PATRIMONIO PONTÉS CLXVII

OS HÓRREOS:

Tipos de hórreos de Galicia:
Dun xeito xeral, poderíamos dicir que temos dous tipos ou clases de hórreos, os de tipo “galego” e os de tipo “asturiano”. Os primeiros son longos e estreitos, e os segundos de planta cadrada. Os de tipo galego témolos en: Galicia, norte de Portugal e Asturias (nas terras litorais da costa cántabra). Os de tipo asturiano atopámolos en: Asturias, León, Cantabria e en Galicia na provincia de Lugo (concellos de: Navia de Suarna, A Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Becerreá, Cervantes…). Noutro tempo cubertos con colmo o mesmo cas pallozas, agora estanse a trocar por lousas de pizarra.


A primeira catologación do hórreo foi feita por Frankowski, no ano 1918. Logo viñeron outras moitas clasificacións feitas por outros autores, mais todos eles tiveron que remitirse á feita por Frankowski.
A máis completa clasificación neste campo é a de Martínez Rodríguez, que busca unha definitiva clasificación tipolóxica do hórreo a través de dúas vías,expostas no Congreso Internacional de Xeografía de Río de Xaneiro (1956) e no Coloquio Internacional de Estudios Etnográficos celebrado en Porto (1958). No primeiro (1956), o investigador pontevedrés recurre ás características morfolóxicas do hórreo para establecer unha clasificación basada en: A súa planta, a súa sustentación, as súas superficies laterais, o seu teito, a súa entrada, o material empregado…

No segundo (1958), completa a información recollida no seu primeiro estudo e procede á análise da distribución xeográfica do hórreo, distinguindo os seguintes tipos:
A) Hórreos entretecidos en traballos de cesteiría, de planta circular ou alongada (cabazos e cabaceiros).
B) Hórreos de madeira: a) Tipo mariñán, estreito, alto, curto e xeralmente pequeno, propio da comarca de As Mariñas. b) Tipo palleira, pequeno, menos alto e máis longo ca o anterior, frecuente nas provincias de Pontevedra e Ourense. c) Tipo “Salnés”, longo e baixo, de forma achatada, habitual entre as rías de Arousa e Pontevedra. d) Tipo bergantiñán, grande, ancho e voluminoso, de sección rectangular, mais relativamente curto. e) Tipo “Cabanas”, semellante ao mariñán, pero máis ancho, localizado ao norte do Eume. f) Tipo “Vilalba” , de planta rectangular, pequeno, estreito e alto, presente no norte de Lugo. g) Tipo “Tui”, de planta rectangular, pequeno e máis ancho que o mariñán, característico do baixo val do Miño.
C) Hórreos mixtos de madeira e pedra: a) Tipo “Carral”, rectangular, bastante ancho e longo, con penais de pedra, común na zona situada ao norte de Santiago. b) Tipo “Mondoñedo”, rectangular, semellante ao anterior, pero de menor lonxitude e tamaño, con penais de pedra, frecuente na zona costeira da provincia de Lugo e norte da Coruña. c) Tipo “O Pino”, cadrangular, moi ancho, con tendencia a ter celeiro; atópase nunha zona restrinxida situada ao leste de Santiago. d) Tipo “Amaía”, rectangular, alto e estreito, xeralmente grande, frecuente nunha extensa área do sur da Coruña e norte de Pontevedra. e) Tipo “Pontevedra”, rectangular, estreito, longo e bastante grande, co armazón da cámara de pedra; atopámolo en toda a provincia de Pontevedra e penetra nas da Coruña e Ourense.
D) Hórreos de pedra: a) Tipo “Ribadeo”, rectangular, longo, alto e grande, construído sobor do celeiro, propio da Mariña lucense. b) Tipo “San Pedro de Visma”, rectangular, ancho e grande, sobor de celeiro, con fendeduras horizontais, localizado nas proximidades da cidade da Coruña. c) Tipo “Coristanco”, rectangular, grande, bastante ancho, ás veces asentado sobre pés finos e zócalo, con fendeduras horizontais que se consiguen por medio de pezas intercaladas, frecuente na zona de Carballo. d) “Tipo Fisterra”, rectangular, estreito, longo e alto, construído sobre pés sinxelos; atópase nunha zona situada ao oeste da provincia da Coruña. e) Tipo “Noia”, rectangular, estreito e maís curto que o tipo “Fisterra”, con sinxelos pés de madeira e fendeduras horizontais, común na zona de Noia. f) Tipo “Morrazo”, rectangular, normalmente estreito, con fendeduras horizontais, construído sobre pés sinxelos de pedra; localízase ao oeste da provincia de Pontevedra.
E) Hórreos de albañileiría: Máis recentes nos que o ladrillo e o cemento tenden a substituir parcial ou totalmente á carpinteiría e a canteiría. Comprenden dous tipos: a) Tipo “Carballo”, rectangular, curto, grande e ancho, construído xeralmente sobor dun celeiro; atópase na zona de Bergantiños. b) Tipo “Cedeira”, rectangular, estreito, alongado e alto, edificado sobre celeiro; presente na zona costeira ao norte da Coruña.
Esta tipoloxía de Martínez Rodríguez recolle con bastante precisión as tipoloxías construtivas do hórreo galego e sitúaas xeográficamente.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

Deja un comentario