PATRIMONIO PONTÉS CLXVI

OS HÓRREOS:

Elementos decorativos do hórreo:


No seu libro As cruces de pedra na Galiza di Castelao: “O hórreo galego non é simplemente un graneiro, como é o asturián; é unha hucha sagra, que garda o pan de todo o ano(…). A feitura relixiosa dos hórreos galegos provén do respeto que sentimos polo pan. Ningún galego criado na leutura relixiosa pode poñer o seu pé enriba dunha faragulla de broa, que se recolle do chan dándolle un bico, e co mesmo respeto se tratan as espigas do centeo, do trigo e do millo (…). E os hórreos gardan o pan, e por eso teñen a feitura de relicarios. Tanto é así que algunhas veces o piorno está enriba do portalón, porque ten máis virtudes e máis poderío que unha simple cruz”.



Esta afirmación de Castelao é compartida por autores coma Frankowski, Carlé, Frachi ou Bouza Brey, que insisten na semellanza das características arquitectónicas do hórreo cas dun pequeño templo e constatan que estes graneiros constitúen a máis variada e rica manifestación artística popular de Galicia, calificándoos de auténticos monumentos de arte rural.


Estas manifestacións podémolas ver nos soportes enriquecidos con basas, e tamén con capiteis simulados; dos elementos para reforzar a seguridade da coberta, substituídos por remates cóncicos ou prismáticos; das capas, tratadas cunha grande variedade de formas; das padieras das portas, onde se esculpen símbolos relixiosos, adornos florais, medallóns, ou se graba o ano de construción, ou o nome do seu propietario; e das cores aplicadas aos paramentos laterais.


Máis aínda, os soportes decorativos do graneiro non se reducen aos plasmados nas distintas pezas da construción, pois cobra singular importancia a introdución de elementos ornamentais alleos por completo á función utilitaria da edificación, como é o caso das cruces e pináculos de remate da coberta. “A cruz dos hórreos deseméllase da que santifica os fogares, porque non ten virtudes profiláiticas, senón consagratorias” –di Castelao na obra citada.


Por Galicia adiante, estas cruces, apoiadas en bases prismáticas de pouca altura, ás veces adornadas con diversas molduras que nos hórreos de madeira se simplifican ou substitúen por custodias, cálices ou campanarios siluetados nun tablón de madeira, ofrecen numerosas variantes, dende as solucións máis simples ás máis traballadas mostras ornamentais do barroco galego; nalgúns casos aparecen acompañadas de elementos  máis complexos que os pináculos antes mencionados, como animais, reloxios de sol, estátuas de santos, e incluso imitacións de campanarios.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.
    



  

Deja un comentario