PATRIMONIO PONTÉS CLVIII

HÓRREO 2 NOS LOUREIROS

Trala poda parcial de loureiros, nunha finca pegada á pista, puiden ver un hórreo do que eu non sabía, pois estaba oculto pola ramaxe das árbores.

É do tipo “Vilalba” e de teito a tres augas.

A sustentación é sobre dunha soleira maciza de pedra, sobre ela vai a rateira que é tamén de pedra; enriba a cámara, totalmente de madeira e cunha fita lonxitudinal. A cámara leva corredor no penal da entrada e viseira, pero sen columnas que a sosteñan. A cámara vai dividida en dous corpos por unha columna central a cada lado, de pedra. O teito é a tres augas e cuberto de lousa, cun pináculo de pedra no remate traseiro do teito.

Conserva restos de pintura na madeira da súa cámara e porta, dunha cor marrón avermellada. O estado de conservación presenta deterioro por falla de uso.

O acceso á cámara é por unha escaleira de pedra.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

Deja un comentario