PATRIMONIO PONTES CXXI

E seguimos a falar de hórreos desaparecidos e especiais por algunhas características especias. Imos co terceiro hórreo de Saa de Abaixo.




HÓRREO 3 DE SAA DE ABAIXO:


Situado máis cara o interior do camiño, fronte ás casas e a uns 20 metros do anterior. Sen lugar a dúbidas estes exemplares de Saa, supuxeron, para min, un achádego de curiosidades que antes non atopara noutros hórreos da zona. Mágoa da súa perda por mor das expropiacións.


Este é un exemplar mixto (de pedra e madeira) con teito a tres augas, galería e secadoiro de queixos na parte alta da cámara, dúas bandas de fitas horizontais, tornarratos que é a prolongación para os laterais da base do piso e que pola cabeceira da porta non está tan prolongado coma a galería; e base de mesa maciza de mamposteiría de pizarra sen revocar que amosa dúas novidades curiosas, a primeira, é a incorporación dunha pedra dunha acea ou muíño pequeno incrustada na base maciza e, a segunda, a existencia en dita base dun pozo. Isto é o aproveitamento do espazo, que ao mesmo tempo serve tanto para o hórreo coma para pozo; e, porque non, unha obra máis da enxeñería popular que resolvía situacións diversas.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

Deja un comentario