Seguindo co tema patrimonial dos hórreos, imos ver algunhas características e partes deles e que tipos de hórreos temos no noso concello.

OS HÓRREOS PONTESES (II)
Os materiais para a construción dun hórreo son: as varas, a pedra, a madeira e a lousa ou as tellas (dependendo da zoa de Galicia).
Atendendo aos materias cos que están feitos temos:
– hórreos de varas
– hórreos de madeira.
– hórreos mixtos (de madeira e pedra).
– hórreos de pedra (non hai no concello).
– hórreos de pedra e ladrillo.
As partes dun hórreo son:
– A soleira.
– Os soportes, que poden ser: columnas, cepas ou muretes, celeiros e cepas macizas.
– O tornarratos.
– A cámara.
– O teito.
Como son os nosos hórreos ponteses? Un dos poucos estudos dos hórreos da zona, o de D. Ignacio Martínez Rguez. (“El hórreo gallego”, Fundación Barrié de la Maza. Montevideo-1977) dinos que no noso concello existen ou existían dous tipos de hórreos ben diferentes: o tipo Vilalba e o tipo Cabanas
TIPO VILALBA.- Características: Hórreo estreito e de madeira. Leva un corredor cuberto antes da entrada. Teito a dúas augas polo xeral, aínda que hai unha evolución entre o tipo Vilalba e o tipo Cabanas que é o hórreo a tres augas. Apoiado en muretes de cachotería de pizarra. E con tornarratos de lousa.
TIPO CABANAS.- Características: Hórreo pequeno e estreito. Normalmente mixto, aínda que tamén de madeira. Teito a catro augas e vai sobre muretes ou mesa maciza de cachotería de pizarra.
É o máis abondoso no concello.
Aínda que estudando os nosos hórreos podemos decatarnos de que existen algunhas variantes e incluso algún tipo que non está incluído nos dous anteriores.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
