E imos hoxe con outro tipo de cruces, as labradas.
Son aquelas que están traballadas nas pedras dos linteis das portas, dos muros, paredes…; xeralmente sobresaen da mesma pedra, é dicir, están en relevo. Non son moi grandes na maioría dos casos.
Foron postas, coma no caso da maioría das riscadas, como símbolo de protección contra o mal. Debían protexer, non soamente as persoas, tamén aos animais e incluso ás colleitas, pois algunhas están tamén nos hórreos.
CRUCES DA LÁPIDA NA PORTA DA IGREXA DE SAN PEDRO DE EUME

Coido que este é un dos achádegos importantes para min, neste estudo sobre as cruces no noso concello. Na porta da entrada da Igrexa de San Pedro de Eume, atópase unha lápida moi curiosa, e, ao mesmo tempo, moi gastada polas pisadas da xente ao longo dos anos. Representa ou é unha reprodución do escudo de Galicia, e para min que é a única representación que temos do mesmo no concello de As Pontes de García Rodríguez, e , se cadra, nin a hai en concellos veciños; asemade rara en Galicia pois esta é unha lápida non un escudo ou brasón propiamente dito. Non tiña coñecemento dela en ningún dos traballos que sobre o noso concello se fixeran con anterioridade e penso que non está estudada por ninguén. A Igrexa de San Pedro de Eume é moi antiga, e posiblemente debaixo dela estea soterrado algún frade ou nobre importante e moi relacionado coa nosa terra. A lápida en cuestión, ten un escudo dentro do que se atopa o cáliz ou copón coa hostia ou Sagrada Forma na parte superior, fóra do escudo dúas cruces na parte superior e a ámbolos dous lados (Cabe sinalar que nas primeiras representacións do escudo de Galicia só aparecía representados un copón ou varios, mais non había cruces; ou de habelas só era unha e estaba enriba rematando o copón, é dicir, formando parte da tapa do mesmo. No século XVI o copón foi trocado polo cáliz e a hostia, e un pouco máis tarde, engadíronselle varias cruces). A pedra na que está labrada é de granito e, como xa dixen, moi desgastada polos anos e a situación (entrada da igrexa).
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
