PATRIMONIO PONTÉS CLXII

OS HÓRREOS:

Hoxe ímonos centrar nos materiais de construción, na existencia e nas partes do hórreo.

Materiais de construción:

                                               É moi posible que os máis antigos estiveran feitos de pólas de salgueiro, carballo e, sobre todo, de bímbeos. Logo pasouse a empregar a madeira dándolles unha estrutura moi semellante a actual. Como a madeira é perecedoira, pouco a pouco, fóiselles engadindo partes de pedra (cepas ou pés, tornarratos, linteis, doelas…). Para o tellado empregouse, primeiramente, palla ou colmo, xestas… logo, a lousa e a tella. E no seu acceso, escadas de madeira e logo escaleiras de pedra integradas no mesmo.

Existencia:

                        O hórreo non é exclusivo de Galicia, atópanse hórreos por todo o norte da Península Ibérica (Galicia, norte de Portugal, Asturias, León, Cantabria, Euskadi e Navarra) e en países coma Hungría, Países Escandinavos, Suíza, Romanía…

As partes do hórreo galego:

            Xa fixen antes referencia á riqueza de vocabulario no galego cando nos referíamos aos distintos nomes para o hórreo, o mesmo sucede cando nos referimos aos nomes das partes que varían duns lugares a outros, influíndo tamén os materiais coas que están feitas. Entre as partes do hórreo galego, cos nomes máis comúns, temos:

A soleira, os soportes ou sustentación, o tornarratos, a cámara, o teito e os remates.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

Deja un comentario