Na nosa Vila hai varias cruces labradas e tamén riscadas, símbolos de protección contra o mal, para que non entrara na casa ou afectara aos seus moradores. E sinal, tamén, de que dentro vivía unha familia cristián.

Imos ver algúns exemplos destas cruces labradas da Vila, e comezamos cunha que hai na casa que está a continuación do Museo na Rúa Real en dirección á ponte de García Rodríguez, ponte dos ferros ou ponte vella.
CRUZ LABRADA NO DINTEL DUNHA FIESTRA NUNHA CASA DA VILA
De difícil localización esta cruz, posto que está situada nun lateral da casa e nunha fiestra do andar superior da casa. Non é doado vela sen ter unha referencia, eu din con ela de casualidade e co obxectivo da cámara comprobei que efectivamente era unha cruz labrada.

En realidade é unha roda crucífera, unha cruz dentro dun círculo. Non é moi grande, máis ben pequena, o que tamén dificulta a súa localización. Está no lintel da fiestra.
Neste caso tamén se trata dunha cruz patada inscrita no círculo, aínda que non moi lograda e non moi ben labrada.
A casa na que está situada está na rúa Real a carón do Museo Etnográfico.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada





