Imos hoxe cun exemplar de cruz labrada que tivemos a sorte de poder impredir de que fose a parar á escombreira. Estaba situada nun lugar expropiado por ENDESA, concretamente en Saa de Abaixo.
CRUZ DA CASA Nº 26 EN SAA DE ABAIXO

Esta casa, número 26 de Saa de Abaixo, era propiedade da familia Caaveiro de Saa de Abaixo.
Cruz atípica no concello, pola escaseza desta tipoloxía. É o tipo “Orde de Malta”, isto é, de catro brazos fortemente ensanchados nos extremos e rematados cada un deles en dúas puntas, facendo un total de oito puntas. As dúas aspas horizontais son iguais e, nas verticais, a superior de menor tamaño ca inferior que é a máis grande de todas e máis ancha. A cruz é de tipo latina (brazos desiguais).
Estaba situada no lintel da porta principal da casa. Está labrada na mesma pedra do dintel, sobresaíndo do mesmo.
O lugar de Saa de Abaixo foi expropiado por ENDESA no ano 1.995 e derrubadas as súas casas e demais construcións adxectivas por mor da construción do parque de carbón. Entre as casas derrubadas estaba esta que levaba o número 26, conñecida polo nome de casa de Dona Francisca, e pertencente a D. José Nicolás Caaveiro Corral.
Hoxe, esta pedra do dintel da porta coa cruz, atópase ao pé do hórreo existente no patio do C.P.I. “Monte Caxado”, sendo unha peza máis do Museo Etnográfico.. E constituíndo unha das poucas mostras do noso patrimonio que se salvaron de ir parar a escombreira ou coleccións particulares. O Museo, despois de facer as xestións precisas co dono e con ENDESA, logrou que lle fose doada a pedra lintel coa cruz, asemade, tamén lle foi doada unha pedra de muíño (dunha acea), que se atopaba na base (cepa maciza) dun hórreo, existente no mesmo lugar.
A cruz de Malta foi emblema dos Cabaleiros de San Xoán ou Cabaleiros Hospitalarios.
(Lembremos da existencia na Vila dun Hospital da orde de San Xoán).
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
