HÓRREO I NO MARIÑAO

Este exemplar que hoxe presento ten algo especial para min, xa que foi o primeiro no que vin labor de talla de madeira. A talla, persoalmente, gústame e cando teño tempo saco unhas labras. Pois neste exemplar aparece traballo de talla na porta de acceso. Está situado no lugar do Mariñao, xunto con outros dous exemplares que non distan moito no espazo, pois están nas casas veciñas e que veremos en sucesivos días. Este é un exemplar de cepa maciza de mediana altura. Tornarratos de pedra todo corrido, facendo as veces de chan da cámara. Cámara mixta de madeira e pedra, con dous corpos separados por columna central e unha cinta lonxitudinal horizontal. Porta nun dos penais, con acceso de escaleira frontal de pedra.
A porta leva elementos ornamentais, consistentes en dous cadros nos que as diagonais céntranse nun círculo tallado no medio de cada un; dentro do círculo vai unha flor tallada. Neste exemplar non se aprecian ben, mais cando vos ensine o terceiro, verédelo mellor. Na parte superior da cámara, tamén leva ornamentación, cunha madeira a xeito de cadradiños xusto por riba da mesma. O teito é o típico da zona, a catro augas e de lousa, con remate de encastre dunhas noutras. Outra peculiaridade deste hórreo é que está datado e ten o nome do dono. No tornarratos, xusto na parte frontal da porta, nunha esquina o ano, 1902 (na da esquerda ollándoo de fronte) e na outra, VIVERO. (Antes do ano ten unhas letras ilexibles)


Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
