Archivo por meses: febrero 2025

PATRIMONIO PONTÉS CXLVI

HÓRREO I DE RIBADEUME

O día que visitei o monumento á música, puiden facer unhas fotos a dous hórreos que son visibles dende a estrada. Hoxe preséntovos o primeiro, pois é especial, como algún dos que vimos xa, pero de bo tamaño.


Este exemplar ten a soleira maciza, dunha altura media. A simple vista non se lle ve a escaleira de pedra, posiblemente se acceda por unha escada de man. O tornarratos é de pedra e fai as veces de chan da cámara. Esta é mixta (madeira e pedra), de dous corpos e con columna central de pedra. Leva dúas cintas ou fitas lonxitudinais horizontais. A porta vai nun dos penais. O teito é a tres augas, coa viseira de enriba da porta moi pronunciada (isto é o que o fai moi especial), non ten corredor (descoñezo se o tivo en algún momento). O teito de lousa con remate de tella.


Este tipo de hórreos son unha evolución entre os dous que máis abondan na zona, isto é, unha evolución entre o tipo “Vilalba” e o tipo “Cabanas”. Son únicos e merecen ser conservados (os demais tamén, loxicamente)

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXLV

HÓRREO DE GOENTE II.

            Na casa reitoral da Igrexa de San Martiño de Goente atopamos este hórreo, xusto detrás da Igrexa, na marxe esquerda da estrada que vai de As Pontes a A Coruña.

            Atopámonos nesta ocasión con outro alto, fermoso e vello hórreo mixto (madeira e pedra).

            A soleira é alta e maciza de cachotería. Tornarratos de pedra que vai facendo as veces de piso ou chan da cámara. O acceso por escaleira no penal da porta. A cámara mixta, con columna central que o divide en dous corpos; leva dúas fitas lonxitudinais transversais. A madeira da cámara xa comeza a dar mostrar de precisar reparación e conservación. O teito a dúas augas, de lousa e remate de tella.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXLIV

HÓRREO DE GOENTE I.

            Hórreo de novo facturación, pois debe ter preto dos dez e poucos anos e do que xa falei algo cando citamos a súas cruz cumial. Está situado en Goente, entre a Igrexa e o Museo do Mel, máis ou menos no medio e na mesma man.

            É un hórreo baixo, de cepas de pedra e sen escaleira exterior de acceso.

            O tornarratos é de pedra e fai, ao mesmo tempo, de piso da cámara. Cámara mixta (madeira e pedra), con columna central que o divide en dous corpos, fita transversal polo medio da cámara. A porta tena no penal que dá cara estrada.

            O teito é a dúas augas, de lousa, con remate de encaixe dunhas lousas noutras e nos penais leva capelas (pedras a ámbolos lados); enriba destas, unha cruz no penal da porta e un pináculo no penal traseiro. Os dous elementos confírenlle máis altura ao conxunto.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXLIII

HÓRREO III NO MARIÑAO

            Hoxe preséntovos o Hórreo III do Mariñao, en realidade os restos do que foi un hórreo. Descoñezo se hoxe sigue aínda en pé,  pois a foto xa ten uns anos (polo menos 20), mais vale a pena presentalo pois, no seu día, debeu ser un fermoso exemplar. Cando deixan de cumprir a súa función, abandónanse e non se conservan, ao mesmo tempo se os lugares deixan de estar habitados vanse estragando pois precisan conservación de cando en vez.

            Polo que se pode apreciar tiña a soleira maciza e con escaleiras unidas á soleira no penal da porta, os chanzos da mesma tiñan o piso de lousa. Polo que se pode ver debeu de ser moi similar ao Hórreo I, pois leva moitos detalles similares, polo que pode ser que o construtor fose o mesmo.

            O tornarratos é de pedra e fai de piso da cámara. Esta é mixta (de madeira e pedra), dividida en dúas partes por unhas columnas centrais (unha a cada lado) e dúas fitas lonxitudinais horizontais. A porta nun dos penais, vai divida en dúas partes, con adornos (só queda un), cunha talla dunha roseta central no medio de cada metade. Asemade (e coma no Hórreo I) con adorno superior debaixo do teito. O teito é a catro augas de lousa e rematado con tellas.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.