PATRIMONIO PONTÉS XLII

HÓRREO DE ENDESA (NOS PATOS).



Dentro do recinto empresarial de ENDESA e, concretamente, na zona axardinada chamada dos “patos”, está situado este fermoso exemplar de hórreo. Descoñezo o seu orixe, sei que fora da zona expropiada, mais non sei nin o lugar nin a casa de onde veu.


É un hórreo longo se o comparamos co hórreo tipo, descoñezo a súa sustentación orixinal e non sei se a que ten é a que tiña ou é unha reprodución da que tería en orixe ou é nova, pois a sustentación era unha parte do hórreo que non se soia levar canda el, facíase unha nova para cando se traía pousalo nela. Neste caso estamos a falar dunha sustentación novidosa e pouco frecuente neste concello,  pois componse dunha soleira maciza feita en cantería na que van apoiadas as cepas feitas dunha soa peza. Sobre estas as rateiras ou tornarratos. Ten seis cepas, dúas centrais no lugar da porta, e cinco rateiras, unha sobre cada cepa e a da porta apoiada en dúas. A cámara é mixta, de madeira e pedra, coas doelas atravesadas por dúas fitas lonxitudinais horizontais que o rodean. O teito é a catro augas, de lousa e con remate de tella curva nos cumios superior e laterais. Vai adornado cun remate en pináculo nun extremo e, no outro, cunha cruz cumial da que xa falei no seu día.


A porta central dáse nalgún caso máis de hórreo nesta zona, mais é escasa, polo xeral está nun dos penais. Non ten escaleiras de acceso, polo que é de supoñer que se faría mediante unha escaleira de madeira.


É un fermoso e grande exemplar de hórreo que debía pertencer a unha casa con bastante terra dedicada a produción de maínzo.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

Deja un comentario