Archivo de la categoría: patrimonio Pontes

PATRIMONIO PONTÉS LVIII

Situámonos nesta ocasión no Freixo, concretamente na súa Igrexa Parroquial, e atopámonos con esta cruz riscada única no noso concello.



CRUZ RISCADA NAS PEDRAS DA ARCADA DA PORTA DA IGREXA DE SAN XOÁN DO FREIXO.

A igrexa do Freixo, de por si, ten moita historia. Moita dela refléxase na súa entrada ou porta de acceso, onde nunhas columnas están representados os Montenegro. Nunha das pedras desta zona da entrada, atopamos esta cruz singular. É unha cruz riscada con dúas figuras, tamén riscadas, a xeito de eses simétricas e situadas a ámbolos lados do brazo inferior da cruz.


A pedra, que forma parte da arcada, ten como vetas por toda ela e non deixa apreciar ben a cruz, pois o riscado confúndese con elas.


Non é unha representación que se atope en máis lugares, que eu saiba é a primeira que atopo deste tipo no noso Concello. É curiosa a simetría do “s”. Ignoro se tiña algo que ver co resto da ornamentación que debeu de haber na entrada desta igrexa, e da que só quedan as dúas columnas e os restos dun saínte na parte superior da porta e dous anacos máis nos laterais.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS LVII

Ímonos hoxe ata a Parroquia de Ribadeume, alí, no adro da Igrexa chama a nosa atención un sarcófago de pedra e, a carón del, unha cruz sobre unha base cúbica, polo seu tamaño coincide cos chamados Cristos, que non deixan de ser cruces altas mais pequenas cos cruceiros e que, moitas delas, ás veces teñen algunha parte similar aos cruceiros.
Esta cruz ten no seu brazo vertical superior unha cruz riscada que é a de que imos falar hoxe. É o segundo caso co que nos atopamos dunha cruz dentro doutra cruz.

CRUZ RISCADA NO ADRO DA IGREXA DE RIBADEUME

No adro da Igrexa de Ribadeume, atopámonos cunha cruz ou Cristo enriba dun pedestal prismático, case cúbico. Mais neste caso non é esta cruz a que chama a nosa atención, senón a cruz que ten riscada dentro dela, concretamente no brazo vertical superior.


Semella ser unha cruz de calvario, aínda que desproporcionada, xa que a cruz é pequena con respecto ao triángulo ou base que semella o monte. Baixo dela as letras, tamén grandes en relación á cruz, JHS, tamén riscadas (Jesús Hombre Salvador).
Este Cristo está a carón do sarcófago que hai no adro da Igrexa Parroquial de Ribadeume, pola parte que da á pista.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS LVI

Dentro do noso casco urbano e fóra xa da Vila, tamén contamos con algún exemplar de cruz riscada no lintel da porta. Posiblemente antano, houbera moitos máis casos pero coas restauracións e novas edificacións (tirando as existentes) desaparecerían, Nesta ocasión contamos cun exemplar ben conservado.

CRUZ RISCADA NA CASA DE VILABOY, HOXE DE MANOLO ARES, NO Nº 18 DO REGO DO MUÍÑO.

No lintel da porta da casa que fora noutrora de Vilaboy e, hoxe, do xenro, Manuel ou Manolo Ares para os veciños, atopamos esta cruz riscada. É outro exemplo, dos poucos que hai no casco urbano, de cruz riscada no lintel da porta de acceso. Vai acompañada dunha inscrición relativa ao mestre construtor da casa, aos donos e a data de edificación. Na actualidade, para facilitar a súa lectura, esta inscrición está pintada de cor negra e di así:

MEISO (=ME HIZO) JOSE CABADA. PA-
RA ANTONIO BOUZA Y CASILDA. 1882

É unha cruz pequena, de brazos superiores curtos e case que iguais. Na parte baixa do brazo maior vertical leva unha base a xeito triangular.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS LV

Trasladámonos hoxe a Bermui, parroquia de recente incorporación ao noso concello, e digo recente pero xa pasaron 40 anos da súa incorporación, concretamente o 16 de xaneiro de 1983 formalizouse dita incorporación, non so foi Bermui, tamén o foron: Ribadeume, San Pedro de Eume, Goente, A Faerira, Espiñaredo e San Xoán do Seixo (Seoane).

CRUZ RISCADA NA CASA Nº 1 DO LUGAR DE TRAS DO FEAL-BERMUI

No lugar de Tras do Feal-Bermui, na casa Nº 1, atopamos esta cruz riscada que, coma moitas delas, vai acompañada de inscrición. Está situada no lintel da porta de acceso á vivenda. A cruz é latina, brazos desiguais, cunha calidade de feitura media ao igual ca inscrición. Vai situada na parte superior do lintel. Os brazos semellan estar potenzados, mais non moi ben logrados estes remates. A inscrición refírese ao ano e tampouco está moi ben escrita, xa que a palabra AÑO, a letra A e a Ñ debe ser toda unha. Tamén a preposición “de” está escrita en minúscula e dando a sensación de que foi feita posteriormente.

A Ñ O d e 1 9 0 8

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS LIV

Preto do Aparral, concretamente na Pedrafita, atopámonos esta cruz feita con moito esmero. Onde tamén puidemos ver un exemplar de reloxo de sol, elemento tamén do noso patrimonio pontés descoñecido.

CRUZ RISCADA NA CASA Nº 7 DA PEDRAFITA

Na casa que ten o número 7 da Pedrafita e no dintel da porta atopamoa esta cruz. Na casa propiedade de D. Benedito Filgueiras López. É unha cruz de tipo latino con dúas particularidades con respecto ás outras máis correntes: A primeira, é o brazo vertical superior que é moito máis longo cos horizontais; a segunda, é o remate do brazo vertical inferior que acaba a xeito potenzado.

Sitúase esta cruz no medio do dintel da porta da casa. É unha cruz simple, ben lograda e feita con finura e curiosidade. Cando estabamos a ollar esta cruz atopámonos cun exemplar de reloxo de sol, pertencente á mesma casa e citado no Nº 3 da revista Hume no artigo “Os reloxos de sol no concello de As Pontes de García Rodríguez”.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS LIII

Damos un salto no espazo do noso concello e imos ao Aparral, concretamente ao Aparral de Abaixo, onde a carón da pista atopámonos cun cruceiro de tipo incompleto e que contén unha pequena cruz riscada.




CRUZ RISCADA NO CRISTO DO APARRAL DE ABAIXO

Atopei esta cruz riscada ollando o cruceiro de tipo incompleto (ou “Cristo”) existente no cruce de camiños entre a pista do Aparral a Piñeiro e a que vai ao Tarrao. Na marxe dereita de dita pista indo dende As Pontes e ao pé doutro camiño que vai ao Aparral de Abaixo.


É unha pequena cruz riscada na parte onde comeza, aproximadamente, o brazo vertical inferior de dito cruceiro.


É unha cruz de tipo latina e simple. O tamaño é o común na maioría destas cruces riscadas.


É unha cruz dentro doutra cruz (cruceiro).

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS LII

Imos ao lugar de Gondré, que pertence á parroquia de Santa María de As Pontes. Atopámonos cun conxunto de cruces, concretamente catro

CRUCES RISCADAS NA CASA DO CAZADOR DO MARIÑANO-GONDRÉ



Estas catro cruces riscadas están situadas na segunda edificación, á dereita, segundo se entra no lugar do Mariñao, pertencente a Gondré.


Son un conxunto de catro cruces riscadas situadas na pedra da soleira da fiestra. Son cruces pequenas e de brazos case que iguais, potenzadas.


Aproximadamente no medio da pedra temos tres xuntas e seguidas, a da esquerda (segundo se mira) é a máis grande; a do medio é a máis pequena, e a da dereita é un chisco máis pequena ca da esquerda e máis grande ca do medio.


Xusto debaixo da do medio temos outra de tamaño semellante á máis grande das de enriba.


O material é pedra de ollo de sapo.
A casa é coñecida pola do Cazador do Mariñao, D. José Alejandro Otero Picos.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS LI

Seguimos en Somede, nesta ocasión no lugar de Os Campos. Nunha casa que sería de estudo por algunhas das súas características, concretamente pola porta (semella medieval) en arco e algunha das súas pedras.



CRUZ RISCADA NO LUGAR DE CAMPOS-SOMEDE



No lugar de Campos, na parroquia de Somede, nunha casa da dereita da estrada. Neste sitio hai un grupo de casas e nunha que fai esquina e pola parte da tras da mesma está situada esta cruz. A casa xa está ruinosa e non se entra.
Chamou a miña atención por ser a única que atopei ata o de agora cabeza abaixo, isto é, en posición invertida. Descoñezo a causa real de dita posición, aínda que especulando poden ser varias: A primeira, e que se aproveitara a pedra doutro lugar e se invertida, posiblemente do lintel dunha porta. A segunda, que imite á cruz de San Pedro. A terceira, que fose posta neste xeito adrede con algún fin esotérico (mais esta última e divagación pola miña parte). Eu inclínome pola segunda, que sexa a cruz de San Pedro.


É unha cruz de brazos desiguais, é dicir, de tipo latina. Polo remate dos brazos, patada (rematada a xeito triangular). Está invertida, tendo o brazo curto cara abaixo e o longo cara arriba. Lembra a cruz de San Pedro na posición, agás polo remate dos brazos; mais a de San Pedro é unha cruz chamada capitata invertida, isto é, de tipo latina –brazos desiguais- con remate dos mesmos en forma recta e co brazo curto cara abaixo, por ser deste xeito como martirizaron a San Pedro en Roma, de aí o seu nome.


Dentro das cruces riscadas que teño observado, esta representa unha das de maior tamaño, tendo os brazos verticais uns 36cm. e os horizontais 30cm.


O que non se pode negar e que é especial e rara.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS L

Saímos da Vila e imos polas nosas parroquias para seguir atopándonos con máis exemplos de cruces riscadas, neste caso ao lugar de Suarmida en Somede.


CRUCES RISCADAS NA CASA DOS DE SINDO, NO LUGAR DE SUARMIDA (SOMEDE)



En Somede hai uns lugares que comezan con Sua…, como son Suarriba, Suaermida…, que dan pé a pensar que tamén Soamede ou Somede veña de Suamede.


No lugar de Suaermida, nome que parece facer referencia a unha anterior existencia dunha “ermida”, atopámonos cunha casa con moitos anos de existencia (os seus moradores calculábanlle máis de douscentos anos) e con moitas modificacións, chamada a casa “dos de Sindo”. O home maior da mesma é de orixe luso e leva o apelido “Almeida”. Na porta de dita casa e na parte que corresponde á xamba esquerda (segundo se entra) ten unha pedra cunha cruz, uns signos e números riscados. Debaixo deles, Francisco, un fillo do dono da casa, riscou hai anos as súas iniciais e engadiulle ao remate delas unha cruz máis pequena:

F . A . N +

As iniciais corresponden a Francisco Almeida Novo.


De destacar son dous aspectos: Primeiramente a cruz riscada, pois enriba dela leva tres raíñas, unha como prolongación do brazo pequeno e outras dúas do mesmo tamaño á anterior e oblícuas a ela. Segundo, dous signos semellantes a unhas PP seguidos de 5 e 2. Pola miña parte tratei de identificar estes signos con números sen logralo; o que está máis preto do 5 puidera ser un nove trocado de lado, é dicir, mirando para a dereita. Mais o primeiro non pecha como unha P ou un ), senón que está aberto a xeito dun mango de bastón e na súa parte baixa, ao remate da raía vertical, ten unha horizontal (-) ben pronunciada.
Se cadra, e relacionando o nome do lugar coa casa e a pedra, esta era a situación primitiva da ermida.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XLVIII

E seguimos na Vila e seguimos atopándonos con cruces riscadas nas súas pedras, como símbolo de protección para a casa e os seus moradores. Neste caso é un exemplo dunha cruz moi pequena, que pasa desapercibida se un non se fixa nela. Supoño que aínda pode haber moitas máis gravadas nas pedras das casas, mais a erosión ou estar situadas en lugares fóra da vista dificultan o dar con elas. Asemade, un pode pensar que por ser tan pequenas non son importantes, mais si o son, xa que son a manifestación dunha época e un exemplo do noso patrimonio pétreo.



CRUZ RISCADA NA CASA DO Nº 22 DA RÚA SAN XOÁN

No número 22 da rúa San Xoán, no grupo de casas do fondo da mesma rúa (ollando cara o río) , atopámonos cunha casa pequena (estreita) que nunha das xanelas da porta ten unha pequena cruz riscada.

Trátase dunha pequeniña cruz riscada e moi gastada polo paso do tempo que pode pasar desapercibida se un non se fixa nela.
É unha cruz de tipo latina, brazos iguais, situada na xamba da dereita (ollando a porta de fronte), situada na pedra que coincide co puxigo, aproximadamente.

Como podemos ver na Vila é unha zoa onde se concentra gran cantidade e variedade de cruces. Posiblemente haxa máis, aínda que ocultas polo recebo ou gastadas polo paso do tempo.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.