PATRIMONIO PONTES CXXXIX

HÓRREO (II) NA CANLE IV

Na zona da Canle IV temos tres hórreos que viñeron da expropiación de Endesa, polos anos 90. Hoxe imos ver o primeiro que é un exemplar típico de hórreo “Cabanas”. Non sei se a base é a mesma que tiña, pois descoñezo onde estaba e cales eras as súas características anteriores, xa que foron restaurados e reformados en algunhas partes. Tamén teño que engadir que xa comezan a ter necesidade de limpeza e conservación, é unha mágoa que se estraguen, xa que ademais de ser uns elementos patrimoniais o son ornamentais na zona onde están.

A base actual está composta por tres cepas transversais feitas de pedras graníticas. Sobre cadansúa, un tornarratos ou rateira independente, é dicir, ten tres rateiras. A cámara é mixta, de madeira e pedra; dividida en dúas partes por unha columna central e con dúas cintas lonxitudinais. A porta nun dos penais, o que dá ao pobo. Non ten escaleira de acceso, como dixen, foi trasladado da súa situación orixinal e foi un elemento que non lle puxeron (a súa altura orixinal posiblemente fose maior). O teito é a catro augas, cuberto de lousa e remate de tellas.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

Deja un comentario