Trasladámonos ata Bermui, onde hai tempo atopei esta cruz labrada no exterior da Igrexa e colocada case a xeito de banco, e que tempo despois volvín e xa non estaba no lugar. Agardo que fose gardada no interior do templo, cousa que descoñezo.
É un fermoso e raro exemplar de cruz labrada da que descoñezo a súa orixe.
CRUZ LABRADA NA IGREXA DE BERMUI

Exemplar curioso e antigo de cruz esta e que está situada na entrada da Igrexa de Bermui.
Esta igrexa foi trocada de lugar e feita de novo. Esta pedra na que está labrada, moi posiblemente estivese no lintel da porta de acceso a Igrexa primitiva, baséome na feitura da mesma, xa que ten forma semicircular o que me indica lintel superior da porta. Tamén dáme a sensación de que está incompleta, que dalgunha forma non a sacaron enteira, pois en dous dos brazos parece non rematada.
A cruz é un exemplar único por este municipio. Lembra unha cruz medieval, aínda que tampouco está moi claro. En dous dos remates dos brazos pódense ver dúas ferraduras, unha cara o interior e outra cara fóra. O significado non o teño claro. Lembra algo aos “crismóns”, pero tampouco penso que o sexa.
Esta pedra está exposta no exterior da mesma e colocada a xeito de tallo enriba dun zócalo frontal e dunha pequena base composta de dúas pedras situadas na parte central e unha terceira no lateral esquerdo segundo se mira.
A cruz é ancha e grande, das labradas é a máis grande que atopei ata o de agora e, posiblemente, unha das máis antigas. Aínda que está incompleta, é unha cruz latina. As dúas ferraduras son algo raro e, ao mesmo tempo, o feito de que unha estea nun sentido e a outra no outro desconcerta bastante.
Engadir que na miña última visita a Bermui a pedra xa non estaba neste lugar, non sei se foi introducida dentro da Igrexa ou onde foi parar.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
