Hoxe imos ver algunhas das parte do hórreo, que completaremos no artigo seguinte. As de hoxe son:
– A soleira: Xeralmente os hórreos están construídos enriba dunha rocha ou nos lugares onde non é moi necesaria unha cimentación, e de selo, que sexa mínima. A soleira é unha especie de cama (feita con pedra ou mampostería) ou cimentación onde asentan os pés, esteos ou cepas. Loxicamente é máis forte se os hórreos son de pedra e menos se son de madeira.
– Os soportes: Son uns dos elementos fundamentais do hórreo, xa que non só terman de todo o peso, senón que tamén separan a cámara do chan para illar o gran da humidade. Os soportes poden ser de catro tipos: columnas, cepas, celeiros e soleiras macizas (ou mesas macizas de mampostería).

a) As columnas, chamadas tamén pés dereitos, poden ser de madeira ou de pedra (as de pedra chámanse esteos). Nos casos máis sinxelos, cabazos e hórreos de madeira, os postes ou pés son troncos de madeira cravados no chan. Nos esteos, a pedra pode estar labrada ou non, e o su número pode variar, desde catro ata máis de trinta nalgúns exemplares espallados por Galicia. Estes poden ser de corpo cilíndrico ou de corpo prismático de base rectangular, hexagonal ou octogonal.
b) As cepas, ou muros de carga transversais, de dimensións iguais ao ancho da cámara, propios das zonas petrográficas onde son abondosos.
c) Os celeiros, formados por catro muros de mampostería ou canteiría que pechan o espazo situado baixo a cámara, dando lugar a unha nova dependencia na que se gardan as patacas ou outros produtos de horta.
d) As soleiras macizas ou mesas macizas de mampostería, unha alternativa diferente ás que rematamos de ver, e pouco considerada polos investigadores, aínda que para nós é moi importante dado que na zona de As Pontes de Gª Rguez. danse algúns casos deste tipo. Tamén os temos na zona de Vilalba. O hórreo érguese sobre dunha mesa maciza feita de mampostería, que na maioría dos casos é unha continuación das soleiras ou cimentacións sobre das que descansa o hórreo.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.
