Archivo de la categoría: patrimonio Pontes

PATRIMONIO PONTÉS LXVIII

Seguindo coas cruces de termo, hoxe imos ver outra situada no lugar de Rámez, na parroquia de Vilavella. Esta cruz de termo separaba a parroquia da Vilavella da de Espiñaredo.

CRUZ RISCADA DE TERMO EN RÁMEZ, NA PARROQUIA DA VILAVELLA:


Coma no caso anterior, atopámonos cunha cruz riscada nunha pedra ou pena a carón da superficie do chan e non moi alta.


E tamén coma no caso anterior, servía para marcar o linde parroquial polo que facía as veces de marco.


Trátase dunha cruz en tamaño semellante á de Mariñaleda, na Pedrafita. Riscada case do mesmo xeito, agás no remate do brazo vertical inferior que está menos riscado que no caso do artigo anterior.


Este tipo de cruces eran un marco xeográfico de referencia e que, en algunhas ocasións, aparecen reflexadas en escrituras de propiedades de terreos.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXVII

Para ir rematando co apartado das cruces riscadas, aínda que queda algún exemplar máis no tinteiro, quero rematalo con dous exemplos de cruces riscadas especiais. Son as chamadas “cruces de termo”, que son aquelas que indican o linde entre parroquias.

Marcábanse nas pedras e era o sinal de comezo dunha parroquia e o final doutra.

O primeiro exemplar está situado en Mariñaleda-A Pedrafita e era a cruz de termo entre a parroquia do Aparral e a de As Pontes ou entre Santa María do Aparral e Santa María de As Pontes.

CRUZ RISCADA NA ROCHA EN MARIÑALEDA-A PEDRAFITA:

Nun camiño existente á esquerda, unha vez pasada a desviación que vai á Pedrafita, e no lugar de Mariñaleda, aproximadamente a uns 500 metros da pista atopámonos con esta cruz de termo gravada na rocha. Fomos cunha persoa para min moi particular e querida, xa que foi profesor meu na Academia “Pardo Bazán” e que sempre lle chamei Don Rosendo, concretamente Rosendo Couto Abella, bo profesional e boa persoa e do que gardo boas lembranzas. De non ser por el que sabía dela, non a atoparíamos, pois aínda que está á beira do camiño, ao estar cuberta de mato non se vía a pesares de estar ao seu carón. Houbo que despexar a zona de vexetación antes de poder facer as fotos para deixar testemuña dela.


É unha cruz gravada na pedra, duns 20 por case 40 centímetros e no pé vertical inferior leva coma un remate do mesmo en sentido horizontal. A pedra non levanta moito do chan e non é regular na súa superficie. E como xa dixen é unha cruz riscada de termo, de separación de parroquias.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXVI

E seguimos no lugar dos Cameleiros en San Pedro de Eume, onde atopamos outro exemplar de cruz riscada non tan vistosa coma o da artigo anterior, pero danos unha idea da cantidade e variedade de cruces que se riscaban nos linteis das portas como símbolo de protección dos seus moradores.



CRUZ RISCADA NO LUGAR DOS CAMELEIROS (SAN PEDRO DO EUME)


Neste mesmo lugar dos Cameleiros atopei outra cruz riscada pero moi pequeniña, tanto que case a vin ao principio, tiven que fixarme moito e grazas ao obxectivo da cámara distinguina ben. Está moi gastada ou erosionada polo paso do tempo e, ao mellor, porque non era moi fonda o gravado na pedra.


Como digo, é unha cruz de pequeno tamaño, riscada na pedra dun xeito basto. Está situada, coma a anterior, no lintel dunha porta. Non semella haber nada máis riscado na pedra.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXV

Hoxe imos San Pedro de Eume, concretamente ao lugar dos Cameleiros que conta cun cruceiro do que xa falamos no seu día no apartado dos cruceiros. Aquí atopei un fermoso e curioso exemplar de cruz riscada do que imos falar deseguido.

CRUZ RISCADA NO LUGAR DOS CAMELEIROS (SAN PEDRO DE EUME)

Atopei esta cruz cando fun facer, coa miña muller, as fotos ao cruceiro dos Cameleiros un día do verán de moita calor. Había unhas casas preto do cruceiro e unha delas chamou a miña atención pola súa construción e metinme polo medio delas, unha media derrubada, e atopei este lintel coa cruz cando xa non agardaba atopar nada por alí. Trátase dunha cruz riscada grande, que se asemella a un cáliz coa sagrada forma e a cruz no medio. Tamén poderíamos dicir que a parte superior semella ser unha roda crucífera, pero máis ben é un cáliz coa cruz e a forma. É a primeira que atopei deste estilo e é un exemplar curioso, tamén por estar nun lintel dunha porta tapiada. Non se lle distinguían letras ao lado.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXIV

Imos ao Rego do Ouro, no Deveso. Nome que podería indicar que no seu día este rego fora aurífero, mais non hai datos de que así sexa. Hai unha zona cha neste lugar e no medio atopamos este marco ou brazo inferior de cruz (eu case me decanto pola última posibilidade), no que está riscada a cruz á que nos referimos hoxe.

CRUZ RISCADA NUN MARCO? NO CHAN DO REGO DO OURO.

No chan que hai no lugar do Rego do Ouro, ao pé dos eólicos alí existentes, hai unha pedra chantada no chan que ben puidera ser un marco ou tamén podería ser a parte inferior do brazo vertical dunha cruz (de aí o da interrogación no marco). Pola parte traseira da mesma atopamos unha cruz riscada de tamaño grande. Dentro das cruces riscadas pouco traballadas, esta é de gran tamaño e de tipo grega, é dicir, brazos iguais. A pedra na que se atopa dá a sensación de estar cortada, por iso, lévanos a pensar se non sería o brazo vertical inferior dunha cruz alí existente noutro tempo e que moi ben fora unha cruz de desgraza ou morte repentina, mais descoñecemos se isto foi así..

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXIII


E neste percorrido polo concello volvemos ao pobo, nesta ocasión a Tralo-Rego, onde nunha das casas con máis antigüidade da zona nos atopamos con estas cruces riscadas no lintel dunha porta da casa Nº 3.

CRUCES RISCADAS DA CASA DE TRALO-REGO.



Na casa dos de Tralo-Rego, concretamente na que xa se cita nas cruces cumiais, ten dúas cruces riscadas na porta de acceso lateral que dá á pista e que, noutrora, era o atallo. (Deste xeito lle chamábamos os que íamos por el cara a Forxa e o Paraño, e que, posiblemente, fose unha continuación da vía romana no seu camiño cara a provincia lucense. A estrada é posterior a este vello camiño).


Son dúas cruces, se cadra tres, pois unha –de existir- está media oculta, que se atopan no lintel da porta de acceso.
As tres son de tamaño pequeno e de tipo grega, isto é, brazos iguais. Na pedra atópase un número (o 3) dunha vella numeración de rúas; tamén hai unha bombilla nunha base que dificulta ver con claridade a existencia dunha terceira cruz, aínda que dous dos seus brazos parecen asomar por debaixo.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS LXII

Hoxe ímonos a Somede e facemos alusión a unha cruz riscada nunha lápida do cemiterio deste lugar. E o facemos porque é especial, xa que esta lápida fai referencia ao primeiro defunto soterrado neste cemiterio.

CRUZ RISCADA NUNHA LÁPIDA DO CEMITERIO DE SOMEDE.


Somede garda máis dunha sorpresa e é un lugar meritorio de estudo tal e como o testemuña a ara que alí se atopou.


Na parte exterior do muro, xunto a entrada ao cemiterio de Somede que está situado ao pé da Igrexa, atopamos esta lápida que teñen exposta na parte exterior, xa que se trata da lápida do primeiro cadáver soterrado neste cemiterio. Cando fixeron a remodelación do cemiterio atopárona e expuxérona no exterior.


É unha pedra de ollo de sapo ou gneis, abondosas na zoa. Na parte superior da mesma vai a cruz e debaixo unha lenda que se le dificultosamente en parte por mor da erosión ou desgaste das letras riscadas.


A Cruz semella unha representación dun cruceiro, pois ten un pedestal, un varal alto e a cruz unida ao mesmo. É de brazos desiguais, pois o superior é máis pequeno que os horizontais. Está situada no extremo superior e centro da lápida. Precisamente nesta parte superior é por onde se atopa peor, pois está rota, posiblemente para extraela, non se tomarían as medidas axeitadas e rompeulles.


O texto, coma xa dixen, non está moi lexible. O que puiden descifrar ata o de agora é o seguinte: “RECUERDO (OFELIA, parece que di)
FALLECIO (hai unha parte ilexible que remata en RES)
(logo parece dicir EDAD, mais co e dentro do D) 9 MAYO DE 19_0
SIENDO EL PRIMERO CADAVER DEL CEMEN
TERIO.
(Na parte inferior da lápida e en letras máis grandes:
Q. E. P. D. (Que en paz descanse).

R E C U E R D O

F A L L E C I Ó

9 M A Y O D E 1 9 ? 0

S I E N D O E L P R I M E R O

C A D A V E R D E L C E M E N

T E R I O


Q. E. P. D.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS LXI

Seguimos no Freixo e volvemos onde comezamos, na fachada da súa Igrexa Parroquial, onde atopei outras dúas cruces case de casualidade, pois non se aprecian moi ben.

CRUCES RISCADAS NA FACHADA INTERIOR DA IGREXA DE SAN XOÁN DO FREIXO.

Xa citei antes a fachada interior da igrexa do Freixo, e que era especial ou debera de selo noutro tempo. Nótase que foi alterada, quedando algúns restos da primitiva. Mágoa non saber como era orixinariamente, pois debeu ser moi bonita. A capela, segundo o meu amigo Xabier Martínez, na súa orixe foi románica e, seguro, que contaba cunha fermosa fachada. Hai que pensar que o Freixo foi unha das parroquias de As Pontes que máis habitantes tiña e a súa importancia era grande. E volvendo ao tema das cruces, son dúas. Atópanse a ámbolos lados doutro símbolo riscado que podía formar parte de algo máis, pois é coma unha semicircunferencia mal feita cun radio no medio, coma querendo asemellar unha M, posiblemente o símbolo de María. Mais non é moi doado sabelo polo desgastadas que están as cruces e a M.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTES LX

E seguindo unha vez máis no Freixo e moi preto da súa Igrexa, concretamente fronte dela, hai unha finca na que está situada a reitoral e ten un peche de pedra. Nunha destas pedras do muro e que está tirada no chan, decateime da presenza desta cruz riscada.

CRUZ RISCADA NUNHA PEDRA TIRADA DO MURO QUE PECHA A FINCA DE REITORAL DO FREIXO

Seguindo o muro de peche da finca da Reitoral do Freixo cara abaixo, atopeime cunha pedra tirada no chan e cunha cruz riscada. O máis probable é que estivera no muro, hoxe está no camiño, ao pé do muro. Ten unha cruz latina riscada, bastante desgastada pola erosión e o paso do tempo. Asemade que o lugar onde está tamén tivo que ver no seu desgaste. Decateime dela de casualidade e polo musgo que cubría o a parte riscada. Este é un caso claro dunha cruz que se vai perder, pois a pedra corre o risco de partirse ou que a collan para outra utilidade. En principio non se sabe cal era o seu emprazamento orixinal, probablemente o muro, máis non é seguro.

O que sí está claro é que é un claro exemplo da situación do noso patrimonio: abandonado, polo chan e sen darlle importancia. Atopeina a altura da última casa que hai a esquerda seguindo o camiño que baixa por diante da casa reitoral, pegado ao muro do peche da finca. Ao principio coidei que sería da casa, mais por moito que mirei non din atopado o sitio onde podía estar, polo que deducín que era no muro e non na casa o seu lugar de situación orixinal.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS LIX

Sen marchar do Freixo e seguindo na súa Igrexa Parroquial, imos ver hoxe outro exemplo de cruz riscada, neste caso moi singular polo lugar onde está gravada.




CRUZ RISCADA NO PINÁCULO DA ENTRADA AO ADRO DA IGREXA DE SAN XOÁN DO FREIXO.


Nun dos laterais da cancela pola que se accede ao adro da Igrexa de San Xoán do Freixo, atopámonos cun pináculo rematado nunha esfera e na que temos unha cruz riscada. Moi probable é que houbese outro no outro lateral da cancela, máis hoxe non existe, nin quedan restos, pois busqueinos e non os atopei, ou que fose o que falta no teito da Igrexa, pois, se cadra, foi onde estivo inicialmente, é dicir, no cumio do teito da igrexa, onde aínda hoxe vese un só na parte traseira. Está situada enriba do muro do adro, concretamente sobre dunha pedra de cantería, que pouco ten que ver coas pedras do resto do muro. Ten forma tronco-cilíndrica, composto por tres corpos; o inferior, máis aberto, e os outros máis pechados. (O inferior, leva unhas pedras pequena debaixo para lograr a horizontalidade. Sinal de que este non foi o seu emprazamento orixinal). Remata en esfera con cruz riscada. É unha cruz grega (brazos iguais) moi marcada, isto é, co rego moi profundo.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración