OS HÓRREOS:
Seguimos coas partes do hórreo, unha semana máis, e hoxe imos ver elementos de peche e elementos de cobertura.
b) Elementos de peche. A forma de resolver os paramentos laterais da cámara é a operación máis delicada no proceso construtivo do hórreo, xa que a través deles conséguese a ventilación do millo.
A ventilación da cámara faise de moitos xeitos, segundo sexa o material empregado no peche do hórreo. Si é un entretecido de varas, coma nos cabazos e cabaceiros, a ventilación faise por medio de moitas aberturas do entramado do paramento, semellantes ao de calquera labor de cestería. Se o peche se fai con madeira, adopta as características dunha celosía, formada por taboíñas de carballo ou castiñeiro (as doelas ou pontóns), separadas por fendas de 1 a 2 cm. e unidas por un ou dous listóns horizontais que reciben o nome de cintas ou faixas. Se o material empregado é a pedra, as solucións dependen das características petrográficas da zoa: dende o emprego de pedras irregulares de considerábeis dimensións, separadas por pequenas rachas que cobren os ocos existentes entre as fiadas superpostas; ou lousas de pizarra, deixando aberturas de ventilación similares a troneiras; ata os construídos con aberturas horizontais, ou con pedra de gra de boa calidade. Neste último caso os ocos de ventilación soluciónanse ou mediante o uso de prismas de base rectangular ou cadrada de pequenas dimensións, separadas por aberturas de 1 ou 2 cm., ou pola utilización de estreitos sillares nos que se practican fendeduras verticais, que recordarán ás doelas dos hórreos de madeira, separadas por franxas que nos lembran as cintas ou faixas horizontais.

Ó referirme ós peches laterais, hai que facelo tamén ós sistemas de entrada ó hórreo, entrada que se realiza por portas de considerable tamaño, en proporción ás pequenas dimensións deste tipo de construcións, situadas nun dos penais ou no medio dun dos costais, e protexidas, ás veces, por un pequeno tellado ou archete. A estas portas, que se abren a unha altura mínima dun metro do chan, accédese por múltiples sistemas de escaleiras, unhas de man e outras construídas en mampostería ou silleiría, sempre separadas do corpo do hórreo para evita-la entrada dos ratos.
c) Elementos de cobertura. As características de planta de cada unha das tipoloxías do hórreo definirán, por último, os distintos modelos de cuberta empregados. As cubertas a catro augas aparecen só nos hórreos de planta cadrada asturianos e nos localizados en zonas de provincia de Lugo. No caso de As Pontes tamén atopamos varios, coa variedade de que son de planta rectangular. Son moito máis frecuentes as cubertas a dúas augas, propias do hórreo rectangular. A súa estrutura consiste nunha viga lonxitudinal apoiada en penais e reforzada por algunha tesoira, na que cargan as ripas, que sosteñen á súa vez o material de cobertura (tella, pizarra, colmo e nalgúns casos placas de pedra de gra ou gneis). Este pode voar sobre as caras laterais do graneiro para abrigalo da chuvia, ou ben aparecer protexido por unha lousas colocadas sobre a prolongación do pinche, denominadas sobrepenas.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.
