HÓRREO NA MOURELA

Por xentileza do matrimonio, Carlos e Fina, da Librería “Xandra” que me facilitaron as fotos deste hórreo, hoxe podo expoñelo nesta sección. Era un exemplar que eu non tiña localizado. Moitas grazas a ámbolos dous.
No lugar da Mourela atopamos este exemplar de hórreo e que é propiedade de D. Gumersindo Rivera. Trátase dun hórreo que coma moitos non é orixinario deste lugar, xa que veu do Almigonde, lugar onde se atopaba orixinariamente.
É do tipo “Cabanas” e aparenta ter moitos anos. Vaise conservando ben, máis xa comeza a ter necesidade dalgún arranxo, principalmente no teito.
A sustentación é sobre muretes, concretamente dous, enriba deles os tornarratos que son dúas chantas. Sobre estas a cámara de madeira toda ela e cunha fita lonxitudinal transversal. A porta nun dos penais. Non ten escaleira, pois os muretes son baixos.
Orixinariamente descoñezo se a tiña e cal era a súa sustentación. O teito a catro augas e cuberto de lousas. Está algo desfeito nunha das augas, pois o vento tiroulle algunhas lousas.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.
