Archivo por meses: marzo 2025

PATRIMONIO PONTÉS CXLIX

HÓRREO DE OS LOUREIROS



Moi preto da miña casa e no lugar orixinal de Os Loureiros hai un vello hórreo que hoxe quero ensinarvos. É un fermoso exemplar que no seu tempo cumpría a súa función á perfección.


Suspendido sobre muretes transversais de cachotería de pedra e con acceso nun dos penais (no que dá á casa) por unha escaleira feita tamén de pedra. A súa posición, pódese dicir que é media alta pola altura dos muretes.


Os tornarratos son de pedra e van independentes, ten tres, como o número de muretes. Sobre eles apoian as trabes de madeira da cámara que sustentan o armazón da mesma.


A cámara é de madeira con dúas divisións mediante columnas tamén de madeira, o que lle confire tres corpos ao hórreo. As doelas de madeira van atravesadas lonxitudinalmente por unha fita de madeira horizontal.


O teito, a catro augas, é de lousas. O remate do mesmo é de encaixe dunhas lousas noutras. E neste exemplar podemos ver algo que ata o de agora non víramos, pedras enriba das lousas de encaixe facendo de contrapeso. (Imos descubrindo algo novo cada día).


É, como dixen, un fermoso e vello exemplar de hórreo que se corresponde co tipo “Cabanas”.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS CXLVIII

HÓRREO NO CACHOPAL-RIBADEUME.

Por xentileza de Dona Mariluz Pena Barro, que amablemente me remitiu unha foto deste hórreo, hoxe podemos ver un exemplar máis nesta páxina e que está situado no Cachopal-Ribadeume.

Trátase nesta ocasión dun fermoso e ben coidado hórreo do tipo “Cabanas”, abondosos no noso municipio. Base ou soleira maciza, con escaleira frontal de tres chanzos, todo en cachotería de pedra. Tornarratos de pedra que fai as veces de chan da cámara. Cámara mixta (madeira e pedra), con dous corpos separados por columnas centrais de pedra, ao igual cos penais que tamén son de pedra. A cámara de madeira leva dúas fitas horizontais lonxitudinais.

O teito, coma nos do tipo “Cabanas” a catro augas e cuberto de lousa con remates de tella. Como vemos un fermoso exemplar de hórreo e ben coidado polos donos para que perdure anos e poidamos desfrutar da súa vista. E supoño que aínda seguirá empregándose para gardar e secar algo dentro del, ao mesmo tempo que é unha peza máis ornamental da zona onde está.

O meu agradecemento a Mariluz Pena pola súa aportación a esta páxina.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXLVII

HÓRREO II DE RIBADEUME.



Este exemplar veu da zona da mina, o dono mercouno e levouno para Ribadeume. Como se pode ver algún elemento non é o orixinal, mais o importante é que se salvou de ser derrubado coma moitos e ir para a “escombreira” ou entulleira.


A sustentación non é a orixinal, ten uns muros transversais feitos de bloque, enriba deles os tornarratos de chantas e, enriba destes, outros muros transversais compostos por unha pedra de cantería.

Estas soportan as trabes de madeira que compoñen o armazón da base da cámara.

A cámara é de madeira toda ela, con dúas columnas intermedias que dividen a cámara en tres corpos. tamén leva dúas fitas ou cintas lonxitudinais horizontais. A porta está nun dos penais e o acceso á mesma é por medio dunha escaleira feita en lousa ben cortada. O teito é a catro augas, de lousa e con remate en tella.


Este exemplar é do tipo “Cabanas” e, como xa comentei, estaba na zona de expropiación da mina.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada