PATRIMONIO PONTÉS CLIX

HÓRREO NO CASCO URBÁN

Ao limpar a finca e sacar as árbores froiteiras que había diante, aparece outro hórreo do que tamén descoñecía a súa existencia por estar oculto á vista. Está situado na finca que fora de Adolfo na Avda. de Galicia, case chegando á ponte de Isabel II.

Trátase dun exemplar grande comparado cos hórreos existentes no concello e suspendido en altura, se cadra dos máis altos do concello, polo menos dos que coñezo.

É do tipo “Cabanas”, con teito a catro augas e que está todo cuberto polas hedras e silvas, polo que pouco se pode dicir del.

Está suspendido a unha altura de dous metros do chan e situado enriba duns catro muretes de ladrillo e que debaixo aproveitarían o cuberto para gardar cousas.

Baseándonos noutros hórreos da zona, podemos dicir que a cámara é de madeira, o que non sabemos é por onde ten o acceso, pois escaleiras nos penais non se aprecian. O teito é de lousa con tella nas arestas. A cámara é máis grande en lonxitude cos hórreos da zona, pertencía a unha casa con recursos polo que almacenaría grande cantidade de maínzo.

Tampouco podemos dicir nada sobre o estado de conservación, mais para min foi unha novidade atopar un hórreo con estas dimensións e dentro do casco urbán.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

Deja un comentario