Centrámonos hoxe no Caneiro e concretamente no hórreo número 2, ao que fixemos referencia nas Cruces Cumiais, e que tamén ten un exemplar de cruz labrada.
CRUZ DO HÓRREO Nº 2 DO CANEIRO

Nun hórreo existente no lugar do Caneiro, indo fotografar un hórreo alí existente e que ten unha cruz cumial, atopei esta cruz labrada na parte frontal do mesmo e situada no penal da porta.
É unha cruz latina (brazos desiguais) e cos brazos horizontais máis delgados cos verticais. O brazo superior rematado en punta por mor do remate do peche do penal e é bastante curto.
Está traballada en pedra de toelo, ben labrada.
Debaixo da cruz leva dúas inicias (A . G.) e o ano (A.Ñ .1927), que supoño serán as iniciais do dono da casa e o ano de construción de dito hórreo.
Os alimentos gardados no hórreo tamén estaban baixo a protección da cruz para que non se estraguen e se garden ben. Xa dicía Castelao que o hórreo é como o Sagrario onde se garda o pan.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
