Archivo del Autor: upaaspontes
PATRIMONIO PONTÉS XCIV
CRUCES INDICATIVAS DE MORTES REPENTINAS OU DE DESGRACIA
Iniciamos hoxe outro apartado relacionado coas cruces do noso concello pontés, neste caso as cruces indicativas de mortes repentinas ou de desgracia.
Estas cruces que fan referencia ós lugares onde finou alguén de repente ou de desgraza, son moi abondosas nos nosos camiños galegos, e, polo tanto, nos do noso concello. Aínda que moitas delas se teñan xa perdido para sempre.
Son cruces medianas, non moi grandes, que poden ir dende o medio metro ata o metro e medio aproximadamente.
As grandes, por mor do seu tamaño, téndense a confundir con Cristos ou cruceiros incompletos, principalmente cando xa hai moito tempo que alí morreu alguén por quen se erixiu e a xente xa o ten esquecido, entón deixan de ser a Cruz de… e pasan a ser o Cristo de… (nome do lugar onde están).
Na maioría das veces estas cruces indicativas de mortes están feitas dunha soa peza de pedra.
Nalgunhas ocasións tamén se poñían de ferro ou de madeira, mais son menos duradeiras cas de pedra.
CRUZ DO ALTO DAS GAÑIDOIRAS-RIBADEUME

No alto do lugar das Gañidoiras da parroquia de Ribadeume, ao pé da estrada, e xusto na derradeira curva do punto máis alto de esta estrada atopámonos esta cruz.
É de base cadrada e sección oitvada ou octogonal, de lados desiguais, sendo os maiores os frontais e os menores os desbastados. Terá unhas dimensións de aproximadamente un metro de altura e sobre uns 40cm de anchura nos brazos horizontais. Está feita en pedra de granito.
A base como xa dixen é cadrada nos seus primeiros 20 ou 25cm o mesmo co remate dos outros tres brazos pequenos, semellando unha cruz potenzada.
Non ten sinos visibles de escritura.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
La Unidad Pastoral de As Pontes crea un aviario comunitario y solidario
PATRIMONIO PONTES XCIII
E con este exemplar de cruz cumial na Vila, rematamos este apartado de cruces cumiais, agardando que servise para descubrir un patrimonio que ás veces pasa desapercibido.

CRUZ CUMIAL NA VILA, NA PRAZA DA IGREXA
Este terceiro exemplar dentro da Vila atopámolo no cumio do tellado da casa de Ramalleira, casa situada a dereita segundo se entra á praza da Igrexa e onde, noutro tempo, se celebraba a festa de Corpus.

É unha cruz latina de sección octogonal. Os remates dos brazos son abertos. Vai apoiada nun pedestal que ao igual que ela é de pedra de gra. Dito pedestal parece prismático cuadrangular e algo achafranado na parte superior, mais non se distingue moi ben dende abaixo (Ao estar situadas nos cumios dos teitos os ángulos de visión dende abaixo non son os máis axeitados para obter unha boa fotografía e poder facer un bo estudo).
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
REFLEXION SOBRE EL EVANGELIO DEL VI DOMINGO DEL TIEMPO ORDINARIO
Reflexión de nuestro seminarista Sebastián Salazar Collazos
PATRIMONIO PONTES XCII
CRUZ CUMIAE NA VILA, CASA ANTERGA DE EUGENIA PRIETO PENABAD E ANTONIO MOSTEIRO LÓPEZ, E ONDE VIVIRON NOS ÚLTIMOS ANOS OS CUBANOS JULIO E ROSA

Noutro edificio da Vila, casa de Eugenia Prieto Penabad e Antonio Mosteiro López, e onde viviron nos últimos anos os cubanos, Julio e Rosa, xa falecidos os dous, atopamos esta cruz no cumio do teito a catro augas. Desta casa fala Xabier Martínez nun artigo publicado na páxina de Amigus en Internet.
É unha cruz de sección octogonal desigual, de brazos superiores case iguais e o inferior vertical máis longo. Os remates dos mesmos van achafranados, un caso pouco frecuente nestas cruces. Está apoiada sobre dunha base pequena ou pedestal composto dunha pedra non moi grosa e posiblemente de xeito cuadrangular xa que dende abaixo non se aprecia moi ben.
Engadir que o estado actual da casa non é moi bo, de feito está sen a balconada (galería de madeira, cristais e pedra típica). Coido que deberíase coidar moito máis este tesouro de Vila que temos.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
PATRIMONIO PONTÉS XCI
Ímonos hoxe á Vila, ao noso orixe como pobo, onde aínda se conservan cruces cumiais nalgunhas das casas como símbolo protector de todo o que hai no interior delas.
CRUZ CUMIAE NA VILA, CASA DE SILVA
Dentro co casco da Vila, no que é a zona vella ou o que sería a zona intramuros antigo, temos tres casos de cruces cumiaes. Este primeiro corresponde á que hai na casa dos de Silva.

O teito desta casa corresponde case co dun teito a catro augas, algo modificado na parte dianteira. No cumio do mesmo atópase a cruz encaixado nunha base ou pedestal de forma prismática cuadrangular achafranado na parte superior.
É unha cruz case grega, de brazos iguais e abertos no seu remate, dando a semellanza dunha cruz potenzada. É de sección octogonal desigual, maior nas caras frontais.
Consérvase en bo estado. A casa foi restaurada e conservouse dita cruz. Exemplo de boa restauración.
A fotografía é de como estaba a casa coa cruz antes da restauración efectuada. Posiblemente, unha das de maior acerto coa restauración dun edificio tradicional dentro do casco histórico da Vila.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
Misa de la Candelaria

PATRIMONIO PONTÉS XC
Achegámonos á Vila e imos hoxe a ver un exemplar de cruz cumial na zona de Tras do Rego, onde comezaba o vello atallo que ía á Cruz das Cabezas, hoxe Cal da Avelaíña.
CRUZ CUMIAE NUNHA CASA DE TRAS DO REGO
Nunha casa de Tras do Rego, no Chamoselo, similar no seu tellado a que citamos da Pedrafita, isto é, a catro augas, atopamos no cumio do mesmo esta cruz cumial de bo tamaño en relación ás anteriores.
É unha cruz que ten tres brazos case que iguais e o vertical inferior máis longo e que vai encaixado nun soporte prismático cuadrangular un pouco achafranado na súa parte superior. A sección da cruz é rectangular.
É un bo exemplar de cruz cumial.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
PATRIMONIO PONTES LXXXIX
Outro exemplar de cruz cumial nas casas, atopámolo no lugar da Pedrafita.

CRUZ CUMIAE DUNHA CASA DA PEDRAFITA

Indo dende As Pontes (por Badón) á Pedrafita, na primeira casa que hai á dereita atopamos esta curiosa cruz.
É unha casa co tellado a catro augas e no cumio do mesmo, sobre unha base ou pedestal prismática rectangular que se asenta, a súa vez, sobor dunha base feita de pizarra, encóntrase encaixada a cruz.
Según datos, a casa pertence aos de Silva.
É unha cruz, que en tamaño semella como a maioría das cumiaes das casas, coa característica de tres brazos iguais e o vertical inferior desigual, xa que é máis longo.
Semella ser moi anterga e feita toscamente. É de sección rectangular e polo que se aprecia o material é pedra de ollo de sapo o mesmo co pedestal no que se atopa encaixada.
O que máis me chama a atención nela é o curto dos brazos horizontais.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
