Archivo del Autor: upaaspontes

PATRIMONIO PONTÉS XXI

Imos con outro exemplar, este máis novo que os vistos ata o de agora, e seguimos sumando exemplos de cruceiros do noso concello pontés e aínda quedan os clasificados como incompletos. Hoxe toca falar do:



CRUCEIRO DO APARRAL-IGREXA



Na parroquia do Aparral atopámonos con varios cruceiros, o exemplar do que vou falar é un exemplar de cruceiro novo, pois é do ano 2000 e vén substituír ao que había neste lugar. É un cruceiro que está feito en pedra de granito e traballado moi finamente, moi posiblemente con corte de máquina nas pezas máis grandes, gradas, pedestal e varal.


Localización:
Localizamos este cruceiro no adro da Igrexa de Santa María do Aparral, na zoa con xardín que hai poucos anos se fixo ao pé da Igrexa. É un rexio e bonito exemplar de cruceiro de Igrexa e de campo da festa. Na marxe esquerda da pista que baixa ata a igrexa.

Plataforma:
Composta de tres gradas cadradas de altura media. E posiblemente cortadas coa maquinaria, pois pola súa fineza non parecen labradas pola man do canteiro. As gradas están compostas, cada unha de elas, por varias pedras. e non son moi altas.

Pedestal:
O pedestal ten unha parte a xeito de prisma cuadrangular e logo outra de forma tronco piramidal de base cadrada.
Leva inscrición dentro dun rebaixe na cara do anverso que nos informa da persoa que o mandou facer e pagou e o ano e que di:

CRUCEIRO
DONADO POR
JOSE Mª LOPEZ LOPEZ
APARRAL AÑO 2000


Varal:
De sección cadrada con chafrán (non moito) e con empece e remate totalmente cadrado para os encaixes.
É un exemplar que leva os símbolos da Paixón, de abaixo cara arriba: escada, espada, tenaces, martelo e tres cravos.
Tamén leva adornos romboidais metidos en rectángulos e con catro puntos nos ángulos. Estes adornos atopámolos nas catro caras, na parte superior baixo o capitel.

Capitel:
Capitel dobre, na parte inferior é tronco piramidal invertido e con escocia, na parte superior, é case cadrado, con volutas angulares ou esquinais simuladas con semicírculos concéntricos e venera (cuncha de vieira) no medio (en cada cara).
Ao ser un exemplar recente os xeitos do oficio variaron e as representacións non seguen os canons establecidos noutrora.

Cruz:
É un exemplar de cruz forte, lisa e de sección cadrada toda ela e con lixeiro chafrán, agás nos remates dos brazos.
O brazo vertical superior bastante alto con relación a outros cruceiros.

Cruz anverso, O Cristo:
Feitura con liñas e aspecto moderno, con cabeza erguida e un pouco afastada da cruz, ollos pechados, coroa de espiñas. Torso moi marcado. Leva pano de pureza atado con cordón ao lado dereito.
Tres cravos, dous nas mans que as leva moi pechadas e outro nos pés (o pé dereito sobre do esquerdo). Os pés van apoiados sobre unha peaña que sobresae da cruz.
Cartela grande e con pregues nos extremos, coas letras INRI.
A figura semella pouco proporcionada en relación co tamaño da cabeza.

Cruz reverso, A Virxe:
Ao igual co Cristo as liñas e a feitura da imaxe da Virxe é modernista. É unha imaxe de Virxe en actitude orante, coas mans dereitas.
Vestido con pregues e pano dende a testa ata os pés, que non se lle aprecian por ir cubertos co longo vestido. A imaxe, de pequeno tamaño en relación coa cruz, mais non co Cristo, vai apoiada sobre dunha peaña tronco piramidal cadrada e invertida.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XX

O exemplar de hoxe é un cruceiro, eu diría, pouco coñecido pola xente do noso concello, agás a da zona onde está enclavado. Falo do:



CRUCEIRO DOS CAMELEIROS (SAN PEDRO DO EUME)



Non é un exemplar moi alto, pero o conxunto é fermoso e máis no emprazamento no que está.
Está feito dunha pedra de gra fina, cun acabado moi logrado, dando a sensación dunha perfección mecánica e non manual. Aínda así é un fermoso exemplar de cruceiro con algunhas particularidades que imos ver deseguido.

Localización:
Na parroquia de San Pedro do Eume, no lugar dos Cameleiros, atopamos este cruceiro. Está dentro dunha finca particular con muro e cancela, hai unha casa que ten unha árbore grande e seca, diante dela. A primeira á esquerda segundo se sube na pista que vai a dito lugar.

Plataforma ou gradas:
Está formada por dúas gradas rectangulares, a inferior un pouco máis alta ca superior.
As pedras están finamente labradas o que indica a intervención de maquinaria no se corte.
Son gradas de pouca altura e formadas por varias pedras cada grada. E como só son dous chanzos, non lle confiren moita altura ao conxunto.

O Pedestal:
É un exemplar de pedestal prismático rectangular, con chafrán na parte superior e con rebaixes nas arestas verticais, aproximadamente na parte media superior.
Liso nas súas caras e sen inscricións.
Pódese dicir que é un pedestal sinxelo, non moi alto e proporcionado ao conxunto do cruceiro.

O Varal ou Fuste:
O varal é de sección cadrada e con chafrán nas arestas. A parte inferior e superior do mesmo en totalmente cadrada para incrustar mellor no pedestal e no capitel respectivamente.
Non se lle aprecian inscricións nin figuras ou relevos. É dicir, é liso.
Non é un exemplar moi alto, pero si é proporcionado co conxunto.

O Capitel:
Atopámonos cun exemplar moderno de capitel cuadrangular con gorgueira e sen adornos, é dicir, liso. É alto e con bocel na parte inferior e remate prismático cuadrangular na superior.
Os cortes, as arestas e as superficies son moi lisas, polo que indican a intervención de maquinaria.

A Cruz:
Modelo de cruz de sección cadrada, grosa e sen chafrán. Vai traballada no interior, sendo lisa a dous ou tres centímetros das arestas.
Proporcionada en relación ao conxunto do cruceiro e seguindo a tendencia lineal do mesmo.
Eu diría que, en proporción ao varal, é unha cruz alta, pois semella ser da metade da súa lonxitude.

Cruz anverso, O Cristo:
Representación dun Cristo xacente, pois ten a cabeza caída. É posiblemente de todos os exemplares cos que contamos o único que a ten tan caída, representando o Cristo xa morto.
Cartela de INRI en letra gótica. Leva unha basta coroa de espiñas na cabeza. Os brazos pegados á cruz dende os cóbados, coas mans entreabridas e un cravo en cada unha.
Pano de pureza anoado á dereita. Pé dereito sobre do esquerdo e cravo que atravesa aos dous pés que están apoiados nun anaco de táboa que sobresae da cruz.


Cruz reverso, , A Virxe:
Imaxe dunha xoven Virxe, coa cabeza lixeiramente inclinada á esquerda en contraste coas mans, que en actitude orante, inclínanse cara á dereita.
Leva pano que lle cobre a testa e o hombro dereito.
Polos pregues do vestido a Virxe ten o pé esquerdo lixeiramente flexionado, sobresaíndo o xeonllo.
Os pés, que deberían ir apoiados nunha peana que sobresairía da cruz pero que se aprecia a súa rotura, semellan estar no aire da metade para adiante.
Tanto a Virxe coma o Cristo semellan boa proporción en relación ao tamaño da Cruz.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XIX

Seguimos cos cruceiros de Espiñaredo, neste caso o situado ao pé do cemiterio novo. Pertence tamén ao grupo dos completos, xa que ten todas as partes características dun cruceiro.


CRUCEIRO DE ESPIÑAREDO-CEMITERIO



Atopámonos novamente con outro cruceiro feito en pedra de serpentina ou toelo (pedra de Moeche). Cruceiro que non se atopa no seu lugar orixinal, xa que foi trasladado por mor das expropiacións de ENDESA para a mina de carbón. Estaba situado preto do cemiterio vello de Espiñaredo, ao ser trocado de lugar tamén se levou o cruceiro.


Localización:
A parroquia de Espiñaredo foi unha das moi afectadas pola mina de Endesa, o que ocasionou a perda dun lugar de convivencia, o centro da parroquia, xa que igrexa, cemiterio e outras construcións víronse obrigadas a trocar de emprazamento. Os cruceiros tamén se viron afectados. O novo e actual emprazamento deste cruceiro é na zoa do xardín exterior do novo cemiterio de Espiñaredo, na estrada que vai cara As Somozas. Coincidindo co camiño que dá acceso ao campo santo.

Plataforma:
Está formada por catro gradas cuadrangulares de granito e que difiren do resto do conxunto que está realizado en pedra de serpentina ou toelo. Cada grada está formada por varias pedras.
As catro gradas confírenlle unha elevación ao conxunto da cruz e cruceiro que fan del un exemplar alto, a pesar de que o varal ou fuste non é moi alto.

Pedestal:
Coma moitos outros nesta zoa, o pedestal comeza sendo prismático-cuadrangular e segue tronco piramidal de base cadrada con moldura en bocel completo.
É liso e leva inscrición nunha das súas caras (na cruz anverso) que nos informa do nome do matrimonio que o erixiu e que di:

SE HIZO POR LA
DEVOCION DE
MANUEL PEREZ Y
SU MUJER
AÑO DE 1803


Hai que sinalar que tanto devoción coma Pérez non levan til na inscrición. E, malia a ter máis de douscentos anos a inscrición lese bastante ben. A erosión non fixo moito dano nel co paso do tempo.
Está feito en toelo ou pedra de Moeche.

Varal:
Estamos ante un varal forte de sección octogonal e que na parte dos encaixes no pedestal e no capitel é de sección cadrada. Non é un varal moi alto polo que o cruceiro acada a súa altura grazas as gradas da plataforma.
É liso e nel non hai ningunha inscrición, nin relevo.

Capitel:
A feitura do capitel ao igual ca do pedestal e varal é moi similar a outros da zoa, é tronco piramidal invertido e de base cadrada.
Leva as volutas angulares, moi ben labradas e catro anxos alados nos laterais. As cabezas dos anxos non son moi grandes e o espazo é ocupado polas ás dos mesmos.
Vai con moldura nos extremos superior e inferior.

A Cruz:
Atopámonos cunha cruz de sección cilíndrica e nodosa, cos brazos horizontais cortados en bisel. É unha cruz de tamaño medio e non moi grosa.

A Cruz anverso,. O Cristo:
É un Cristo algo desproporcionado, cos brazos, corpo e pernas algo curtas en relación ao tamaño da cabeza. Está afastado da cruz.
Cartela rectangular vertical de INRI (ilexible). Coroa de espiñas moi pronunciadas. Cabeza erguida e ollos abertos, cunha certa inclinación da mesma cara a dereita. Leva tres cravos, dous nas mans (case pechadas) e un nos pés (pé dereito sobre do esquerdo), ditos cravos son grandes e semellan de ferro. Pano de pureza con cordón atado á dereita, chama a atención o pregue que sobresae do pano da pureza, xa que está esaxerado en demasía cara á dereita.
Ten unha rotura na cintura (posiblemente causada no traslado), asemade apréciase outra por debaixo dos pés do Cristo, esta reparada. (Volvemos a ter un exemplo máis de danos producidos polos traslados mal feitos e en mans de xente pouco experta nestes traballos).

A Cruz reverso, A Virxe:
Atopámonos cunha Virxe en actitude orante, coas mans unidas ao xeito do rezo no medio do seo.
Leva pano cubríndolle todo o corpo e a testa. Tamén están moi marcados os pregues do vestido. Remata nunha peaña circular, cun saínte vertical inferior, sobre a que se apoia o remate do vestido e non se lle aprecian os pés.
Ao igual co Cristo, está desproporcionada en relación co tamaño da súa cabeza.
Amosa rotura por debaixo do pescozo. Tamén ten unha rotura pola parte baixa da súa peaña.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

ACTO DE DESPEDIDA DO REVERENDO D. JOSÉ VEGA PÉREZ COMA PÁRROCO DE AS PONTES

O vindeiro venres 2 de setembro terá lugar un acto de despedida do noso párroco os últimos 15 anos na Unidade Pastoral de As Pontes, D. José Vega Pérez.

O acto consistirá nunha eucaristía, de acceso libre, as 20h na Igrexa parroquial de As Pontes e a continuación compartiremos un pincho nas instalacions do Liceo, para o que é necesario anotarse por algún dos medios que aparecen no cartel.

Data tope para anotarse o 31 de agosto.

Se piden facer aportación o regalo a partir de 5€, e de 15€ si se acuden os pinchos no Liceo.

Vos esperamos.

PATRIMONIO PONTÉS XVIII

O exemplar de hoxe é rexo e forte na súa construción e, ao mesmo tempo, un fermoso cruceiro. Está algo danado, coma case todos os cruceiros que foron trasladados.
Falo do:

CRUCEIRO DE ESPIÑAREDO. IGREXA DE SANTA MARÍA:

Cruceiro rexio, groso e forte; e, ao mesmo tempo, viaxeiro pois xa foi cambiado de lugar por mor das expropiacións de ENDESA. Primitivamente estaba situado no lugar do Portoferreiro e, hoxe, ao pé da nova Igrexa de Santa María de Espiñaredo e a carón da estrada As Pontes-Ferrol. Froito destes cambios son as fendas do capitel.
É un cruceiro de granito todo el e con feitura especial comparado cos outros do concello, pois as súas formas son únicas, leva imaxes moi suxestivas e expresivas. Pola erosión tamén podemos dicir que debe ter certa antigüidade en comparación cos outros. Se cadra algo frío na parte inferior ao non levar adornos nin ter un capitel axeitado ao tamaño do varal e da cruz. A atención céntrase nas imaxes do Crucificado e a Virxe.

Neste caso o Cristo non mira cara igrexa, como sería o habitual, senón que está ollando cara a estrada. (Os traslados non son moi axeitados). Xunto co cruceiro tamén foi trasladada a espadana da igrexa.
Ao parecer, este cruceiro estaba ao pé do cemiterio e cando os traslados, este puxérono ao pé da igrexa e o que estaba preto da igrexa é o que hai agora no cemiterio. O motivo de dito troco non o coñezo.


A Plataforma:
É cuadrangular, consta de catro gradas altas, que axudan a dar máis altura ao conxunto. Coma o resto do cruceiro son de pedra de granito.

O Pedestal:
Está formado por un prisma cuadrangular liso. Non leva inscricións e sen relevos no mesmo, dándolle sensación de frialdade na parte inferior do conxunto. Del sae o varal que vai con moldura na parte cuadrangular, na inferior con chafrán e na superior con moldura.

O Varal:
É cadrado e groso, posiblemente dos varais máis grosos dos cruceiros do concello. Vai con chafrán nas arestas o que lle confire un aspecto de octogonal, mais non deixa de ser cuadrangular con chafráns. Os chafráns rematan en punta de frecha. Na parte inferior ou base do mesmo, como xa dixen leva molduras rectas.

O Capitel:
É un capitel cuadrangular con molduras cadradas inferiores e superiores e, no medio, vai con escocia.
Non é moi grande, senón máis ben pequeno. Se ollamos o ancho da sección do varal e o da cruz, diríamos que é un capitel pequeno e estreito. Case se pode confundir ou interpretar coma se fose unha continuidade do varal. O capitel vese que está roto e está atado con arames. (Volvemos ao caso dos traslados mal feitos e os danos irreparables que se ocasionan). Esta rotura apréciase mellor polo lado da cruz anverso (o do Crucificado).


A Cruz:
É unha cruz grega, sólida e maciza, de brazos curtos e lisos, de sección cadrada e non vai con chafrán e rematada en relevos de rosetas de oito pétalos nos extremos. É moi grosa, como o resto do cruceiro, e está potenzada (saínte cadrado) na súa parte inferior..
A cruz é outro dos elementos que difiren do resto dos cruceiros da zona que, normalmente, van con chafrán coma o varal. Neste caso non é así, conferíndolle solidez e forza ao cruceiro na súa parte principal e facendo xogo co inicio e final do varal que é cadrado. Tamén é único no remate de roseta de oito pétalos.
Deste tipo de cruces debe ser o único que atopamos no concello. Se cadra tamén ten que ver coa posible antigüidade do cruceiro, aínda que non dispoño de datos que avalen esta teoría miña.

Cruz anverso , O Cristo:
Na parte superior unha cartela grande e estreita de INRI, ilexible totalmente. Cabeza lixeiramente entornada á dereita e afastada da cruz. Coroa de espiñas sobre ela. Ollos pechados. Barba e pelo moi traballados.
Brazos e corpo pegado á cruz. Mans medio abertas cun cravo en cada unha. Pano de pureza tamén moi logrado e anoado á dereita. Pé dereito enriba do esquerdo, cun cravo.
En xeral é un exemplar de Crucificado moi logrado, é moi expresivo.

Cruz reverso, A Virxe:
A Virxe representada é unha imaxe da Piedade. Ten unha forma case triangular contribuíndo a darlle dita forma o manto que cubre a testa e que baixa ata os pés, asemade é unha figura que malia levar o Cristo xacente no colo, é bastante plana. A posición da mesma é frontal. Nela podemos observar como colle o corpo do seu fillo morto sobre un sudario. Térmalle da testa coa súa man dereita e, coa esquerda, cóllelle a man.
Na parte inferior da imaxe, por debaixo do sudario, vense os pregues do vestido da Virxe e, asomando, os pés dela.
A imaxe está tamén pegada á Cruz.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XVII

Co cruceiro de hoxe xa levamos uns quince aproximadamente e aínda non rematamos, se preguntáramos á xente de As Pontes cantos coñece, igual nos dirían media ducia. O que pretendo con estes artigos é que se coñezan, que se valoren e que se aprenda a respectalos pois son un ben patrimonial que debemos coidar para as vindeiras xeracións. O exemplar do que vou falar é:


O CRUCEIRO DA FAEIRA – IGREXA DE SAN PEDRO

Interesante cruceiro, pois xunto co da Capela do Carme, a Virxe representada no reverso, ten ao Neno Xesús no colo. E como naquel é unha Virxe do Carme a imaxe esculpida.
É este un cruceiro feito, todo el, en pedra de granito, moi ben elaborado e proporcionado en conxunto.

Localización:
Sitúase este cruceiro no lateral esquerdo do adro da Igrexa de San Pedro da Faeira e pegado á pista que por alí baixa. No campeiro existente ao pé da igrexa e acompañado de carballos, que lle confiren un aspecto especial.

A Plataforma:
A plataforma está composta por catro chanzos cuadrangulares, que se aprecian mellor pola parte de abaixo do mesmo, a que dá ao cemiterio. Pola parte de enriba, e por mor do paso cimentado cara a igrexa (pouco afortunado, polo que afecta ao conxunto do cruceiro, e por estar feito sobre a grada inferior do mesmo) e o empinado do terreo, só se lle ven tres. O asfaltado da pista tamén tapa parte da cuarta grada. Atopámonos con outro caso no que asfaltados e cimentacións van restándolle a altitude ao cruceiro e rompendo a súa estética, a súa grandiosidade. E, unha vez máis, tamén o pouco respecto cara o noso Patrimonio, pois cando se fan actuacións de calquera tipo debérase ter en conta de que forma van a afectarlle ao monumento, é dicir, facer un estudo previo e ver a posibilidade de actuación que menos dano faga.

O Pedestal:
No pedestal prismático con remate alto de moldura en bocel. Polo lateral dereito (o da parte que dá á igrexa) leva unha inscrición na que pode lerse, non sen dificultade:

ESTE CRUZERO SE
YZO A CUENTA DE LA
FABRICA SIENDO CURA
D JOSE TROITIÑO DE
1823

Data que nos sinala a súa construción e que se fixo a conta dos cartos da Igrexa de San Pedro sendo crego nela D. José Troitiño. E supoño que costeado polos fregueses.
Polas outras caras non se lle aprecian signos de escrita.
Coido que estas escrituras nos cruceiros deberan de conservarse dalgunha maneira para evitar, no posible, a súa erosión e desgaste, pois como xa sucede nalgún caso (coma no da Capela do Carme), co paso do tempo serán ilexibles e esquecerase a data e as intencións polas que foron erixidos.

O Varal ou Fuste:
O fuste é de típica sección octogonal, aínda que o comezo e o remate son a xeito cadrado. Na súa parte inferior encaixado no centro do pedestal que remate en bocel e na súa parte superior leva polos catro laterais un rombo en relevo dentro dun rectángulo rebaixado.
Pola cara que da á parte de arriba, a do anverso ou a do Cristo, leva en relevo gravados os símbolos da Paixón e neste orde (de abaixo cara arriba): escada, espada e, ao seu carón, flaxelo, tenaces, martelo e tres cravos. (Típicos en varios exemplares deste concello, agás o de levar xuntos a espada e o flaxelo). Ditos símbolos ocupan toda a cara do varal e son de maior tamaño que outros observados noutros cruceiros.
O grosor do fuste é o normal, sen sobresaír coma noutros casos. Está ben proporcionado en relación co resto do conxunto.

O Capitel:
O capitel deste cruceiro é tronco piramidal invertido e leva volutas ou espirais angulares nas catro esquinas, oito en total. Estreito, aínda que ben traballado e proporcionado coma o resto do cruceiro.
As catro caras do capitel son iguais e en cada una delas pódense apreciar, entre voluta e voluta, a testa dun anxo e debaixo dela e das volutas as ás.
É un capitel típico desta zona.

A Cruz:
É unha cruz latiña de sección octogonal. Ben traballada, sobre todo nos seus extremos, xa que son abertos e florenzados cun botón no medio.
Dúas figuras de bo tamaño. No seu anverso o Cristo, coa súa Paixón reflexada nos símbolos do varal ou fuste, e no seu reverso a Virxe co neno, unha Virxe que semella ser a do Carme co Neno no colo.
Se algo é de destacar neste cruceiro é os seus relevos e imaxes, xa que son de bo tamaño e moi ben labradas.

A Cruz anverso, O Cristo:
Atopámonos cun Cristo moi ben traballado e de bo tamaño. Enriba cartela horizontal, ilexible, e con pregues nos extremos. Leva a testa coroada de espiñas, cunha coroa ben visible, eu diría que esaxerada, ao igual co pelo e a barba. A testa, coma na maioría dos casos, lixeiramente inclinada cara o lado dereito. Os ollos entornados case pechados.
A figura non está moi afastada da cruz, malia a súa inclinación da testa.
As mans medio abertas cun cravo de gran cabeza en canda unha. Torso moi marcado, así coma o seu embigo (o primeiro caso que observei). O peito, as costelas, diafragma e ventre moi destacados e elaborados.
Pano de pureza moi traballado e atado cun cordón cara o lado dereito, cun pregue do pano moi esaxerado.
O pé dereito enriba do esquerdo e atravesados por un único cravo.
En conxunto amosa un Crucificado moi elaborado.

A Cruz reverso, A Virxe:
Amosa este cruceiro unha imaxe moi especial por varios motivos que imos expoñer deseguido: Primeiro é unha imaxe da Virxe do Carme co Neno Xesús no colo, cousa que é escasa na nosa Galicia, e que xunto ao Cruceiro da Capela do Carme serían os dous conxuntos con dita representación no noso concello. Segundo, a Virxe vai erguida sobre dunha peaña case cadrada e con rebaixe inferior, asentada na testa dun anxo moi ben traballada, na que se poden apreciar moi ben as faccións do querubín o mesmo cas ás ao redor do seu pescozo. E terceiro, o seu tamaño, xa que é un exemplar de bo tamaño.
A Virxe do Carme representada leva un escapulario colgado da súa man dereita. O Neno Xesús apoiado no brazo esquerdo, aínda que tamén terma del coa man dereita. Leva manto sobre as roupas.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XVI

E como estamos en festas (o artigo está feito o día 17 de xullo), pois imos co cruceiro da nosa Vila ou cruceiro da praza da Igrexa Parroquial Santa María. Cruceiro recente no tempo, pois nos anos 90 tirábanse as casas alí existentes, facíase a praza e colocábase este cruceiro que é o máis grande e voluminoso dos cruceiros do noso concello.



CRUCEIRO DA PRAZA DA IGREXA PARROQUIAL DA VILA



Este é un cruceiro novo, relativamente, pois foi feito e colocado cando se remodelou a praza da igrexa, ao tirar as casas que alí había e facer a praza. Non é un cruceiro típico, senón que é un cruceiro monumental para ornar o centro dunha praza de igrexa. A inauguración da nova praza e do cruceiro tivo lugar o día 18 de marzo de 1991. O construtor do mesmo foi Feal, de Ferrol.


Encádroo dentro dos cruceiros completos porque ten todas as partes, aínda que non se axusta ao canon dun cruceiro normal, como veremos e ditas partes non están situadas onde marca o canon xeral.


Un dos aspectos que máis destacan nel é a súa altura, por mor dun alto pedestal no que se atopa erguido.


Tamén hai que dicir que é un cruceiro fonte, pois ten dous canos por onde sae auga que é recollida nunhas pías laterais..

Localización:
No centro da praza da Igrexa Parroquial de Santa María, na Vila.

Plataforma:
Como xa dixen este é un cruceiro moderno e atípico, pois non segue o canon dun cruceiro normal. A plataforma non está formada exactamente por gradas ou chanzos, consta dunha base cuadrangular que sobresae do chan da praza e que fai as veces dunha plataforma ou grada

Pedestal:
Ao igual que no caso da plataforma, o pedestal tampouco é normal, o seu tamaño é moi superior a calquera dos da zoa. Ten forma cúbica con adornos e canos de auga en dúas das caras, na do anverso e na do reverso.


Na cara que da cruz anverso, ten un cano que sobresae dentro dun semicírculo labrado na cara. Leva unha pía na base da mesma, onde se recolle a auga.


Na cara da dereita da cruz anverso, é similar a anterior na súa feitura, e leva o escudo de As Pontes de García Rodríguez e un tallo en pedra para sentarse.


Na cara posterior, cruz reverso, é similar a da cruz anverso, con cano de auga e pía.


Na cara da esquerda da cruz anverso, leva a sinatura do artífice construtor, Feal dentro dun escudo, debaixo un león e, debaixo deste, a data de construción, 1991. e con tallo de pedra para sentarse.


Este pedestal leva moldura na súa parte superior e con media escocia entre as molduras rectas. Enriba leva outro pedestal (falso pedestal) con base de media escocia invertida, sobre o que se ergue de xeito octogonal, cunha especie de catro volutas verticais, e sobre estas unhas molduras e bocel octogonal e, sobre eles, o varal. Entre medio das volutas, unhas superficies lisas cun rectángulo rebaixado nelas.

Varal:
O varal é de sección circular. É un varal rexio, forte e grande coma o resto do cruceiro.
Na base do anverso leva a imaxe da Virxe (xa dixen que non era un cruceiro que se axustaba ao canon). É unha imaxe dunha Virxe María, similar a unha Asunción, fermosa e ben lograda. Vai como apoiada nunha nube ou algo similar, os pregues da vestimenta moi logrados e imaxe dunha Virxe nova. Se cadra semella a Virxe do altar principal (parte superior) da Igrexa Parroquial de Santa María, e que tamén está representada na pedestal do cruceiro do Poboado (que no seu día era o cruceiro do pobo e que estaba situado na praza do Hospital.
O varal é liso e remata en moldura de bocel.

Capitel:
O capitel é octogonal na súa parte superior e cilíndrico na inferior. Unha folla de acanto remata en cada cara do octógono superior. É un capitel grande e ancho, proporcionado co varal. Remata con moldura. Coma o resto do cruceiro está moi ben traballado.

Cruz:
É unha cruz grande e cilíndrica, seguindo o canon do conxunto. É lisa e ensánchase na parte do brazo vertical inferior, rematando de xeito octogonal e empatando co capitel.

Cruz anverso, o Cristo:
Cartela de INRI ben lexible, é rectangular horizontal con pregues rotos nos laterais.
A imaxe do Cristo é de bo tamaño, proporcional á cruz. Leva coroa de espiñas, testa inclinada á dereita, ollos pechados, mans abertas e tres cravos (dous nas mans e outro nos pés), pé dereito sobre do esquerdo. Pano de pureza atado á dereita e sen cordón. Musculatura de brazos, torso e pernas, así coma os trazos faciais moi logrados, a imaxe está moi ben traballada e lograda no seu conxunto. Nos xeonllos pódeselle apreciar as pegadas do calvario que tivo que sufrir.

A Cruz reverso, coa Virxe non ten, polo que podería considerarse incompleto, pero como a leva no varal, considero que ten todos os elementos do completo e por este motivo esta dentro deste grupo.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XV

Seguindo cos nosos cruceiros completos imos hoxe cun exemplar que, orixinalmente, debeu de ser uns dos máis bonitos do noso concello. E digo orixinalmente porque foi restaurado. Estou a falar de:

CRUCEIRO PARROQUIAL DE SAN XOÁN DO FREIXO. O FREIXO-IGREXA:

Situación:

Achegado a Igrexa Parroquial de San Xoán, está afastado dela pola pista que pasa entrambos, posiblemente no que noutrora fóra unha encrucillada de camiños, pois alí coinciden catro, o que o convirte nun cruceiro de Igrexa e de encrucillada ao mesmo tempo.

Plataforma:
É cuadrangular, de catro gradas. A primeira moi alta, case que o dobre das outras. Esta feita en pedra de ollo de sapo e algo cimentada por riba nalgunhas zoas.

Pedestal:
A forma do mesmo é de tronco piramidal, aínda que na parte inferior é un prisma cuadrangular con inscrición e relevos da Paixón, Vía Crucis, na parte piramidal.
A inscrición infórmanos de quen o mandou erixir e lese moi ben pois ten as letras repasadas con pintura, di:

ESTE CRUCIFIJO FUE
PUESTO POR JOSE
BELLAS

Os medio-relevos relativos ao Vía Crucis, representan a Xesús coa Cruz ás costas, a caída, a flaxelación, e a axuda recibida camiño do Calvario. Van nas catro caras do mesmo e están moi ben conservados. É un pedestal único nesta zona e no que se aprecian ben as representacións coma tamén a inscrición.

O Varal:
O varal é cadrado, no seu comezo e no seu remate, e logo octogonal, pois vai con chafrán nas arestas e rematados os chafráns en puntas de frecha.
Na base cadrada do mesmo leva unha inscrición, concretamente o ano no que foi erixido:

AÑO
DE
1899

Na parte cadrada superior leva outra inscrición que non está moi claro a que fai referencia, concretamente:

Nº 53

Pola parte frontal leva en medio-relevos, os símbolos da Paixón. De abaixo a arriba: escada, disciplina (látego ou flaxelo), tenaces, martelo e tres cravos. O seu tamaño non é moi grande, máis ben pequeno, polo que a altura está lograda grazas a altura das gradas, superior á de outros exemplares. Está feito, xunto co pedestal e o capitel, en pedra de granito.

O Capitel:
Leva un capitel de forma cuadrangular, con ábacos curvilíneos nas esquinas e testas de anxos no centro entre as volutas esquinais. Os anxos van alados, chegando as ás, pola parte de abaixo, dunha voluta á outra. Non é un capitel moi grande, mais está en proporción do resto do conxunto. As ás, en comparación coas de outros cruceiros, son pequenas. E as caras dos anxos, labradas bastamente.

A Cruz:
A Cruz é unha cruz grega de sección octogonal. Leva os brazos rematados con rosetas.

A cruz anverso, o Cristo:
É un Cristo de canon pequeno coma o resto do cruceiro. Inclina a testa –que vai coroada de espiñas- cara a dereita, enriba dela leva o letreiro ou cartela de INRI lexible, rectangular horizontal e estreito. Os ollos pechados e o pelo longo. As mans abertas cun cravo cada unha. Corpo pouco traballado, as costelas están suxeridas, e os pés cravados xuntos o dereito sobre o esquerdo.
Leva pano de pureza, sen cordón, anoado á dereita.


Conserva restos de policromía no corpo e no pano de pureza, polo que é posible que no seu día estivese pintado.


Segundo as miñas informacións é unha reprodución do orixinal en cemento, pois xa hai anos, rompera a cruz. Polo que toda esta parte, Cristo, Cruz e Virxe, é unha reprodución en cemento do orixinal.

A cruz reverso, a Virxe:
A Virxe é unha representación da Piedade. É unha imaxe sinxela cun Cristo xacente, pequeno e en posición horizontal no colo.


O curioso é que leva as mans en posición de rezo e o Cristo dá a sensación de que vai apoiado nos seus xeonllos.


A imaxe vai apoiada nunha peaña sinxela e circular.


Coma o resto da cruz é reprodución en cemento.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XIV

O exemplar de hoxe non é moi coñecido, agás polos veciños da zona, e poucas veces ou case nunca apareceu nomeado en relacións de cruceiros do concello. Falo do

CRUCEIRO DA PEDRAFITA:

Cruceiro situado no medio da maleza e ao pé da pista. É un cruceiro onde están presentes os símbolos da Paixón. Con inscrición e elaborado todo el en pedra de granito.

Localización:
No lugar da Pedrafita, preto da casa dos de Silva, e ao pé da pista da Pedrafita.

Gradas:
Cunha soa grada visible, as outras non se aprecian por mor da terra e da herba ou porque só ten unha grada. É cuadrangular. É moi probable que teña, como mínimo, outra máis.

Pedestal:
É de xeito tronco piramidal cuadrangular, con inscrición nos catro laterais. Na parte baixa é un prisma cuadrangular para logo ir transformándose en tronco piramidal, moi semellante a outros xa vistos.
Leva inscrición nas catro caras, practicamente, ilexible. Nun dos laterais pódese apreciar unha data: 1898? Non está moi clara. Tratei cun xiz branco remarcar as palabras, pero pouco saquei en limpo, nunha delas algo do que se le é:
DEBOCIÓN DE
………………….
FERNÁNDEZ?….
…………………….
………FILOMENA
…Z..AÑO D 1898?

Noutro lateral, o da cruz anverso, lese algo así como:
……………..
…IERA ORACI
ÓN APROBADA
AL..IGLESIA E
..A…DESTA..
…………………….

Nun terceiro lateral, ao final parece poñer SIENDO OBISPO, mais non estou de todo seguro, pois a lectura é dificultosa, practicamente non se le nada (como no cuarto lateral) pola erosión da pedra, mais si se ve que hai inscrición neles. Mágoa que estes datos se perdan, pois con eles pérdese información das persoas que o mandaron erixir, do ano, das intencións polas que se erixiu…

Varal:
É cuadrangular no comezo e no final. Na parte superior vai con moldura de xeito recto, como potenzado. Octogonal polo resto, xa que leva chafrán con remates de punta de frecha. Leva símbolos da Paixón, de abaixo a arriba: escada, espada, tenaces, martelo e tres cravos. Neste caso non aparece representado o flaxelo.
Na parte cadrada superior leva catro figuras xeométricas, unha a cada lado e compostas por un rombo con botón central, e catro botóns angulares exteriores ao rombo. Son coñecidas estas figuras co nome de losanges.
No lateral da cruz anverso, ten unha rotura visible que vin dende o rombo ou losange ata a moldura recta superior na que remata o pedestal. Falta un anaco de dita moldura.

Capitel:
De xeito tronco piramidal invertido. En cada cara dúas volutas e anxo con ás no medio.
Polo lateral, correspondente ao Cristo, está deteriorado, concretamente nas volutas e na unión co varal.

Cruz:
De brazos desiguais, curtos e de sección octogonal e rematados a xeito florenzado con botón central. É de brazos curtos e non moi grosa.

Cruz anverso, o Cristo:
Imaxe do Cristo desproporcionada, con brazos e pés curtos e cabeza grande en referencia ao resto do corpo.
Leva a testa inclinada cara á dereita e cunha coroa de espiñas, enriba dela, o letreiro de INRI lexible. As mans abertas e en cada unha un cravo, ao mesmo que outro nos pés. É dicir, tres en total. O pé dereito sobre do esquerdo e apoiados enriba dunha caveira. Simboloxía do triunfo sobre o pecado.
Manto de pureza con cordón atado á dereita.

Cruz reverso, a Virxe:
Imaxe deteriorada na parte inferior dereita. É unha imaxe da Dolorosa.
Enriba da testa leva unha M (maiúscula) símbolo de María.
Imaxe cuberta toda ela por un manto, cuxos pregues caen por debaixo dos brazos. Mans cos dedos entrelazados e puñal cravado no peito.
O tamaño da imaxe é pequeno e desproporcionado ao tamaño da cruz. Está apoiada a imaxe sobre o capitel, parece que lle saen os pés por debaixo do manto. Pero ao estar deteriorada na parte baixa, tamén poderían ser restos dunha peaña, non o teño claro.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

DIARIO DE UN SACERDOTE EN EL RURAL

Lunes 4 de Julio

Hay ciertas preguntas que un cura puede hacer sin temor a la respuesta. Hoy, por ejemplo, le he preguntado a una mujer mientras me contaba su vida, nada fácil por cierto: ¿y cómo te va en tu matrimonio…? Simplemente me va, me ha respondido ella. No me quejo nunca, ha añadido. A los que me quieren les alegro cuando les digo que me encuentro bien. Y a los que no me quieren no quiero alegrarles diciéndoles que me encuentro mal.

Luego ha venido su pregunta. Todo el que pregunta debe exponerse al riesgo de ser preguntado: ¿y por qué los curas no se pueden casar como los demás? Así estarían menos solos. Esta pregunta la vengo escuchando ya muchas veces en mis aldeas. Y, cada vez que la escucho, pienso que no suena como en los medios de comunicación y en los foros abiertos a la opinión pública. Aquí suena de otra manera, más natural y espontánea. Menos polémica.

La opinión pública aborda esta cuestión como un derecho, como una libertad de opción que los curas deberían tener. En la lucha por los derechos individuales y sociales que mantiene abierta una sociedad democrática, los clérigos también tienen parte. Así habría más curas…, suele decir la gente. Pero los derechos son como los caminos cuando se abren: no sabemos muy bien a dónde conducen. Ilusionados cuando empezamos el camino -cuando conseguimos que nuestros derechos sean reconocidos- ni nos preguntamos qué será de nosotros a mitad de camino.

La libertad es como el vino nuevo en las bodas de Cana. Se acaba pronto y es entonces cuando el maestresala sirve el vino añejo, que tenía reservado para el final. Los comienzos, por dificiles que sean, son siempre hermosos. Pero, ¿y el final? A mí me parece que la libertad no nos acompaña hasta el final. Que nos ilusiona pero acaba siendo solo eso, una ilusión.

Por eso vuelvo ahora a la respuesta de mi amiga. Está claro que no le va muy bien en su matrimonio. Que la ilusión que le llevó a él ya no le lleva a ninguna parte. Pero me gusta su respuesta. Sin ilusión sigue habiendo camino. Cuando una puerta se cierra se pueden abrir otras. Acaso más dulce que el principio del camino sea el camino mismo, el vivir de cada día. Claro que no es tan fácil saborear su dulzura, tan poco embriagadora, tan distinta de la de los comienzos que, más que dulzura, parece amargura. Pero ahí nos encontramos mi amiga y yo, en los caminos del vivir.

Y ahora yo me pregunto ¿no habrá caminos diferentes para el casado y para el que no puede o no debe casarse? Después de todo, la vida lleva por caminos de soledad al casado y con familia y por caminos de amor y de amistad al monje o solitario…

Texto escrito por V.M.P