso coma na maioría dos outros hórreos.

Outra característica del é o tamaño, xa que a cámara está formada por tres corpos e non un ou dous coma na maioría. E unha particularidade máis deste hórreo era que estaba pintado de azul.


Con este cuarto exemplar remato os hórreos referidos a Saa de Abaixo, lugar onde no seu día estaba o parque de carbóns. A pena é que de todos eles só nos queden as imaxes, exemplares únicos destruídos por un progreso mal planificado, pódese avanzar sen destruír, recuperando, conservando e valorando o que temos, que por ser vello non é nin peor nin mellor có novo, só é diferente. Mágoa tamén co esforzo feito desde o CPI “Monte Caxado, no seu día, para salvalos so quedara en un “dossier” rexeitado pola Corporación daquel momento. As vindeiras xeracións agradeceranllo.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada