HÓRREO DA DÁ.

Seguindo cos hórreos que teño preto da casa, hoxe vou presentarvos outro fermoso exemplar que se atopa no lugar da Dá, case a carón da pista e ao final das casas.
É un curioso e vello exemplar que está facendo as veces de muro e de hórreo, xa que está no medio dun muro de pedra. Pertence ao modelo tipo “Cabanas”.
A soleira é maciza e media-alta de cachotería de pedra, aínda que por un dos lados está algo recebado. O tornarratos é corrido e fai as veces de chan da cámara. Esta é mixta (madeira e pedra), con columnas de pedra centrais que a dividen en dous corpos. Leva unha fita lonxitudinal horizontal que atravesa ao hórreo pola súa metade. A porta está nun dos penais e ten escaleira de pedra. O teito é o típico, a catro augas, e cuberto de lousas e con pedras no remate das mesmas para termar delas, o mesmo que no caso do exemplar dos Loureiros .

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.
