PATRIMONIO PONTÉS CLXIV

OS HÓRREOS:

E seguindo coas partes do hórreo, continuo con os tornarratos e a cámara::

– Os tornarratos: Sobre dos esteos, cepas, celeiros ou mesas e co fin de tornar os ratos da cámara , ó mesmo tempo que facilita o seu asentamento nos soportes, aséntase pezas de pedra de base chá e de pouco grosor chamadas tornarratos, rateiras, tapas, capas, moas, lousas, rodas, mesas, postas… según a zona e o tipo.

– A cámara: É o elemento central do hórreo, asentado sobor do tornarratos. Xeralmente, de altura maior ca da base. Podemos diferenciar nela tres características construtivas:

a) Elementos estruturais ou esquelete do hórreo. Asentado polo común, nunha grade ou armazón de catro trabes ou vigas, nas que descansan as columnas e os paramentos laterais do hórreo, dous lonxitudinais (as padieiras ou dinteis) e dous transversais (cabeceiras); estas suprímense, ás veces, cando se fan as paredes penais en mampostería ou sillería sobor das cepas.

O piso da cámara aséntase sobor da grade e está feito e tablóns de madeira ou por laxas de pedra, que descansan sobor duns rebaixes laterais feitos para o caso nas trabes, ou en pontóns transversais asentados nas mesmas, ou directamente sobor das cepas.

Agás os hórreos cercados lateralmente por muros de mampostería ou cantería, a estrutura de peche de cámara consiste nun esquelete armado cun número de columnas case sempre igual ao dos esteos da base, unidas por un conxunto de dinteis superiores (padieiras), nos que descansa a coberta. Ditas columnas, de sección rectangular, aséntase espigándoas ou incrustándoas en caixas abertas nos esquinais da grade; nos hórreos de madeira este asento refórzase mediante o cravado de ambas pezas e o apoio das columnas en estribos exteriores, que van dende a prolongación das trabes ata a mitade da altura de cada unha delas.

A estrutura do hórreo péchase, por último, co xa mencionado conxunto de dinteis, denominados soleiras ou padieiras, sobre os que descansa directamente o tellado. Entre eles cabe mencionar, polas características peculiares, os empregados como pinches nas paredes penais; consisten nunha única peza triangular na que se realiza unha escotadura para apoiar a viga central do tellado, e na que ás veces aparece labrado un gardaventos de protección para a porta do graneiro.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

Deja un comentario