Archivo por meses: octubre 2024

PATRIMONIO PONTÉS CXXIX

HÓRREO NO CANEIRO


Temos outro hórreo moi interesante, pois é dos poucos que quedan no concello con sustentación de pés ou esteos de madeira. Atopeino hai uns anos no lugar do Caneiro e descoñezo se segue en pé.


É un exemplar tipo “Vilalba”, con viseira e corredor, máis sen columnas nin balaustres. De madeira (agás as rateiras e a cuberta) e que cando fixen a foto aínda era funcional e mantíñase ben.


A sustentación e de pés de madeira, as rateiras de chantas, a cámara de madeira e con tres divisións feitas por dúas columnas centrais de madeira (dúas cunha fita lonxitudinal e outra con dúas fitas lonxitudinais), leva a porta de acceso nun dos penais e debíase facer por medio dunha escada pequena. O teito é a catro augas e cuberto de lousas, o remate superior das mesmas cuberto de cemento.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXXVIII

HÓRREO TIPO “VILALBA” NA VILAVELLA (A MEDIADOS DO SÉCULO PASADO)


Preséntovos este hórreo en foto para que teñades unha idea clara de como era un hórreo do tipo “Vilalba”. Hoxe, desaparecido, xa non está, pero era un bonito exemplar do prototipo vilalbés. Borrei as caras da xente que sae na foto, porque penso que o importante é o hórreo neste caso. Este exemplar estaba situado na Vilavella e a foto pode ser de mediados do século pasado.


É un hórreo sustentado en muretes que parten dunha media mesa maciza. Sobre eles van as rateiras que son de chantas e, sobre elas, a cámara. Esta é de madeira con dúas fitas lonxitudinais. Leva viseira e balaustre con columnas (isto é o típico do hórreo tipo “Vilalba”). A cámara está dividida en dúas partes por unha columna central. A porta vai nun dos penais e debíase acceder a ela por unha escada de madeira pois non se aprecia escaleira de pedra. O teito é de lousa e a tres augas.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXXVII

HÓRREO NA COVA-O APARRAL


Atopámonos cun exemplar do tipo “Vilalba” que xa debe ter os seus anos, mais mantense conservado, no lugar de A Cova, na primeira casa á man dereita, segundo se colle a desviación para O Aparral.


A sustentación é sobre muretes, sobre eles van as rateiras que son de lousa ou chanta; enriba a cámara, totalmente de madeira e cunha fita lonxitudinal. A cámara leva corredor no penal da entrada e viseira. Dos balaustres só se conservan as columnas dianteiras (os balaustres faltan). A cámara vai dividida en tres corpos por dúas columnas centrais, tamén de madeira. O teito é a dúas augas e de lousa.
O que máis chama a atención deste hórreo, ademais de ser do tipo “Vilalba” do que xa non quedan moitos exemplares é a súa policromía (temos algún que outro exemplar policromado, facíase para dar máis duración á madeira do hórreo). Ten dúas cores, vermella (aínda que xa parece castaña polo paso do tempo) e branca.

Polos laterais da cámara alternan os cadrados dunha cor e doutra; e, na porta, un círculo que contén unha hexapétala (flor de seis pétalos) e, debaixo, cadrados vermellos e brancos. Non ten escaleira de pedra, polo que o acceso debíase facer por unha pequena escada de madeira, como se facía antigamente na maioría dos hórreos de madeira.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CXXVI

HÓRREO DE O PAZO-A FAEIRA


Imos ver hoxe un fermoso hórreo, dos que eu non teño catalogados, e que me chegou pola xentileza de Dona Patricia Rivera á que lle agradezo me remitise a foto e os datos do mesmo.
É un hórreo de cepa maciza e mixto (madeira e pedra), co tellado a dúas augas. O tornarratos é de pedra. A cámara con dous corpos e columnas centrais de pedra, unha cinta central polo medio da cámara. Con porta nun dos penais (a que non se ve na foto) e con escaleiras de pedra.
Unha cousa do máis destacable neste hórreo é as sobrepenas, que son esas pedras que van sobre os penais (porta e parte traseira) no tellado, son de pedra e danlle ao hórreo un aspecto de solidez e forza, ao mesmo tempo que lle aportan beleza na construción. Tamén é de destacar o remate do lousado, engarzando unhas lousas dun lateral coas doutro.
Dicir que é un hórreo que non encaixa nin no tipo “Cabanas” nin no tipo “Vilalba”, ten algo de ámbolos dous e, ao mesmo tempo, algo que non é nin dun nin doutro. Descoñezo se hai algún exemplar máis por esa zona deste tipo, pois estaríamos a falar dunha nova tipoloxía de hórreo nas Pontes.


Segundo os datos aportados por Dona Patricia Rivera, foi feito no ano 1896 e descoñece quen o fixo, posiblemente un bisavó (pola data).


Foi restaurado polo home de Dona Patricia hai oito anos, que fixo a réplica de tal e como estaba, reparándolle as partes danadas polo paso do tempo. Persoalmente penso que reparacións como esta son de felicitar, pois conseguiu unha boa restauración dun fermoso e rexio exemplar de hórreo.


Na foto tamén se pode apreciar o poste da luz, a sensibilidade das eléctricas co noso patrimonio é suprema. Isto mesmo o imos ver con cruceiros, pontes, reloxos de sol… Non se respecta o patrimonio e as leis parece que están para uns poucos.
O meu agradecemento a Dona Patricia Rivera

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada