PATRIMONIO PONTÉS XLIII

HÓRREO (II) DE ENDESA (CENTRAL DE GAS)

Na estrada de acceso á central de gas de Endesa e á man dereita atopamos ese exemplar de hórreo moi particular, e explícome, a simple vista vemos que é un hórreo que non é dos da zona, xa que é ancho e a dúas augas, a sustentación tampouco é a máis abondosa nos hórreos ponteses, aínda que noutrora puidérao ser (refírome antigamente). Mais imos velo.


A sustentación esta feita con catro esteos situados a máis espazo que o ancho e o longo da cámara o que non cadra para nada, pois os esteos podían sobresaír un pouco do ancho da cámara, mais non tanto.

As rateiras están formadas por catro pedras a xeito de paralelepípedo, algo tamén bastante raro neste concello. Xa que eran chantas ou pedras máis planas e algo máis grandes.


Sobre as rateiras, dúas vigas transversais debaixo dos penais que tamén sobresaen en exceso. E para saír aínda máis do normal, uns tornos de ferro que atravesan vigas, rateiras e chegan aos esteos para fixar todo. Cando o normal e que só foran pousadas enriba das rateiras.


A cámara tamén ten o seu particular. É unha cámara bastante ancha. Está toda ela feita en madeira. O chan ou piso da mesma tamén é de madeira. E o máis particular, busqueille a porta e non a atopei por ningures. Engadir que está policromada, pintada de branco e de vermello.


O teito, para non desmarcarse do resto, tamén ten o seu particular. É un teito a dúas augas, con lousas de dúas clases. As do remate son rectangulares e fan un remate atípico nesta zona, pois non van encaixadas unhas nas outras. As latas, ou táboas que van debaixo do teito, tamén están colocadas sen cangos.


Conclusión, penso que alguén tivo a idea de poñer un hórreo (novo) xunto cun carro e facer a cousa máis “enxebre”, mais fallou o deseño, o coñecemento dos hórreos da zona e o coñecemento da súa construción. Ás veces, véndennos fume e dicimos: – Que fermoso! Pero imos deixar a cousa en que o carpinteiro que o fixo non era desta zona e que se esqueceu da porta.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

Deja un comentario