PATRIMONIO PONTÉS CXL

HÓRREO III NA CANLE IV

Un terceiro exemplar foi colocado nesta zoan da Canle IV, mais na outra banda do rego Brixeo, oposta aos dos exemplares anteriores. Neste aínda está máis patente a mala xestión patrimonial, pois fixéronlle unha base maciza de bloques. Posiblemente a base orixinal fose maciza de pedra, quixeron facer algo similar e non se lles ocorreu mellor cousa que empregar o bloque. Ben, o fin é o que importa e hoxe temos un exemplar de hórreo máis (que coma os dous anteriores xa comeza a precisar mantemento) salvado da expropiación que, doutro xeito, iría á escombreira.

Estamos ante o que debeu ser un fermoso exemplar no seu día, semellante ao do Pazo-A Faeira, polo menos na súa parte superior. A base, como xa dixen, feita de bloque a xeito de soleira maciza, tornarratos de pedra todo corrido e que fai de piso da cámara. Cámara mixta, de madeira e pedra, de dous corpos separados por unha columna central e cunha fita ou cinta lonxitudinal horizontal. Porta de acceso na cabeceira que dá ao local de ASPANAES. O teito é a dúas augas, de lousa e rematado, no cumio, cunha fiada de tella e, nos estremos, con capas ou sobrepenas de pedra. Acompañan ao conxunto uns pías de pedra.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

Deja un comentario