Archivo por meses: agosto 2024

PATRIMONIO PONTÉS CXX

Seguimos a falar de hórreos de Saa de Abaixo, xa desaparecidos, mais especiais polo xeito da súa sustentación, eu diría que únicos e que a expropiación enguliu.

HÓRREO 2 DE SAA DE ABAIXO:


Engadir que no anterior apartado dedicado aos hórreos non o dixen, que neste lugar de Saa de Abaixo, expropiáronse catro exemplares de hórreos nesta zona onde se fixo o parque de carbón; os dous dos que estamos a falar coa especial sustentación e outros dous máis e dos que falarei nos seguintes apartados dos hórreos.


Este exemplar de hórreo 2 estaba situado no camiño interior, ao pé das casas, e a uns 30 metros do anterior e de características moi semellantes a el. Se cadra un anaco máis ancho e algo mellor conservado. A suspensión máis alta ca no hórreo 1 e non tan a xeito de triángulos isósceles senón pés dereitos de chanta ou lousa. Os tornarratos ou rateiras son de chantas, ten a cámara de madeira toda ela e o teito é a tres augas e cuberto de lousa. Tamén leva na parte superior o secadoiro dos queixos aínda que con menos buratos exteriores que no hórreo 1. Outra diferencia e que este non conta cos barrotes sobre os que debería apoiar a galería e as trabes inferiores non van prolongadas coma no hórreo 1.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

    PATRIMONIO PONTÉS CXIX

    E visto por enriba o xeral sobre os hórreos imos coñecer algúns hórreos ponteses. Algúns xa non os temos canda nós pois desapareceron por mor do paso do tempo, das expropiacións…
    No caso do de hoxe, desapareceu por mor das expropiacións de Endesa.



    Quero comezar a presentación dos nosos hórreos con estes exemplares existentes no lugar de Saa de Abaixo e que eran especiais. E digo eran porque xa non están, a expropiación para facer o parque de carbón tragounos coma a moitos máis e un inmenso patrimonio de todo tipo e ninguén dixo nada. Un exemplo malo de como o “progreso” arrasa, ás veces, con exemplares únicos do noso patrimonio, por mor dunha falla de estudo, falla de coñecemento, falla de valoración e falla de control patrimonial por parte das institucións que había naquel entón.
    Aclarar que este lugar foi expropiado por Endesa par facer o parque de carbón. Teño que dicir que tiven a sorte de fotografalos antes da súa destrución e, polo menos, quedarme cunha lembranza gráfica que, en certo xeito, xustifica a súa existencia real noutrora.
    Engadir que dende o Colexio Monte Caxado solicitáramos a súa conservación ao Concello, mais ninguén nos escoitou.

    Hoxe preséntovos o hórreo 1 e, na seguinte ocasión, o hórreo 2, porque son especiais.
    Hórreo 1: Situado a uns 5 ou 6 metros da estrada vella que ía de As Pontes a Cabanas, Pontedeume, Betanzos e Coruña.. É un hórreo de madeira, en principio, similar ao do “tipo Vilalba”, mais con moitas diferencias. Primeiramente presenta unha sustentación composta por catro chantas a xeito de triángulos, máis ou menos, isósceles; sobre a que van apoiadas dúas chantas en horizontal que fan de tornarratos. Sobre delas unha cámara rectangular apoiada nun conxunto de trabes de madeira. As paredes de doelas verticais entre os barrotes que dividen os tramos e forman as esquinas. Catro faixas, dúas nos extremos das doelas e outras dúas repartidas á mesma distancia nelas. Descansa sobre unha grade de catro vigas entrecruzadas ás que van suxeitos os esquinais e barrotes. As dúas lonxitudinais fan un pronunciado saínte nun dos lados menores.
    O teito é de pizarra a tres augas e non a dúas coma o de Vilalba, con aresta lonxitudinal. O aleiro é moi saínte sobre un dos lados menores (0,80 m.) coincidindo có das vigas longas e coa porta de acceso e creando a típica galería, propia do tipo Vilalba xa que tamén leva soportes que apoian nas trabes ou vigas inferiores.
    Outra característica propia deste exemplar (común co número 2) é que levan na súa parte superior un lugar especialmente dedicado a secar os queixos, visible desde o exterior polos buratos que se poden ver no fronte da galería

    Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

    PATRIMONIO PONTÉS CXVIII

    Seguindo co tema patrimonial dos hórreos, imos ver algunhas características e partes deles e que tipos de hórreos temos no noso concello.



    OS HÓRREOS PONTESES (II)


    Os materiais para a construción dun hórreo son: as varas, a pedra, a madeira e a lousa ou as tellas (dependendo da zoa de Galicia).
    Atendendo aos materias cos que están feitos temos:
    – hórreos de varas
    – hórreos de madeira.
    – hórreos mixtos (de madeira e pedra).
    – hórreos de pedra (non hai no concello).
    – hórreos de pedra e ladrillo.
    As partes dun hórreo son:
    – A soleira.
    – Os soportes, que poden ser: columnas, cepas ou muretes, celeiros e cepas macizas.
    – O tornarratos.
    – A cámara.
    – O teito.
    Como son os nosos hórreos ponteses? Un dos poucos estudos dos hórreos da zona, o de D. Ignacio Martínez Rguez. (“El hórreo gallego”, Fundación Barrié de la Maza. Montevideo-1977)  dinos que no noso concello existen ou existían dous tipos de hórreos ben diferentes: o tipo Vilalba e o tipo Cabanas
    TIPO VILALBA.- Características: Hórreo estreito e de madeira. Leva un corredor cuberto antes da entrada. Teito a dúas augas polo xeral, aínda que hai unha evolución entre o tipo Vilalba e o tipo Cabanas que é o hórreo a tres augas. Apoiado en muretes de cachotería de pizarra. E con tornarratos de lousa.
    TIPO CABANAS.- Características: Hórreo pequeno e estreito. Normalmente mixto, aínda que tamén de madeira. Teito a catro augas e vai sobre muretes ou mesa maciza de cachotería de pizarra.
    É o máis abondoso no concello.
    Aínda que estudando os nosos hórreos podemos decatarnos de que existen algunhas variantes e incluso algún tipo que non está incluído nos dous anteriores.

    Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

    PATRIMONIO PONTES CXVII

    Unha vez rematados os artigos relacionados co tema patrimonial de cruces no noso concello, imos comezar con outro apartado dedicado aos nosos hórreos, elementos tamén importantes dentro do noso patrimonio pontés.
    Ao ser As Pontes un territorio situado nos lindes de dúas provincias (A Coruña e Lugo) temos unha tipoloxía variada dependendo dos lugares onde se encontran. Os máis próximos á provincia de Lugo son dunha tipoloxía e, canto máis a dentro da provincia da Coruña, son doutra, con variantes tamén dentro deles.

    OS HÓRREOS PONTESES (I)

    Os hórreos constitúen un exemplo máis do noso Patrimonio material que se está a perder día a día, pola pouca importancia que se lles dá. Asemade a perda do seu uso, contribúe de forma decisiva para que se vaian abandonando e non se conserven como merecen, e pouco a pouco caian e pérdanse para sempre.

    É unha construción adxectiva á casa, destinada a gardar e secar o maínzo principalmente. Tamén se di que é un graneiro suspendido ou en alto.

    Nel gárdanse e sécanse: maínzo, castañas, fabas, centeo, trigo, noces, abelás, carne salgada, queixos…

    Horro, hórrea, cabazo, cabaceiro, canastro, cabana, celeiro, piorno… son algúns dos seus nomes, dependendo da forma da súa construción e dos materiais empregados. Polo xeral, no noso concello, referímonos a el co nome de “hórreo”.

    As primeiras referencias deles témolas nos escritores romanos, Varrón, Cayo Plinio Segundo, Lucio Junio Moderato Columela… Todos falan dos “granaria sublima” ou celeiros pendurados que existían xa antes da súa chegada a Gallaecia e que tiñan e empregaban os seus habitantes, polo que a súa antigüidade é anterior á chegada dos romanos. Posiblemente a súa existencia veña do Neolítico co cultivo dos cereais (centeo, millo miúdo ou paínzo…) e coas características climáticas (humidade) do noso país galego terían necesidade de conservar os alimentos en seco.

    Os hórreos non son exclusivos de Galicia, atopámolos en Asturias, León, Cantabria, EusKadi, Navarra e norte de Portugal dentro da Península.

    Máis tamén en países como Hungría, Suíza, Países Escandinavos, Romanía… África subsahariana, Persia, Xapón e sueste asiático, Península de Kamchatka e área do Estreito de Bering. E por que nesta zonas? Pois porque, como en Galicia, son zonas con humidade alta no clima e a conservación e almacenamento do gran só é posible en hórreos.

    En todos os países tenden a desaparecer. Mais hai algúns que tenden a protexelos e conservalos como monumentos do pasado. Deberíamos tomar exemplo deles.

    Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada