Archivo de la categoría: patrimonio Pontes

PATRIMONIO PONTÉS XXXV

Trasladámonos a outra parroquia de As Pontes, neste caso ao Deveso e visitamos un cruceiro (dos clasificados incompletos pois non ten imaxes da Virxe nin do Crucificado) pequeno e rexio, de mediados do século XIX e que no seu estilo e formas parece único no Concello. Estou a falar do:

CRUCEIRO DO DEVESO

Cruceiro pequeno, mais groso, forte e rexio. O material co que está feito é pedra de Moeche, ou pedra de serpentina (toelo). Comeza a deteriorarse polo paso do tempo e pola construción do camiño á Igrexa; ao quedar no cómbaro do campeiro que queda máis alto co camiño, vaise desfacendo este e a grada ou apoio está bastante deteriorada por ese lado.

Localización:
Situado no curto camiño que baixa dende a pista á Igrexa e extra-muros dela. Na marxe dereita do mesmo.

A Plataforma:
Está formada por dous chanzos ou gradas, a inferior bastante deteriorada por mor do que xa temos dito. De non mirar por el, é moi probable que co tempo remate por caer, pois a base estase indo co terreo.
As dúas gradas son case cadradas. A inferior case está desaparecida, máis visible pola parte traseira. A superior, pola parte traseira, vese tamén partida. Precisaría unha intervención urxente, na base, de afianzamento do chan. (Hoxe descoñezo como está, mais esta era a súa situación cando eu o visitei no ano 20

Pedestal:
É de base prismática cuadrangular, sobresae unha moldura e, na parte de enriba, leva mediacana.
É un pedestal pequeno, máis fermoso na súa feitura. Sinxelo e traballado.

Varal:
Atopámonos neste caso cun dos varais máis grosos e rexios de todos os cruceiros do municipio. Non é moi alto, o que lle confire un aspecto ao conxunto de baixo ou pequeno, aínda que en certo modo, o tamaño da cruz compensa algo o do varal.
É de sección octogonal, con base cadrada e parte superior tamén cadrada. Liso, sen figuras nin inscricións.
Encaixado perfectamente no pedestal, aínda que a parte cadrada sobresae bastante do mesmo – case o dobre da superior – dándolle aspecto de rixidez e forza ao conxunto.
Na parte superior semella que atravesa un sinxelo e pequeno capitel para chegar ata debaixo da cruz; mais non é así, remata baixo o capitel.

Capitel:
Como xa apuntei antes, é un capitel sinxelo e pequeno en aparencia, pois a realidade é que leva unhas molduras enriba do varal, logo sobresae como se fose unha continuación do fuste e a continuación, reducindo a sección cadrada, como unha base baixo a cruz. Esta base vén sendo unha metade da outra parte que vai despois do capitel cara a cruz.
É un exemplar único e raro na súa feitura. Mais todo o conxunto é especial e de feitura única, de todos os exemplares do concello ningún se lle semella, nin na feitura, nin no tamaño.

A Cruz:
Atopámonos cunha cruz tamén rexia e forte pola súa feitura, lisa, sen imaxes, mais cunha inscrición da persoa que o mandou facer e erixir, e o ano. No brazo superior vertical leva escrita a palabra POR, nos horizontais PEDRO CAO ANO DE 1860, a palabra DE vai escrita como era común para abreviar co E dentro do D. En conxunto lese:

POR

PEDRO CAO ANO DE 1860

Como xa dixen, é lisa, non leva imaxe do Cristo nin da Virxe. É unha cruz de sección octogonal con base cadrada, fortemente potenzada a xeito cadrado cara os estremos dos brazos. Na base da mesma, leva unha sección cadrada alta que apoia directamente sobre a sección cadrada e estreita do capitel.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXXIV

Imos hoxe cun exemplar ás claras moi incompleto, pois só ten unha base e unha cruz alta, e que xa non está no seu lugar orixinal por mor das expropiacións de Endesa. O positivo é que foi salvado e trasladado polo seu propietario ao lugar actual. Estou a falar do:


CRUCEIRO DO MEIDELO (HOXE SITUADO NUNHA FINCA DOS ALIMPADOIROS):



É un exemplar de cruceiro que clasificamos como incompletos, xa que só ten o pedestal e unha cruz alta. Dentro destes, é dos que están ben rematados e logrados, xa que, tanto o pedestal coma a cruz están moi ben traballados. E as súas proporcións tamén están ben logradas.
Os materiais dos que está feito son o granito e o toelo. O pedestal é de granito e a cruz alta de toelo.
Este cruceiro é un exemplo do aproveitamento dos materiais que facían os nosos devanceiros, pois cando unha peza non servía xa para a súa utilidade orixinaria, sempre trataban de buscar unha segunda utilidade da mesma. Isto pásalle ao pedestal que no seu día foi unha pedra dun muíño e que se aproveitou, dándolle unha segunda función, para poñela de pedestal do cruceiro por mor do seu tamaño e a súa solidez.


Localización:
Este cruceiro podémolo ollar no lugar dos Alimpadoiros, concretamente na primeira pista que sube á dereita, e nunha finca particular (xusto onde comeza o camiño e na marxe dereita segundo se sube, está).
Primitivamente estaba situado este cruceiro na finca de D. Nemesio Pico Barro, no camiño que ía dende o Meidelo ao lugar do Vilar, na marxe dereita do mesmo. Como xa dixen, por mor da expropiación, trasladouse á nova finca, propiedade do mesmo dono e sita no lugar dos Alimpadoiros (lugar que tamén estaba en zoa de expropiación no seu día).


O Pedestal:
O pedestal está formado por unha pedra de muíño; é ancho, cilíndrico (aínda ca cara lateral do mesmo non é de todo recta, senón que máis ben vai pechando un pouquiño coma toda pedra de muíño) e non moi alto.
Está feito de pedra de granito e é liso, sen figuras.
Na súa parte superior, que non é de todo recta senón máis ben algo ovalada, ten un furado cuadrangular onde encaixa o brazo vertical da cruz.


A CRUZ:

É unha cruz alta, feita en toelo. De sección cuadrangular con chafrán ou octogonal irregular, posto que ten as caras frontais (polo anverso e reverso) máis grandes cas outras (as oblicuas).
Non leva imaxes, é totalmente lisa, agás o texto escrito nos brazos horizontais e a data da súa feitura no brazo vertical inferior.
Nos brazos horizontais a inscrición que leva é a seguinte:

A LA DEBOCIÓN DE MANUELA
ARDAO LAMAS


Aclaro que escribín deboción con b, tal e como está na inscrición e non por erro ortográfico.
No brazo vertical inferior, o máis longo dos catro, leva escrita a data de:
1904
Este brazo remata en xeito de prisma cuadrangular, parte que vai encaixada – toda ela – no pedestal cilíndrico de granito.


Cando se trasladou, partiuse polo brazo vertical longo da cruz e foi restaurada, aínda que se pode observar a simple vista o lugar por onde rompeu.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXXI

Toca hoxe falar dun cruceiro incompleto e de interior de cemiterio. Dentro dos nosos cemiterios ponteses non contamos con moitos que teñan un cruceiro dentro del, fóra si, mais no interior non. Estou a falar do cruceiro do Cemiterio de Lourentín-Goente.

CRUCEIRO DE GOENTE-CEMITERIO LOURENTÍN


Cruceiro de cemiterio. É un cruceiro dos incompletos pois fáltalle o Cristo e a Virxe, no seu canto atopámonos cun sudario na Cruz.
Exemplar relativamente recente (do ano 1969, segundo reza no pedestal) e goza dunha boa conservación, preto del hai unha mesa ou pousadoiro para poñer o cadaleito e rezarlle os responsos denantes de enterrar o defunto.

Localización:
No interior do cemiterio de Lourentín-Goente, atopamos este exemplar de cruceiro, feito en pedra de toelo.
Está situado no medio do cemiterio, fronte á entrada principal.

Plataforma:
A plataforma está composta de tres gradas, a primeira e máis grande está, na súa maior parte, metida na terra.
É de tipo cuadrangular e de feitura fina, isto é, de cortes moi logrados e rectos, é dicir, uso de maquinaria na súa realización coma na das outras partes do cruceiro.
A altura dos chanzos non é moita.

Pedestal:
O pedestal é prismático, concretamente un prisma de base cuadrangular. Vai liso na súa superficie e leva labrado un texto co nome do doante xunto coa data de feitura:

DONADO POR
MARIA GRE-
GORIO DURAN
1969


Este texto indícanos a persoa que o doou e o ano. Datos que se aprecian nos cruceiros máis recentes e non tanto nos antigos onde son máis escasos de atopar, ben porque non os poñían, ben pola erosión producida co paso do tempo, dado que algúns teñen moitos anos, máis de douscentos.

Varal:
É de sección cadrada na base (onde encaixa no pedestal) e na parte superior (onde encaixa no capitel) o resto vai achafranado o que lle confire un aspecto de sección octogonal irregular.
Trátase dun varal liso, sen relevos; relativamente alto.

Capitel:
O capitel, ao igual co varal, é liso, sen relevos; de feitura tronco piramidal de base cuadrangular e invertido, de arestas curvas.
Leva molduras rectas na parte superior e na inferior.

A Cruz:
A cruz é de sección cuadrangular, alta e lisa; coas arestas lixeiramente achafranadas, case que inapreciable. Nos brazos horizontais leva colocado o sudario.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXIX

Damos un salto xeográfico no concello, e de Bermui imos ao Caneiro e nesta ocasión falamos do Cruceiro ou Cristo do Caneiro, concretamente o que hai a carón da pista que baixa a este lugar, a man esquerda, e nunha das súas curvas.


CRUCEIRO DO CANEIRO-PISTA.


Cruceiro de tipo cruz alta, practicamente todo el é unha cruz, con algunha peculiaridade como é a de estar pintado de branco.
Está composto por tres partes diferenciadas: grada, pedestal e cruz alta.
Este é un claro exemplo do que se chama polo noso concello un “Cristo”.


Localización:
Situado na marxe esquerda da pista que vai dende As Pontes ao Caneiro, xusto nas curvas pronunciadas que hai mesmo antes do acceso á área recreativa ou merendeiro.


Plataforma:
Leva coma unha grada feita de laxes de pizarra ou o de ollo de sapo, pois o estar pintadas non se aprecia moi ben. É bastante grosa, o que axuda a erguer o cruceiro.


Pedestal:
Está formado por unha soa pedra prismática cuadrangular e algo achafranada na parte superior. Nela vai encaixada a cruz, nun encaixe cadrado. Como o resto do cruceiro, está pintada de branco.
O material semella ollo de sapo.

A Cruz:
É unha cruz alta, lisa e pintada de branco. Non se lle aprecian inscricións nin relevos.
Os brazos van algo frorenzados, pero con remate a xeito de punta de diamante.
A sección é cuadrangular achafranada (octogonal irregular).
Ao estar pintada non se distingue ben o tipo de pedra, mais parece de granito, aínda que é difícil aseguralo.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXVIII

Falamos hoxe doutro cruceiro incompleto que, a día de hoxe, penso que xa non está en pé. Refírome ao cruceiro do cemiterio de Bermui, que cando o visitei por primeira vez estaba deteriorado pero en pé e cando volvín por segunda vez, xa faltaba a cruz. Mais aínda que xa non estea en pé voume referir a el coa finalidade de que quede testemuña de que existiu.


CRUCEIRO DE BERMUI-CEMITERIO




Localización:

Nun dos ángulos que forma o peche do cemiterio de Bermui. E que dá á estrada. Concretamente enriba do muro do cemiterio. O mesmo muro fai de elevación do cruceiro.


Plataforma:
Exemplar carente de plataforma propia. O mesmo muro de peche do cemiterio é a súa plataforma e elevado pedestal.


Pedestal:
O pedestal ten forma prismática cadrada e tronco piramidal cadrado ou achafranada na parte superior.
Non é moi alto, e está apoiado directamente no muro de peche.


Varal:
É un varal curto, non moi groso e de sección cadrada achafranada ou octogonal irregular.
Está moi deteriorado, sobre todo na súa parte superior, baixo o capitel e do lado dereito, segundo se olla, concretamente a parte que dá ao interior do cemiterio.
Na parte inferior e superior, onde encaixa no pedestal e no capitel respectivamente, é de sección cadrada.
É un varal liso, sen inscricións nin relevos visibles.
Está feito en pedra de gra.


Capitel:
O capitel e tronco piramidal cadrado e invertido, con molduras inferiores e superiores e unha media escocia entre ámbolas dúas.
Na parte superior tres molduras e na inferior unha.
Tamén está elaborado en pedra de gra e semella moi vello e deteriorado.
Non presenta relevos.
O seu tamaño é pequeno.

Cruz:
O característico desta cruz, que semella bastante antiga, é o curto que son os brazos superiores e que son case iguais ao vertical alto.
É unha cruz ben traballada, con remates frorenzados, con botón central. De sección octogonal e feita en pedra granítica. Na cruceta apréciase unha zoa circular, coma se no seu día tivese algo representado nela e que hoxe non se aprecia.
Tanto a cruz coma o capitel semellan ser máis antigos co varal ou fuste.
Non leva imaxes.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XXVII

Na parroquia de Bermui, concretamente no lugar da Torre, atopámonos dificultosamente con este cruceiro incompleto e semi-agachado. Tamén é dos cruceiros pouco ou nada coñecidos, agás na zona.


CRUCEIRO DA TORRE-BERMUI



Atopámonos con outro cruceiro que tampouco estaba documentado e que se se conserva foi grazas a actuación de D. RAMIRO FREIRE MACEIRA e aos seus fillos, que o salvaron de quedar enterrado no camiño cando fixeron a pista que por alí pasa, pois estaba situado no que hoxe é a mediana da pista. De non ser por eles correría o mesmo camiño que o outro que había trescentos metros máis adiante que se perdeu ao facer a pista porque ninguén mirou por el.

Localización:
Situado nunha das marxes da pista no lugar da Torre e metido no linde da finca de D. Ramiro Freire e fillos. Con dificultade de observar pois os loureiros e outras árbores o agochan

É un cruceiro incompleto, pois está carente de imaxes na cruz e sen gradas visibles, aínda que pode que estean debaixo do mato e enterradas no valado. A simple vista é un cruceiro de tamaño pequeno feito en pedra de gra.

PEDESTAL:
É un prisma cuadrangular, sen inscricións visibles, aínda que por mor das ramas non o puiden ver ben.

VARAL:
Estamos ante un exemplar de varal curto, cadrado no seu inicio e no seu remate e bastante achafranado no medio, dándolle un aspecto octogonal. En aparencia, tamén liso.

CAPITEL:
É do tipo tronco-piramidal invertida, liso, sen relevos. Na parte superior é cadrado.


CRUZ:
A cruz é un exemplar de brazos desiguais e non moi grande. Non leva inscricións visibles, nin imaxes. É de sección octogonal.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XXVI

Seguindo na parroquia do Aparral temos outro exemplar de cruceiro incompleto e que en realidade é unha cruz alta, como outras moitas que hai ao longo do noso concello pontés. Tamén reciben o nome de Cristos, neste caso é o Cristo do Aparral.



CRUCEIRO DO APARRAL-PISTA CARA O APARRAL



Localización:
Na entrada da pista que vai ao Aparral de Abaixo, un pouco máis adiante da ponte que atravesa o río Chamoselo e na marxe dereita, atópase este cruceiro. Concretamente no cruce de camiños ente a pista do Aparral a Piñeiro e a que vai ao Tarrao.

Plataforma:
A plataforma, que fai ao mesmo tempo de pedestal que non o ten, está formada por laxes de lousa e cachotería. Nela asenta, directamente, a Cruz.

Cruz:
É unha cruz alta, de brazos anchos e planos. É lisa toda ela, non leva inscricións, só unha cruz riscada.
É unha pequena cruz riscada na parte onde comeza, aproximadamente, o brazo vertical inferior de dito cruceiro.
É unha cruz de tipo latina e simple. O tamaño é o común na maioría destas cruces riscadas. É unha cruz dentro doutra cruz (cruceiro).
O material do que está elaborado é ollo de sapo.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XXV

Seguindo na parroquia do Aparral, imos ver outro exemplar de cruceiro incompleto, neste casa, incompletísimo, pois é un aproveitamento doutro cruceiro anterior ao que se lle colocou unha cruz nova enriba. (Na VII CITA COA HISTORIA)

CRUCEIRO DO APARRAL-ENTRADA DA PISTA DA IGREXA



Exemplar de cruceiro incompleto que é un apaño doutro existente anteriormente, pois decátase un axiña ao velo. Podemos dicir que se aproveitaron a última grada, o pedestal e parte do varal. O resto é todo posterior.
Como é un arranxo do que quedou doutro, pois é un cruceiro pequeno, pero que dá idea de que o orixinal debera ser un fermoso, rexio e alto exemplar, pois o pedestal e un anaco de varal que se salvaron así o confirman. Mágoa, unha vez máis, da perda doutro exemplar. Aínda que hai que dicir que algo logrou recompoñerse, na vida hai que ser positivos. Polo menos o que quedou non se rexeitou nin se perdeu.

Localización:
Xusto na entrada da desviación que leva a Igrexa, na pista do Aparral, atopamos este cruceiro na marxe dereita, concretamente no alto do valado.


Grada ou Plataforma:
Conserva só unha grada, a máis pequena e situada debaixo do pedestal. Esta, á súa vez, vai apoiada nunha base de cemento para erguer o cruceiro e darlle asento, pois está situado no valado de terra dunha finca.

Pedestal:
O pedestal comeza sendo un prisma cuadrangular para pasar a formar un tronco piramidal cuadrangular e logo achafranado (coido que é o cemento para asentar o varal).
Liso e sen inscrición aparente, nin relevos, aínda que está moi cuberto polos mofos.

Varal:
O varal é un anaco dun fuste dun cruceiro anterior, con símbolos da Paixón, nel aínda son visibles a espada, o martelo e a escada. O curioso é que como foi un arranxo fixérono mal e o puxeron ao revés, e dicir, coa parte derriba cara abaixo; nel aparecen a escada, o martelo e o puñal (estes dous son os que dan a pista de que foi colocado ao revés, pois están invertidos).
É un varal groso e octogonal que apoia no pedestal coa mesma sección octogonal.

Cruz:
É unha cruz latina, pequena e feita de cemento. É lisa e vai cimentada enriba do anaco do varal directamente, non existindo capitel.
É de sección rectangular.
Carece de imaxes.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XXIV

Comezamos hoxe coa outra clase de cruceiros, os incompletos. Que clasifico así por faltarlle ou carecer algunha parte das xerais de todo cruceiro, isto é, gradas, pedestal, varal, capitel, cruz, cruz anverso O Cristo e cruz reverso A Virxe. Polo xeral, as partes que faltan son: ou ben as gradas, ou o capitel, ou as imaxes da cruz. Varal e cruz non faltan neles, mais, ás veces, cruz e varal é todo un, sendo o brazo inferior dela o que fai tamén de varal; nestes casos, polo concello dáselles o nome de Cristo de…, coma no caso do Cristo de Prada que xa foi tratado no segundo artigo desta serie de Patrimonio Pontés.

O primeiro exemplar de cruceiro incompleto que imos ver é:


CRUCEIRO DA COVA-APARRAL

Este é un exemplo máis dun cruceiro que sufriu deterioro e que foi relativamente restaurado, pois a cruz perdeuse o hoxe ten unha nova. E do tipo dos incompletos, pois carece do Cristo e da Virxe. Cando tiña a outra cruz tiña Cristo, o que non sei é se tiña tamén a Virxe.

Localización:
No lugar da Cova-Aparral, concretamente na desviación que hai na estrada As Pontes-Vilalba cara o Aparral. Xusto na curva do lugar da Cova, aí está este cruceiro. Segundo se entra na pista, á man esquerda.

Plataforma:
A plataforma é rectangular e está formada por tres gradas que tampouco son orixinais, senón que foron postas novas cando o restauraron despois de ser derrubado pola saída dun vehículo na curva.

Pedestal:
É un pedestal de tipo prismático rectangular e vai achafranado na súa parte superior. Non é moi grande, nin alto.
O material é pedra de granito.
É liso, sen inscricións nin relevos.
Está algo deteriorado na parte baixa e atópase reparado con cemento na zoa onde se une á plataforma.

Varal:
Este varal é un exemplo de varal ou fuste alto.
A sección do mesmo é cuadrangular achafranado ou octogonal irregular, na parte inferior e superior é de sección cadrada.
É un varal liso sen inscricións nin relevo.

Capitel:
É este un capitel de sección cadrada, moldurado inferiormente a xeito de bocel. E moldurado superiormente con molduras máis grandes e máis saíntes cas inferiores.
Non leva adornos, é liso. E é de pequeno tamaño.
O material tamén é o granito.

A Cruz:
Esta Cruz é nova, colocada na reparación do cruceiro. É unha Cruz de granito, alta e fina; de forma latina e cos brazos frorenzados con botón central. De sección cuadrangular achafranada (octogonal irregular) e cadrada no encaixe no capitel.
É lisa, sen relevos e ben feita. Nela non hai imaxes.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XXIII

Co artigo de hoxe rematamos a nosa viaxe polos cruceiros completos (uns 20) do noso concello, aínda nos quedan os incompletos; o que quere dicir que temos unha boa concentración de cruceiros espallados polo noso territorio pontés. Uns máis coñecidos ca outros, mais todos cunhas características propias que os fan especiais.

O exemplar de hoxe non é orixinario do lugar onde está, noutro tempo estivo situado no lugar do Meidelo, hoxe desaparecido, primeiro pola mina e, posteriormente polo lago.


É un exemplar feito en pedra de serpentina ou toelo todo e e ten partes engadidas que, orixinariamente, non tiña. Tamén dicir que neste último lugar de localización, nunha festa da Fraga, foi salvaxemente atacado producíndolle varias roturas na parte da cruz, chegando a romperlle os pés ao Crucificado e algunha que outra rotura na imaxe da Virxe que, posteriormente, se repararon. E falo do:

CRUCEIRO DA FRAGA (NOUTRORA DO MEIDELO)

Localización:
A trinta metros da entrada da Fraga de Dona Rita, na marxe dereita do camiño, atopamos este cruceiro.. E máis abaixo unha fonte cunha imaxe, cedida polo concello de Ferrol a As Pontes de Gª Rguez.

Plataforma:
Plataforma engadida e falso pedestal engadido. Está composta de dúas gradas simuladas, pois como xa dixen este cruceiro foi trasladado de sitio. É de supoñer que no lugar orixinal tería como mínimo, tres gradas, xa que é o habitual e, posiblemente, máis grandes. Agora, ademais das gradas simuladas engadíuselle un falso pedestal onde se recolle a doazón do cruceiro á Fraga, feita polos herdeiros de Dona Serafina Bello Casas.

Pedestal:
O pedestal ten unha base cadrada duns 10 cm aproximadamente e o resto e do tipo tronco piramidal de base cadrada e rematado en bocel. Está feito en pedra serpentina, ou toelo (pedra de Moeche).


Das catro caras, dúas levan inscrición bastante lexible para un cruceiro de máis de cen anos. Comeza na cara anverso, a do Cristo e continua pola parte dereita do mesmo. A única parte que non está moi lexible é a das letras (dúas) que hai denantes da palabra OBISPO, poida que sexa SR(SEÑOR) ou outra abreviatura relativa a dignidade do bispo, se son outras letras.

A inscrición reza deste xeito:

EL SR? OBISPO DE
MONDOÑEDO
JUAN SOLIS CONCE
DE POR CADA SALVE Y
PADRENUESTRO QUE
SE RECE DELANTE DE
ESTE CRUCIFIJO 50 DÍAS
DE
INDULGENCIAS


SE HIZO A LA
DEVOCIÓN DE
FRANCISCO VELLO
AÑO DE 1908

Varal:
É un varal excepcional, xa que a metade inferior é de sección octogonal, con inicio de sección cadrada; a outra metade superior é de sección cilíndrica con remate cadrado para encaixar no capitel. Leva os símbolos da Paixón, de abaixo a arriba: escada (na sección octogonal), martelo e tenaces (na sección cilíndrica). Como dixen é un caso único no concello pola forma da sección, tamén por que só leva tres símbolos da Paixón (outros levan tamén os cravos e o flaxelo).

Capitel:
O capitel é do tipo abondoso na zoa, tronco piramidal invertido. Con volutas angulares e cabezas de anxos con ás nas catro caras.
É un capitel con molduras inferiores e superiores. As inferiores son cuadrangulares e as superiores en xeito de media lúa e con corte recto nos vértices.

Cruz:
É unha cruz alta, delgada e de sección cilíndrica que levaba os brazos cortados en bisel paralelo. É unha cruz nodosa, aínda que dos nos só ten uns pequenos saíntes.

Cruz anverso, O Cristo:
Leva cartela rectangular vertical coa inscrición JNRJ. Leva cora de espiñas, cabeza inclinada cara á dereita, ollos pechados, barba (as faccións da cara están ben logradas e traballadas). Brazos curtos en proporción ao tamaño da cabeza, mans pechadas cun cravo en cada unha. Pano de pureza con cordón atada á dereita. E a perna dereita enriba da esquerda e cun cravo nos pés.

Na inscrición da cartela:

J N
R J

Chama á atención a letra I representada por un J.

Cruz reverso, A Virxe:
A Virxe é unha imaxe dunha Soidade que vai apoiada nunha peaña semiesférica. Leva un pano que lle cubre a testa e todo o corpo. Vestido con pregues e brazos cruzados coas mans termando do pano, e non en posición de rezo como é habitual. O vestido chega ata á peaña en non se lle ven os pés.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración