Fermoso exemplar de hórreo, trasladado dalgún lugar expropiado (non teño datos). É dun tamaño grande como hórreo desta zona, pois ten tres corpos de cámara, cando normalmente son de un ou de dous como moito. É moi similar a un que tiñamos na Vila e que se perdeu. A suspensión non é a orixinal, pois vai sobre catro cepas transversais e altas (posiblemente para evitar o vandalismo) de granito. Sobre elas fixeron un asento ou mesa de cemento, e sobre el vai o tornarratos de pedra que fai de chan do hórreo. A cámara é mixta, madeira e pedra, con dúas columnas centrais e dividida, como xa dixen, en tres corpos, e cunha fita lonxitudinal, a porta está no medio dun dos laterais, concretamente o que dá á estrada, no lado oposto ao río. Non ten escaleiras de acceso, outro motivo para evitar o vandalismo ou excesos festeiros, polo lugar onde está situado. O teito é a catro augas, e cuberto de lousa, con remate de tellas. Clasifícanse no tipo “Cabanas”, mais eu inclínome como o do tipo “Moeche” e se me apurades, como un tipo especial “As Pontes”, pois tampouco é como os outros tipos citados, hai variacións con todos eles.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
Temos hoxe outro exemplar de hórreo de Bermui, este restaurado de hai pouco, e bastante ben logrado, agás por un detalle que, a meu xeito de ver, fáltalle.
Este exemplar é do tipo “Vilalba” pero evolucionado, como xa dixen máis veces, sen corredor, balaustre e columnas. É un hórreo de soleira maciza de pedra, non moi alta (veremos algún outro exemplar que a duplica en altura), con escaleiras tamén en pedra. Tornarratos de pedra que fai de piso, a cámara mixta (madeira e pedra), estreita e pequena (E aquí, a meu xeito de ver, fáltalle a fita lonxitudinal que seguro o hórreo primitivo tiña ou levaba e a este non se lle puxo, pois está presente na maioría dos hórreos). O teito a tres augas, cunha lixeira viseira no penal da porta. O remate do tellado é de lousas engarzadas.
A restauración está ben feita e posiblemente se conserve moitos anos sen ter que tocarlle. Habería que felicitar ao dono por decidir conservalo e restauralo.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
Hoxe imos ver outro tipo de hórreo, é o hórreo con cámara de ladrillo. Temos varios ao longo do concello.
Un dos principais problemas dos hórreos no referente á súa conservación é duración da madeira da cámara por mor da climatoloxía, pois pasados uns anos a madeira podrece e hai que substituíla. Unha solución que xa vimos era a de pintalo, ás veces, de varias cores (policromía), deste xeito lográbase aumentarlle uns anos a duración do mesmo; e de pintarse cada dous ou tres anos, aumentábase aínda máis esta duración. Outra era substituír a cámara de madeira por unha cámara de ladrillo, esta moda comezouse entre os anos 60 e 70, cando comezou a empregarse o ladrillo na construción das casas. Como o ladrillo ten furados, pois a aireación estaba asegurada; e, por outra banda, duraba máis tempo ca madeira e non había que pintalo. Polo tamaño dos furados os paxaros e os ratos non ían entrar, é dicir, todo eran vantaxes. Mais o maínzo ten dous problemas: o exceso de humidade e o exceso de calor. Entón algúns non cumprían igual a súa función ao poñerlles o ladrillo, pois había exceso de humidade ou de calor, dependendo moitas veces do lugar onde estaba situado, pois coa madeira cumpría a súa función nese lugar, mais co ladrillo non. O ladrillo é de barro que terma da calor moi ben, e no verán a cámara podía ter exceso de calor. Por outra banda, os furados excesivos dos ladrillos podían meter moita humidade nos meses de inverno, polo que era frecuente que algúns destes furados estiveran tapados con cemento ou cun anaco de pao metido nel, para regular os excesos.
Este exemplar de hórreo de Bermui do que falamos hoxe, ten a soleira maciza de cantería, o tornarratos é de pedra e vai facendo de piso da cámara. A cámara é mixta de ladrillo e pedra, xa que os penais e a columna central (que divide a cámara en dúas partes iguais) son de pedra. Accedese á cámara por unha porta que vai nun dos penais e por unhas escaleiras tamén de pedra. O teito é a tres augas e de lousa ou pizarra. Leva algo de viseira no frontal da porta. E o remate do mesmo feito con tellas e cemento.
Penso que xa non está moi utilizado polas hedras que por el subían na parte traseira e pola cantidade de restos de madeira e outros materiais que ten arrimados e polos que os ratos terían o acceso moi doado ao mesmo.
Con toda probabilidade este hórreo no seu día foi mixto de madeira e pedra, é moi similar a outros que hai nesa zona e que para min son unha evolución do tipo “Vilalba” ao que se lle suprime o corredor (con columnas e balaustres), conserva a viseira, máis retírase o piso cara a porta, facendo máis curto.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
Atopamos este exemplar no alto de Lourentín-Goente, antes de chegar ao cemiterio, indo en dirección A Coruña e á man esquerda da estrada.
Penso que este exemplar foi trasladado dalgunha zona expropiada e colocado de novo, sen variar moito a súa forma orixinal.
É un hórreo tipo “Cabanas”, non moi grande e tamén policromado. (Xa comentei que tiñamos máis casos de hórreos policromados).
A sustentación do mesmo é sobre dúas cepas nos penais, as rateiras son de pedra e, sobre elas, vai a cámara que é de madeira toda ela. Leva unha fita lonxitudinal e está dividida en dúas partes por unha columna central tamén de madeira. A porta vai nun dos penais e accedese a el por unha escada de madeira. O teito é a catro augas e cuberto de lousa. O máis salientable del é a policromía da cámara, leva dúas cores (verde e vermello claro, case que rosa) e vai formando rombos na parte central e triángulos nas outras.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada