PATRIMONIO PONTÉS CXLIII

HÓRREO III NO MARIÑAO

            Hoxe preséntovos o Hórreo III do Mariñao, en realidade os restos do que foi un hórreo. Descoñezo se hoxe sigue aínda en pé,  pois a foto xa ten uns anos (polo menos 20), mais vale a pena presentalo pois, no seu día, debeu ser un fermoso exemplar. Cando deixan de cumprir a súa función, abandónanse e non se conservan, ao mesmo tempo se os lugares deixan de estar habitados vanse estragando pois precisan conservación de cando en vez.

            Polo que se pode apreciar tiña a soleira maciza e con escaleiras unidas á soleira no penal da porta, os chanzos da mesma tiñan o piso de lousa. Polo que se pode ver debeu de ser moi similar ao Hórreo I, pois leva moitos detalles similares, polo que pode ser que o construtor fose o mesmo.

            O tornarratos é de pedra e fai de piso da cámara. Esta é mixta (de madeira e pedra), dividida en dúas partes por unhas columnas centrais (unha a cada lado) e dúas fitas lonxitudinais horizontais. A porta nun dos penais, vai divida en dúas partes, con adornos (só queda un), cunha talla dunha roseta central no medio de cada metade. Asemade (e coma no Hórreo I) con adorno superior debaixo do teito. O teito é a catro augas de lousa e rematado con tellas.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

Deja un comentario