
Primeiramente, e antes de entrar no artigo en si, quixera desexar a todos/as que ledes estos artigos un Bo Nadal e que se vos cumpran os vosos desexos.
HÓRREO NA FRAGACHÁ
Hoxe móstrovos outro exemplar alto de hórreo no que se refire á súa sustentación. E como veredes con algunha que outra curiosidade. Está situado case enfronte da Igrexa ou Capela que hai na Fragachá. A soleira é maciza e alta, a algo máis de dous terzos colocouse, por un dos laterais (o que amosa a foto) un tellado para un alpendre onde se garda a cisterna do tractor. Por riba desta altura, unha pasarela (de chanta) de acceso ao hórreo que vai dende o balcón da casa ata a porta de acceso. Este paso está por debaixo do tornarratos, non queda á mesma altura da porta. Tamén se pode observar, na segunda foto, que ten unha balaustrada de ferro forxado que na primeira non tiña (fixéraa nunha visita anterior). (Lembra este xeito de acceso ao hórreo III do Caneiro).
O tornarratos é de pedra e fai de piso do hórreo.
A cámara é mixta (madeira e pedra), de tres corpos con dúas columnas centrais. A porta está nun dos penais. Como características especiais da cámara, podemos dicir que unha é que as fitas (3) son verticais e as doelas son horizontais, ao revés da maioría dos hórreos ponteses; a outra, é que ao restauralo, pola outra parte da cámara, fíxose de ladrillo, conservando as dúas columnas centrais e revocouse de cimento toda a soleira ou base maciza. Asemade, o penal traseiro, a metade baixa é de pedra e a metade alta, é de ladrillo; perdendo a súa orixinalidade e beleza.
O teito é a tres augas, con viseira enriba da porta de acceso, pero coa particularidade de que é de uralita (material que non é propio dos hórreos). Orixinariamente este hórreo puidera ser do tipo “Vilalba”

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
