HÓRREO (III) DE ENDESA, CENTRAL DE GAS.
Neste caso, aínda que situado no interior do recinto da central de gas, si atinaron co exemplar da zona, é máis, hai que dicir que é un fermoso exemplar de hórreo tipo “Cabanas”. Teño que engadir que a foto non é moi boa, pois está feita dende fóra do recinto e a malla metálica dificulta o enfoque.

Hórreo de soleira de altura media, maciza de pedra e rematada en escaleira tamén en pedra nun dos lados menores.
Tornarratos de pedra que fai as veces de piso ou chan da cámara.
Cámara mixta, de madeira e pedra, con tres corpos de cámara, dividida por columnas de pedra. Leva dúas faixas lonxitudinais horizontais que atravesan a cámara todo ó arredor. A porta está nun dos penais.
O teito a catro augas e de lousa, con remate de tella redonda.
É un fermoso exemplar, grande e que podía gardar unha cantidade considerable de maínzo e que debeu de vir dalgunha zona de expropiación da mina, posiblemente das últimas.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.
